Altos cargos do PSdeG saen en defensa de Besteiro tras a rebelión de Pachi Vázquez

O presidente da Fegamp, os presidentes das deputacións de Lugo e A Coruña e a alcaldesa de Lugo apoian ao líder socialista como candidato á Xunta logo das críticas de Pachi Vázquez.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/11/2015 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, acendeu unha mecha que vai ser difícil de apagar. A mecha dunha bomba que vai descargando metralla ós poucos en forma de críticas veladas a José Ramón Besteiro. Sen embargo, o actual secretario xeral conta con sólidos apoios que, este xoves, non dubidaron en saír na súa defensa.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, co líder do PSdeG, José Ramón Besteiro
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, co líder do PSdeG, José Ramón Besteiro | Fonte: Deputación de Lugo

Escollía Pachi Vázquez os medios públicos galegos, eses que día si e día tamén son utilizados polo Goberno do PP para atacar á oposición, para descargar a súa artillería contra Besteiro reclamando que non se presente como candidato á Xunta pola súa imputación no caso Garañón.

Pero non tardaron nin un día outros dirixentes do partido en responderlle ao díscolo presidente provincial do PSOE de Ourense; entre eles, dous presidentes de deputacións, o presidente da Fegamp ou a alcaldesa de Lugo. O presidente da Fegamp, Alfredo García, non dubidou en cualificar a Besteiro como o "candidato idóneo" á presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas que se celebran en 2016. “O caso da urbanización do Garañón vai quedar en nada”, dixo.

Tamén o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, dixo que o ve como candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG e considerou que é un erro que haxa loitas internas en lugar de preocuparse "polos problemas da xente". "Confío en que vai ser o candidato; á xente dóelle ver as loitas dos políticos cando os problemas da xente son outros; preocuparnos dos problemas da xente e non mirarnos tanto ao embigo", recomendou.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, describiu ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, como unha persoa "que reúne unhas condicións que o fan un gran candidato á Xunta de Galicia".  "Eu sígome reafirmando no que teño dito noutras ocasións, que é que Besteiro é o mellor candidato que temos a día de hoxe para a Xunta de Galicia", incidiu.

Unha opinión semellante á do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, quen aseverou que "o 95%" dos socialistas da provincia de Lugo "apoian" a Besteiro. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta