Derbi para gozar Galicia

Riazor encherase para o 65º clásico en Primeira entre Dépor e Celta, cos dous equipos na parte alta da táboa. Os celestes chegan invictos a domicilio, e os de Víctor Sánchez del Amo buscan a segunda vitoria na casa. A cita, ás 22.05 horas.

Por gcdeportes | A Coruña / Vigo | 21/11/2015 | Actualizada ás 09:20

Comparte esta noticia

Será o derbi número 65 en Primeira, con Riazor cheo ata a bandeira. Ata o de agora, case igualdade máxima: 24 vitorias do Dépor, 17 empates e 23 vitorias celestes. Os dous equipos, na parte alta da táboa, como hai dez anos que non se vía nun derbi en Primeira na primeira volta: o Celta, cuarto con 21 puntos; o Dépor, noveno con 15. Dous estilos de xogo diferentes, pero co mesmo obxectivo: gañar o clásico, a festa do fútbol galego. Riazor, ás 22.05 horas, acolle a primeira cita do curso entre os dous equipos galegos de Primeira.

O Celta gañou 0-2 o derbi do ano pasado en Riazor.
O Celta gañou 0-2 o derbi do ano pasado en Riazor. | Fonte: RCDeportivo

O Celta parte con lixeira vantaxe: o do Toto Berizzo é o equipo da Liga que máis puntos suma a domicilio (13 de 15) e segue invicto como visitante, mentres que o Dépor de Víctor Sánchez del Amo leva tan só unha vitoria na casa (3-0 ao Espanyol) en cinco partidos (6 de 15 puntos) e suma xa cinco xornadas sen gañar. Aínda por riba, os celestes gañaron os dous precedentes da tempada pasada: 2-1 en Balaídos e 0-2 en Riazor. Pero nada diso conta nun derbi.

O equipo coruñés afronta a cita co mediocampo afectado polas baixas do internacional costarriqueño Celso Borges e do canteirán Juan Domínguez, o último galego que marcou nun clásico (Balaídos, tempada 2012-13). Ademáis, o bosníaco Haris Medunjanin quedou fóra por decisión técnica. Deste xeito, Víctor Sánchez del Amo, que vivirá o seu primeiro derbi como adestrador e recupera a Luisinho entre os convocados, terá que decidir entre Fayçal Fajr e o coruñés Álex Bergantiños para acompañar a Pedro Mosquera, titular indiscutible. Non se agardan trocos na liña defensiva (Laure, Arribas, Sidney e Navarro), mentres que diante o Dépor ten dúas opcións: Cani ou un segundo dianteiro (Oriol Riera ou Jonathan Rodríguez) para acompañar a Lucas Pérez. O técnico madrileño, que augura unha festa entre as dúas afeccións, asegura que o Dépor “preparou o partido para estar á altura da afección e darlle unha vitoria”.

O Celta aspira a repetir o triunfo do ano pasado, xa con Berizzo de adestrador (0-2 con goles de Charles e Orellana), e seguir coa súa espectacular xeira desta tempada a domicilio. O técnico arxentino agochou as súas cartas esta semana, pero coas baixas de Cabral por sanción e Radoja lesionado apostará sen dúbida polo seu once de gala, malia os partidos internacionais que retrasaron a chegada de Jonny, Daniel Wass e Orellana. Arriba estará o tridente celeste: Nolito, Orellana e o moañés Iago Aspas, que volverá vivir un derbi tralo seu paso por Liverpool e Sevilla. Entre os tres suman 16 dos 22 goles vigueses. O catalán Andreu Fontás formará con Sergi Gómez no centro da defensa. “O derbi cóllenos os dous equipos nun bo momento. Nós estamos ben e o Deportivo ten unha traxectoria na Liga moi boa. Que ben poder disfrutar dun derbi cos dous equipos na parte alta da clasificación. Iso ten que ser un síntoma de orgullo para toda Galicia", salientou o Toto Berizzo.

Haberá catro galegos no once do Celta (Sergio Álvarez, Hugo Mallo, Jonny e Aspas), e dous fixo no Dépor (Mosquera e Lucas Pérez), máis a opción de Álex Bergantiños. As entradas esgotáronse o xoves, e dende Vigo chegarán alomenos 630 afeccionados. Os dous clubs recomendaron os seus seareiros que acudan con tempo ao partido, para evitar posíbeis retrasos e aglomeracións de última hora polos exhaustivos controis policiais (o Dépor sorteará unha viaxe a As Palmas entre quen chegue media hora antes) nun partido declarado de alto risco.

Aliñacións probábeis:
Deportivo:
Lux; Laure, Arribas, Sidnei, Navarro; Fayçal Fajr, Pedro Mosquera; Fede Cartabia, Jonás Gutiérrez, Oriol Riera ou Cani, e Lucas Pérez.
Celta: Sergio; Hugo Mallo, Sergi Gómez, Fontás, Jonny; Augusto Fernández, Wass; Orellana, Tucu Hernández, Nolito e Iago Aspas.

Os seareiros do Dépor acudiron ao adestramento deste xoves para animar os seus. / @RCDeportivo Os deportivistas recibiron o xoves o apoio dos seus no adestramento en Riazor. / RCDeportivo
Os seareiros do Dépor acudiron ao adestramento deste xoves para animar os seus. / @RCDeportivo Os deportivistas recibiron o xoves o apoio dos seus no adestramento en Riazor. / RCDeportivo
Rubén Blanco, Aspas, Hugo Mallo, Jonny e Sergio Álvares, os cinco xogadores galegos do Celta.
Rubén Blanco, Aspas, Hugo Mallo, Jonny e Sergio Álvares, os cinco xogadores galegos do Celta. | Fonte: @rccelta_oficial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta