De emprendedores para emprendedores

Ter unha idea innovadora é moi importante, o xermolo do chamado a ser un padrón de éxito. A clave está naquilo que se fai a continuación. Esa primeira intuición hai que traballala con múltiples criterios, pulila, visualizala, traela ao mundo real, moldeala, relacionala e focalizala nos beneficios que pode ofrecer tanto para a sociedade en xeral como para os seus usuarios en particular.

Por Manuel Rivero Pérez | A Coruña | 27/10/2015 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

Estamos perante ese grande reto que precisa de compromiso, de competencias, de confianza, de equipo e de recursos de diferente índole.

É o momento do diagnóstico, dese primeiro grande paso. Trátase de ver se ese reto é realista, específico e ético; se conta con recursos ou ten posibilidade de os alcanzar; se está deseñado o plan estratéxico, dentro dun marco temporal; tamén  se están establecidos os indicadores que a modo de feedback nos digan se imos pola dirección correcta; e tamén a que velocidade camiñamos, para chegar en tempo e en forma á meta establecida. 

Un bon comezo radica en formulármonos estas preguntas -e contestalas con criterio, de forma clara, concisa e con sosego-: 

Cal é a nosa formación e a experiencia previa nesa actividade?

Cales son os motivos fundamentais que nos levan a emprender neste campo?

Cal e o plan de viabilidade, tendo en consideración o investimento, o financiamento necesario  e o pormenor de ingresos  e de gastos previstos?

Cal é a valoración dos gastos fixos do proxecto?

Cantos son os recursos propios que podemos achegar?

O proxecto foi avaliado por algún ente competente coñecedor da materia?

Cal foi o noso nivel de éxito en proxectos anteriores?

Se precisamo de local fixo para desenvolver a actividade, buscarémolo en propiedade ou en aluguer?  Cal é o seu custo?

Necesitaremos contratar terceiras persoas? Como promotores, traballaremos no negocio? Con dedicación exclusiva ou a tempo parcial?

Cal é o nicho de mercado e a potencial carteira de clientes e de provedores? Temos xa contactos fiábeis?

Cal a nosa situación familiar e en que etapa vital nos encontramos?

Con que ingresos contamos de forma directa e que outras alternativas temos?

Cal é a nosa situación patrimonial, contando depósitos bancarios e bens inmóbeis? Temos estes libres de cargas?

Contamos con persoas asociadas solventes nesta iniciativa ou temos posibilidades de encontralas?

Unha vez que idea pasou este primeiro filtro persoal, xa estamos a falar de algo tanxíbel. Vén a ser como ese primeiro barro na mao do oleiro, cando comeza a coller forma e ter identidade propia a ola que está a punto de crear.

Se ese diagnóstico é consistente, o prognóstico tamén  debe de ser  fiábel, entón chegou o momento das estratexias e de buscar acompañamento de calidade. 

Nesa primeira aventura, xa non estamos sós; afortunadamente existen aceleradores de Startups.

Eu teño a fortuna de coñecer o que se está a facer en Zarpamos,  cuxa misión principal é a de profesionalizar as startups de base tecnolóxica a nivel internacional e comprometerse nese longo percorrido con elas, tanto a nivel económico, como formativo e  profesional.

Algo deben estar a facer ben cando The Academic College of Tel Aviv Yaffo (MTA) se fixou no seu traballo e mantén esa estreita colaboración para crear empresas de base tecnolóxica a nivel internacional, cun modelo escalábel de interese para o investimento privado.

Israel é o primeiro país do mundo en avances tecnolóxicos. Parte dese éxito radica nesa rede de startups que tanto coidan e acompañan no seu desenvolvemento. Que non nos sorprenda: cando estamos utilizando aparatos de última xeración nos diferentes campos da ciencia, nunha porcentaxe moi elevada estes incubáronse nunha das súas múltiples startups.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta