Galicia participará nunha misión de defensa espacial

Será grazas á Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo que axudará a desviar un asteroide da súa órbita para analizar os fragmentos de po e rochas que se desprendan tras a colisión.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 03/11/2015 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Novo feito histórico para Galicia e o seus investigadores, especialmente, os da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo. O equipo coordinado polo profesor Fernando Aguado acaba de asinar un contrato coa Axencia Espacial Europea (ESA) para formar parte de AIM (Asteroid Impact Mission), o primeiro programa sobre defensa espacial da ESA. 

Integrantes da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo na estación de seguimento da EE de Telecomunicación
Integrantes da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo na estación de seguimento da EE de Telecomunicación | Fonte: uvigo

Trátase dunha misión tecnolóxica ideada para poñer a proba unha técnica de desviación dun asteroide coñecida como impactador cinético e para levar a cabo tarefas de investigación do propio planetoide. En outubro de 2020 lanzarase un pequeno satélite para estudar de preto o asteroide binario Didymos. Con 700 quilos de peso, levará no seu interior dous pequenos satélites de tres unidades de cubesat e varios experimentos para realizar mapas en 3D, incluído un cun sistema que se posará na superficie da lúa do asteroide para tomar mostras e fotografías da superficie, o MASCOT-2. 

Para a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo a súa participación neste proxecto “supón o recoñecemento por parte da ESA ao noso traballo”, como salientou o seu responsable, Fernando Aguado. “Que confíen en nós como unha das cinco institucións participantes nesta misión é un acicate para continuar co traballo desenvolvido na Universidade e co que seguiremos a realizar no Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia", subliña.

Trátase da primeira parte dunha misión espacial denominada AIDA que completará a NASA co lanzamento en xullo de 2021 dunha sonda que choque contra esa lúa para tentar modificar a traxectoria da órbita do asteroide e construír modelos de impacto que poidan servir para desviar nun futuro corpos que se dirixan cara a Terra.

O papel da Universidade de Vigo, segundo informa, será desenvolver un dos cinco conceptos de operación que inclúan tecnoloxía propia do consorcio que deberá levar ante a ESA, que elixirá para a seguinte fase a dúas das propostas presentadas ou integrará diferentes partes das catro en función da análise das solucións expostas. O proxecto no que traballará a Universidade de Vigo é DustCube, un cubesat que se situará a unha distancia de entre 2 e 4 quilómetros do asteroide e que se encargará de analizar os fragmentos de po e rochas que se desprendan tras a colisión (tamaño, forma, densidade...) e a composición mineral dos fragmentos, "o que lle dará aos científicos moita información sobre a orixe do asteroide, idade...", aputna.

A Universidade de Vigo participará na AIM (Asteroid Impact Mission), para destruir un asteroide
A Universidade de Vigo participará na AIM (Asteroid Impact Mission), para destruir un asteroide | Fonte: Uvigo

O envío deste satélite tamén permitirá medir a degradación das comunicacións ópticas entre a nave AIM e a Terra provocadas pola nube de po, así como probar un sistema de comunicación entre satélites, xa que o tamaño dos cubesats obriga a enviar a sinal ao AIM para que este o derive a unha estación terrestre.

Consorcio europeo

Nesta nova aventura a Agrupación Aeroespacial contará con dous parceiros cunha gran traxectoria: a empresa suíza Micos, especializada en óptica e que se encargará da parte máis científica do proxecto, e a Universidade de Boloña, que se responsabilizará da parte de propulsión do satélite. A Universidade de Vigo sería a encargada de desenvolver a plataforma dun satélite 3U de tamaño similar ao recentemente lanzado Serpens (estrutura, potencia e ordenador de abordo para procesado de datos, protocolos de comunicación), das operacións, de dirixir o proxecto e de coordinar toda a misión.

O consorcio formado por estas tres entidades tivo que competir con outras institucións privadas e centros de investigación europeos para ser escollidos pola ESA para desenvolver a Fase 0 e Fase A desta misión. Tívose en conta o alto nivel científico da proposta enviada xa o pasado mes de marzo e as importantes garantías tecnolóxicas que dá ter ás súas costas tres misións de éxito con satélites feitos segundo os estándares da Axencia Espacial Europea.

AIDA, da que forman parte AIM e DART, trátase dunha misión histórica, xa que é a primeira vez que un cubesat orbitará arredor dun asteroide e que o ser humano tentará desviar da súa órbita a un corpo do sistema solar, un ensaio para ter toda a tecnoloxía necesaria xa dispoñible en caso de que nun futuro a Terra estivera en perigo polo posible choque dun asteroide. Tamén será a primeira vez que se lancen estes satélites para desempeñar unha misión de espazo profundo a un asteroide comunicándose entre os pequenos satélites e a nave 'nai' e a primeira vez que se fagan comunicacións ópticas en misións interplanetarias.

Así como o lanzamento do primeiro satélite supuxo un antes e un despois na Agrupación Aeroespacial, este novo proxecto "supón un paso á fronte de elevadísima importancia" para o grupo de oito enxeñeiros da Universidade de Vigo que participarán no proxecto xunto con dous expertos en propulsión da Universidade de Boloña e dous en óptica da empresa suíza Micos. “Supón un paso máis aló a nivel científico para o noso equipo, xa que o tipo de enxeñaría e ciencia que imos desenvolver é algo novo que pode ter moita repercusión científica”, recoñece un dos investigadores, Franco Pérez, para quen “afrontar un proxecto desta envergadura, traballando nun equipo con científicos e enxeñeiros de moita relevancia internacional é moi motivador”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta