Galicia buscará o cuarto intento lexislativo no Congreso de transferencia da AP-9

A Cámara Baixa debaterá este martes, cunha delegación de deputados galegos, a toma de consideración do proxecto de lei.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2024 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

O pleno do Congreso deste martes, 11 de xuño, abordará a toma en consideración da proposición de lei do Parlamento galego para a transferencia do Estado a Galicia da autoestrada AP-9, que vertebra de norte a sur o eixo atlántico, no que será o cuarto intento lexislativo de conseguir o traspaso.

Por parte do Parlamento galego acode a Madrid unha delegación parlamentaria para participar no debate, que comezará ás 15,00 horas deste martes, conformada polos portavoces de PPdeG, Alberto Pazos Couñago; BNG, Ana Pontón, e PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

En decembro de 2023, por cuarta ocasión no últimos oito anos, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade --esta vez promovido polo PP-- un texto lexislativo para a súa remisión ao Congreso co obxectivo de conseguir este traspaso. Desde 2016, os diferentes acordos na Cámara galega non frutificaron polo fracaso das leis na súa tramitación nas Cortes xerais. Ata en tres ocasiones anteriores se aprobou no Parlamento galego esta demanda (marzo de 2016, maio de 2017 e xullo de 2018) sen éxito na súa tramitación no Congreso.

No pleno do Parlamento galego de finais de maio, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, desexou "moita sorte" ao tres portavoces e chanceou con que, se volven "co obxectivo cumprido" de transferir a titularidade da AP-9, irá ao Padornelo para saudalos e recibilos "se é necesario".

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, deu por feito, tras abordalo coa dirección do seu partido, que os populares votarán a favor no Congreso desta toma en consideración.

Pola súa banda, o xefe de filas do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que os deputados do Partido Socialista no Congreso apoiarán a toma en consideración da nova lei para a súa tramitación. Con todo, o ministro de Transportes, Óscar Puente, arrefriou as expectativas de que frutifique no seu percorrido e deixou claro que a transferencia ou rescate da AP-9 non é "sinxela", pero comprometeu que o Goberno manterá as bonificacións, máis aló de que a reivindicación de Galicia poida toparse de novo cun veto do Congreso a esta histórica demanda.

Paralelamente, no pleno desta semana no Congreso tamén se abordará unha moción do BNG na que insta o Goberno á anulación da prórroga da concesión da autoestrada ata 2048, así como asumir a súa xestión directa e a supresión das peaxes, ademais da propia transferencia. Recentemente, o propio Óscar Ponte cifrou en 4.000 millóns o rescate da AP-9: "É inasumible para o Estado".

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Na exposición de motivos da proposición de lei recóllese que "o eixo que vertebra o territorio en que reside o sesenta por cento da poboación galega, que conecta o litoral atlántico galego e que sustenta boa parte da economía e da mobilidade cotiá do noso territorio, é de pago". Apúntase a que esta condición "supón unha penalización que se viu agravada coas diferentes modificacións das que foi obxecto nos últimos anos o convenio" entre o Estado e Audasa, con incrementos "extraordinarios" das peaxes.

Afirma que "supón un agravio comparativo para Galicia e trae aparelladas consecuencias de especial relevancia", entre as que cita a perda de competitividade de empresas, o transvasamento de tráfico a estradas convencionais, o incremento da sinistralidade e máis emisións de gases de efecto invernadoiro. "Por todas estas razóns é económica e socialmente inasumible manter as condicións actuais das peaxes da autoestrada do Atlántico (AP-9) e a evolución prevista", razoa o texto.

"Por iso, Galicia estima necesaria e imprescindible a transferencia da autoestrada do Atlántico (AP-9) á comunidade, sempre en termos de igualdade co resto do territorio español, que permita unha xestión máis directa e máis pegada ao territorio e que levará unha maior sensibilidade, que redundará nunha mellora da calidade do servizo. É innegable que unha xestión directa desta infraestrutura desde o territorio redundaría nunha maior eficacia na xestión, que sempre sería máis acorde coas necesidades de Galicia e os seus habitantes", sostén o proxecto de lei.

ANULACIÓN DE PRÓRROGA

A demanda para que a xestión da autoestrada que vertebra a fachada atlántica galega volve saír do Pazo do Hórreo rumbo a Madrid, onde chegará de novo cunha serie de demandas en materia económica ao Estado como principais novidades.

Entre esta figura unha mención a que será a Administración do Estado quen asuma as posibles consecuencias económicas que deriven dunha hipotética anulación da prórroga da concesión a Audasa ata 2028, asunto que está en estudo pola xustiza europea por unha posible infracción da normativa comunitaria en materia de competencia.

Esta cuestión foi incorporada durante o proceso de tramitación na Cámara galega a través dunha emenda do BNG que foi aceptada para a súa inclusión no ditame final polo PP. Esta foi a única achega ao texto orixinal presentado polos populares, que engadiron unha serie de obrigacións a facer fronte por parte do Estado en asuntos como a extensión das bonificacións das peaxes ou a execución de obras de remodelación ou ampliación da infraestrutura.

AP-9, Autoestrada do Atlántico / Miguel Riopa - Arquivo / Europa Press
AP-9, Autoestrada do Atlántico / Miguel Riopa - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta