Un equipo galego secuencia o xenoma dunha momia de 500 anos

O estudo desta material permitiu identificar unha nova linaxe xenética cuxos descendentes poderían estar vivindo en Perú e Bolivia na actualidade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/11/2015 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

É un pequeno salto para a ciencia, pero un gran paso para as investigacións xenéticas. Por vez primeira, investigadores da USC analizaron xenoma mitocondrial de aproximadamente 500 anos de antigüidade, concretamente o dunha momia andina atopada semienterrada e conxelada en 1985 no borde occidental do sur do cerro Aconcagua, a 5.300 metros de altitude na base da montaña de Pirámide (provincia de Mendoza en Arxentina). 

Momia dun rapaz de 7 anos de 500 anos de antigüidade atopada nos Andes
Momia dun rapaz de 7 anos de 500 anos de antigüidade atopada nos Andes | Fonte: USC

O xenoma secuenciado  procedía dunha momia dun neno de sete anos de idade e que estudos arqueolóxicos e antropolóxicos previos indican que puido ser vítima dun ritual de sacrificio inca coñecido como ‘capacocha’ hai aproximadamente cinco séculos. A revista Scientific Reports do grupo Nature acaba de publicar un artigo sobre a investigación.

O equipo liderado polos profesores Antonio Salas Ellacuriaga e Federico Martinón Torre, en colaboración con investigadores arxentinos,  conseguiu extraer e secuenciar a totalidade do xenoma mitocondrial de ADN procedente dunha biopsia de pulmón da momia. A este traballo sumouse un “importante esforzo bioinformático e matemático”, segundo a USC, que permitiu comparar os resultados deste análise de laboratorio cunha base de datos mundial de aproximadamente 28.000 mitoxenomas. A comparación posibilitou sinalar no perfil xenético da momia unha nova linaxe xenética (haplogrupo) bautizado como C1bi e que “non fora identificado previamente en poboacións contemporáneas”, explican os investigadores. 

Por contra, e tomando como referencia outra base de datos, os autores atoparon que podería haber descendentes desta linaxe vivindo en Perú e Bolivia na actualidade e un individuo que habitou no antigo imperio Wari (contemporáneo aos incas e de procedencia andina).

Segundo o traballo de investigación desenvolvido, os autores suxiren que a momia representa “un sub-clado xenético raro de antepasados maternos humanos que xurdiron hai aproximadamente 14.300 anos en Perú, o que é consistente á súa vez con achados arqueolóxicos”. O estudo do material mitocondrial completarase no futuro con novas análises de ADN nuclear que ampliarán o coñecemento sobre unha das máis grandes e complexas civilizacións da América precolombina ao tempo que evidencia como distintas áreas de coñecemento –xenética, antropoloxía e historia- poden confluír arredor dun mesmo tema. 

Antonio Salas, investigador da USC
Antonio Salas, investigador da USC | Fonte: USC

Primeira análise do xenoma dunha momia andina

Antonio Salas Ellacuriaga, profesor da Facultade de Medicina e membro do Instituto de Medicina Legal da USC subliña que “é a primeira vez que se analiza o xenoma dunha momia andina e os resultados son consistentes coas hipóteses formuladas a través doutras disciplinas”. Os resultados teñen consecuencias importantes noutras áreas de investigación biomédica xa que, como explica a modo de exemplo, “é importante coñecer os límites das técnicas que usamos na actualidade, porque con frecuencia traballamos con mostras altamente degradadas na casuística criminal ou nos casos de identificación por medio de probas de ADN”. 

Nesta mesma dirección, Federico Martinón Torres, pediatra e investigador clínico do Hospital Clínico Universitario de Santiago, recoñece que “retos tan complexos como este, axúdannos a perfeccionar a capacidade técnica dos nosos equipos para poder abordar máis e mellor os retos clínicos máis difíciles dos pacientes”.

A posibilidade de aplicar técnicas contemporáneas en restos de varios centos de séculos abre portas cara múltiples direccións. “Sería interesante realizar a análise do xenoma enteiro da momia –afirma Antonio Salas- o que podería revelar información sobre multitude de cuestións relacionadas coas enfermidades ou características físicas do neno incaico”.

Tamén sinala o interese de analizar o microbioma deste individuo xa que “podería achegar información tremendamente valiosa en relación ao ecosistema microbiolóxico existente no organismo dese individuo”. Na opinión do investigador a posibilidade de comparar esta “fauna microbiolóxica coa existente en poboacións contemporáneas podería arroxar información clave para entender o proceso de evolución e adaptación dos microorganismos nunha perspectiva espazo-temporal” e ter importantes consecuencias no mundo da infectoloxía e a microbioloxía. Todo isto suporá “un enorme reto tecnolóxico e analítico”, conclúe.

Autores

Os grupos de investigación traslacional GenPop e GENVIP, implicados na análise agora divulgada en Scientific Reports están dirixidos polo xenetista e profesor da Facultade de Medicina Antonio Salas Ellacuriaga e polo xefe de sección de Pediatría Clínica, Infectolóxica e Traslacional da Área de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago, Federico Martinón Torres. Ambos expertos xuntos achegan un factor de impacto acumulado superior a 1000, segundo datos do Journal Citation Report de 2014. Os dous equipos intégranos investigadores/as novos/as cun marcado enfoque multidisplinar xa que proceden de ámbito diversos como a pediatría, a xenética, a inmunoloxía, a bioinformática, as matemáticas, a farmacia ou a enfermaría, entre outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta