Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 02/06/2024 | Actualizada ás 21:00
Fernando Torres, máis coñecido como 'El Niño Torres', gañador do Mundial de fútbol coa Selección Española no ano 2010, anotante do gol que deu a vitoria a España fronte a Alemaña na Eurocopa de 2008 e xogador histórico do Atlético de Madrid naceu en Fuenlabrada, en Madrid, pero as súas orixes e a súa traxectoria vital son moi galegas. O seu pai era de Boqueixón e, dende 1990 pasaba os veráns na localidade coruñesa de Estorde, en Cee.
Precisamente durante eses veráns coñeceu á súa compañeira sentimental, unha rapaza de Compostela chamada Olalla que por aquel entón tiña 16 anos e coa que ten unha filla chamada Nora, que naceu en Santiago en xullo de 2009, ademais de outros dous fillos chamados Leo e Elsa. Nunha entrevista para a revista Jot Down tan só uns días despois de xogar o último partido co Atlético de Madrid antes de retirarse (a día de hoxe xa ten 40 anos), aseguraba que "Galicia marcou a miña vida enteira; de aí é o meu pai, alí coñecín á miña muller, naceu a miña filla...". Confesaba tamén que cada verán estaba desexando que chegase agosto para virse para Galicia.
E lembraba que "pola mañá ía á praia de Cee cos meus amigos e pola tarde ao pavillón de Corcubión a apuntarnos aos torneos (de fútbol sala), ese mes pasábao increíble". De feito, dende a revista falaron cun dos veciños da vila que xogaba con el ao fútbol neses partidos: "Adoitaba participar nos torneos de fútbol sala que se celebraban todos os veráns e competía con rapaces tres ou catro ano maiores que el. O cabrón non facía nada espectacular, ningunha filigrana especial. Pasaba desapercibido, pero acababa o partido e o neno aquel metera oito goles".
Por motivos menos felices Torres volveu a Boqueixón no 2009, xa sendo un gran xogador de fútbol, para acudir ao sepelio da súa avoa María Consuelo Vigo Torres. Ademais, durante a súa lesión de xeonllo no 2010 elixiu Vigo para recuperarse, animado polo Celta a traballar nas dependencias da Madroa, onde dous fisioterapeutas do Liverpool velaban pola súa recuperación.
Recentemente, o pasado mércores 17 de abril, a morte de seu pai, José Torres, máis coñecido como Pepe Torres, natural da parroquia de Gastrar en Boqueixón, tamén o levou de novo a Boqueixón. Foi unha terrible perda para o futbolista: "Papá, sempre che manterei presente, quérote. DEP", escribiu Torres nas redes sociais. José Torres era inspector de policía e trasladouse a Fuenlabrada por motivos de traballo, onde naceron os seus tres fillos: Fernando Torres, Paz e Israel.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Hugo Mallo, condenado por abuso sexual á muller que facía de mascota do Espanyol cando era capitán do Celta de Vigo
- Susana Rodríguez volve gañar un ouro paralímpico en tríatlon con autoridade
- Os galegos Jacobo Garrido e Juan Ferrón conseguen o diploma paralímpico nos Xogos de París
- Pablo Castrillo asina o primeiro triunfo español en La Vuelta e homenaxea a Manolo Azcona en Manzaneda
- (Vídeo) Galiolímpicos: Coñece a representación galega para os Xogos Paralímpicos de París que xa están en marcha
- O que hai detrás de manterse no máis alto: As claves con Dany Domingos, capitá do Pescados Rubén Burela