Feijóo insinúa que el tamén tomaría un café co díscolo Manuel Martínez

“Tomar un café cun deputado non suporá...”, di o presidente da Xunta ao ser preguntado polas xuntanzas que mantivo a líder do seu partido en Lugo, Elena Candia, co alcalde díscolo do PSdeG que votou as propostas populares na deputación provincial.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/11/2015 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non só non critica as xuntanzas casi clandestinas que a súa lider en Lugo, Elena Candia, e do deputado díscolo do PSdeG, Manuel Martínez, mantiveron varias veces nunha gasolineira do Corgo, en Lugo, senón que as considera normais. De feito, preguntado por GC se el tamén tomaría un café cun deputado díscolo doutra formación foi contundente: “O outro día e tomei café con tres deputados da oposición”, dixo para suliñar que son feitos normais na vida parlamentaria.

Alberto Núñez Feijóo, con Elena Candia
Alberto Núñez Feijóo, con Elena Candia | Fonte: Xunta.es

“Tomar un café cun deputado non supón...”, dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que se cometan actos ilegais ou pactos políticos.  Unha resposta directa á xuntanza entre Candia e Martínez que BNG e PSdeG cualifican case de transfuguismo polo voto que o deputado díscolo socialista deu ás propostas populares no pleno provincial.

Feijóo suliñou que el toma “a miúdo” café con deputados da oposición e que iso, dixo, forma parte da “normalidade democrática”. Por iso, criticou a socialistas e nacionalistas por denunciar esas xuntanzas entre Candia e Martínez. “Criticar iso é unha falta de respecto á intelixencia dos galegos”, indicou.

E, neste sentido, aludiu ao suposto pacto ao que chegaron Martínez e o seu partido para que este fora o encargado de Vías e Obras con competencias na Xunta de Goberno, algo que negan desde o PSdeG. Así, criticou que os socialistas non son quen, nin tan sequera, de poñerse de acordo.

Sobre esta cuestión, o portavoz do grupo provincial do PSdeG, Álvaro Santos, chegou a insinuar ante a prensa que Manuel Martínez manipulou a copia do acordo que subscribiron con el os demais membros do grupo provincial socialista para que accedese a asinar a moción de censura. "No documento que vos presenta Manolo Martínez -aos medios de comunicación- tacha que renuncia á Vicepresidencia -da Deputación- en dous parágrafos", dixo Santos, pero no papel que asinaron os deputados provinciais "non está tachada a Vicepresidencia primeira no segundo parágrafo". "Co cal, non hai tal renuncia", engadiu Santos.

Ademais, negou que o alcalde de Becerreá teña o apoio doutros rexedores locais socialistas. "Non teño coñecemento de ningún alcalde que apoie a Manuel Martínez", dixo Álvaro Santos, tras ser preguntado polo suposto apoio que lle brindou o alcalde de Navia de Suarna, José Fernández.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta