Nós nus: Sobre a Unidade Popular

Os prehistoriadores e as prehistoriadoras (que de todo hai) podemos afirmar dúas cousas encol do pasado máis lonxano de Galicia: 1. Que dende que chegou o xénero Homo cos seus bifaces aquí houbo unha notable presión demográfica, e 2. Que dende a Prehistoria recente, os galegos e galegas temos a manía de vivir esparexidos polo territorio, ao chou, á nosa bola. Este hábitat disperso que tanto chama a atención ás xentes do centro-sur da Península Ibérica é unha boa estratexia para fuxir das concentracións derivadas do Poder. De aí a teimuda resistencia a cousas como a alcumada concentración parcelaria.

Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 13/11/2015

Comparte esta noticia
Os nosos antergos dos castros inzaron a terra de pequenas aldeas fortificadas, aquí e acolá. Miles de poboados inzan esta fin do mundo coñecido. Este atlas minifundista non facilita as cousas a aqueles investigadores que procuran saber sobre a posible organización política desas xentes. A fauna humana debía ser boa. A diferenza doutras zonas nas que os romanos e gregos identificaron un pobo ocupando un vasto territorio, por estes lares, en troques, cítanse ducias de “populi”, un por bisbarra, alomenos. Aquí cada un facía a guerra pola súa conta. Así o demostran as táboas de hospitalidade: mentres uns veciños pactaban con Roma outros loitaban para remataren escravizados nas minas e mobilizados nas lexións romanas. Despois de anos estudando as cabanas e os poboados castrexos non deixa de chamarme a atención un pequeno detalle construtivo: estes fulanos a poder ser nunca compartían paredes medianeiras. Xa hai que ser rabudo. Se non confías no veciño xa me dirás que fas cos do castro de enfronte ou os do “populus” da comarca do lado. Moita unión non debía haber. Para min que un dos poucos sitios de agregación social (que diría un antropólogo pedante) era o que os romanos chamaron os “Fora”, é dicir, os lugares de mercado, as feiras. Sen dúbida daquela vén aquilo de “Cada quen fala da feira segundo lle foi nela”.
 
Dende a Protohistoria, o da Unidade Popular sempre foi un handicap. Tivo que vir un asoballamento brutal coma o dos malos usos dos malfeitores baixomedievais para que a Irmandade agromase en Galicia. Sen embargo, aos irmandiños pasoulles un pouco o que lle aconteceu aos rapa nui da Illa de Pascua, que mentres erguían os “moais” medraban as tensións entre os grupos locais nun devalar que os levou á desaparición. Do mesmo xeito, mentres derrubaban unha fortaleza e outra tamén, os irmandiños xeraron dentro de si mesmos o cancro da división. Nos tempos contemporáneos, a alerxia á unidade seguiu presente, malia os agrarismos. Mentres outros grupos étnicos creaban potentes lobbies en América, os galegos eran eses que abrían Centros galegos dunha parroquia concreta, dun concello ou dun partido xudicial, en Bos Aires ou Montevideo. Xa hai que ser. Este abraiante minifundismo ideolóxico ten un aquel anarcoide interesante. Sobranceiros representantes deste carácter galego foron os mariñeiros galegos que fuxiron da costa no 36 cara a Euskadi e se uniron aos galegos de Pasaia. Estes anarcosindicalistas loitaron en Donostia contra as tropas de Mola, daquela maneira. Coas katiuskas de andar no mar, foron ás Penas de Aia, a mil metros polo monte. Alí estiveron até que cansaron e abandonaron as posicións, porque lles petou. Esta xente rematou formando parte do Batallón Celta, o batallón nº 6 da CNT do Goberno de Euzkadi. Unha das poucas fotos que se conservan é dos galegos na trincheira xogando ao parchís... Xusto no comezo da ofensiva franquista do 30 de marzo de 1937, os galegos abandonaron a fronte en Udala para marchar sobre Bilbo a esixir ao lehendakari que mantivese a imprenta do seu xornal. As tropas de Mola crebaron a fronte xusto por ese lado. Estes galegos soncvos coma os celtas escoceses e irlandeses de Brave Heart, naquela batalla contra os ingleses.
 
Eu creo que os únicos popes aos que seguiron os galegos foron Prisciliano, Martiño de Dumio e Manuel Fraga. Excepcións históricas protagonizadas por xentes para nada gregarias. Non gostamos de que nos anden con andrómenas; gostamos de sermos independentes, malia todo. Un día falando en Vitoria-Gasteiz cun bombeiro (basco abertzale fillo dunha galega de Negreira) este díxomo claramente. “eu cada vez que vou alá polo verao flipo cada vez máis. Agora entendo que non pidades a independencia, pero se xa a tendes, facedes o que vos sae do carallo, por moita bandeira española que poñades nos campanarios no día de festa”. Así, facer patria ou grupo parlamentario en Madrid non é doado. Aínda que ben pensado, iso é o que opinan os de Negreira, que che son moito de cooperativas e caralladas desas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA