Temas: FEIJóO BESTEIRO

Feijóo dá marcha atrás e di que non vetará a Besteiro coma senador

O PP impediu o seu nomeamento no verán, pero agora asegura que non lle “causará problemas” ao PSOE se decide elixilo como candidato á Cámara alta.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 19/11/2015 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

“Non lle imos causar máis problemas ao PSOE dos que xa ten”. Foi a resposta que este xoves deu Alberto Núñez Feijóo ao ser preguntado pola posibilidade de que o líder do PSdeG sexa nomeado senador por designación autonómica. Unha decisión moi diferente á que tomou o presidente da Xunta e o seu partido durante o verán cando vetaron este nomeamento que provocou que dous días despois José Ramón Besteiro fora imputado pola xuíza Pilar de Lara no caso Garañón.

Feijóo no Consello da Xunta
Feijóo no Consello da Xunta | Fonte: xunta.es

O PSdeG ten liberdade de propoñer o que considere oportuno e respectarei esa proposta ou autoproposta”, ironizou desta volta Feijóo ao suliñar que lles corresponde aos socialistas galegos “resolver os seus problemas”. Unha clara alusión á imputación de José Ramón Besteiro que, se é nomeado senador, estaría aforado e, polo tanto, o seu caso non sería xulgado pola maxistrada Pilar de Lara.

Neste sentido, Feijóo suliñou que non quere que un veto do PP supoña un “novo problema aos moitos problemas” que ten o PSOE. Unha posición moi diferente a que mantivo durante o verán, cando o seu partido impediu o nomeamento de Besteiro como senador. Entón o líder socialista acusouno de  vetalo de forma "caprichosa e antidemocrática". "É un bloqueo sen sentido, un adiamento absolutamente caprichoso que di moito de quen o fai", espetáballe ao presidente da Xunta.

Alberto Núñez Feijóo insistiu que, desta volta, non vetará o seu nomeamento e que, en todo caso, dará a súa opinión se o seu nomeamento se produce. “Resulta cando menos curioso que digan que o que subscribe quere ir a Madrid cando son outros os que queren ir alí”, ironizou en alusión ás críticas da oposición sobre os seus desexos de saltar á política española.

O líder do PPdeG tamén se referiu á presencia como suplentes na lista do PP ao Senado do ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e do ex delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, tamén imputados en asuntos xudiciais. “A súa situación é o que fai que vaian como substitutos”, dixo. En todo caso, tamén se referiu a “outros cargos doutros partidos”, en alusión a Abel Caballero, que “están imputados e que ocupan altas responsabilidades institucionais”. 

Temas: FEIJóO BESTEIRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Anónimo

Participade na enquisa que estou a facer verbo de que formas vos gustaría que estivesen admitidas e fosen as correctas no galego: cabozo, calabozo ou calabouzo. Podedes participar en https://estensiondogalego.wordpress...

2 Maldita Hemeroteca

O PSOE retirou en xullo a candidatura de Besteiro a senador autonómico, polo que non se entende a que ven esta noticia.

1 Ourozco

Se un imputado representa a Galiza no Senado a responsabilidade será do PP. Non se pode culpar ao PSOE, que defende á clase traballadora.