Beiras: “A UE converteuse no auténtico 4º Reich”

Representantes de AGE, Sinn Féin, Die Linke, Plataforma Saír do Euro, Universidade de Barcelona e o Grupo Parlamentario Europeo da Esquerda Unitaria debaten en Compostela sobre o modelo actual da Unión Europea. Para Xosé Manuel Beiras o problema inicial é que a UE só funciona como unión monetaria.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/11/2015 | Actualizada ás 23:16

Comparte esta noticia

Arredor de duascentas persoas acudiron os ábado a Compostela a debater con representantes da esquerda europea as medidas para facer fronte á austeridade. A xornada  “A Esquerda Europea. Garante dos dereitos das persoas fronte ás políticas de austeridade" foi organizada por Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

Público na xornada  “A Esquerda Europea. Garante dos dereitos das persoas fronte ás políticas de austeridade'
Público na xornada “A Esquerda Europea. Garante dos dereitos das persoas fronte ás políticas de austeridade'

Xosé Manuel Beiras (ANOVA)

O voceiro nacional de Anova-IN, Xosé Manuel Beiras,  fixo un chamamento a estender o debate para poder chegar a unha "indispensable estratexia europea das forzas cívicas e políticas da esquerda" para recuperar a Europa social fronte ao "auténtico 4º Reich no que se converteu actualmente a UE", denunciou.

"O problema da UE é xenético", advertiu, "só é unha unión monetaria e aí empezan os problemas". Agora a cuestión é deseñar as pautas para que as cidadás e cidadáns "recuperemos o control democrático das institucións". Na actualidade "estamos nunha grande depresión, non nunha crise", polo que as políticas teñen que ser "anticíclicas", e non "procíclicas", que son as que se están a aplicar na actualidade.

"Estamos na fase final do ciclo hexemónico xestado no primeiro tercio do século XX, na fase de decadencia. Estamos nunha etapa de caos sistémico", analizou o economista galego. Fronte a isto, "non podemos ter unha visión introvertida europea, porque as claves primordiais non están dentro de Europa. Europa está deixando de ser centro".

Algúns dos relatores da xornada  “A Esquerda Europea. Garante dos dereitos das persoas fronte ás políticas de austeridade'
Algúns dos relatores da xornada “A Esquerda Europea. Garante dos dereitos das persoas fronte ás políticas de austeridade'

A día de hoxe, "nunca houbo tantas democracias e nunca houbo tanta ausencia da democracia", afirmou. Analizando polo miúdo a actual situación socioeconómica "revélase que estamos nunha fase de transición", o que implica que  "xa non se pode entender o sistema económico como conxunto pechado en si mesmo, senón que hai que velo como pezas que forman parte do ecosistema".

Fabio di Masi (Die Linke)

Fabio di Masi, eurodiputado do partido alemán Die Linke, situou a cuestión da moeda única europea como "un tema que afecta ao núcleo da democracia", xa que repercute na vivenda, na atención sanitaria, en resumo, "aos problemas da xente día a día", e subliñou que "é tarefa da esquerda dar respostas". O economista alemán defendeu que a imposibilidade de evitar o debate sobre o Euro, xa que o Euro "non é simplemente unha  moeda, é un conxunto de normas que reflicten unha serie de cuestión en Europa". A día de hoxe, afirmou De Masi, "a austeridade matou a produción económica e a capacidade de xerar ingresos".

 

Facendo unha retrospectiva de análise da composición de forzas económicas na Unión Europea, plantexou a estratexia levada adiante por Alemaña,  un país que sempre tivo unha industria orientada á exportación, "unha filosofía que impregnou a súa estratexia na integración da UE, empregándoa para acadar o grande mercado global que precisaba para poder seguir expandíndose economicamente." Por exemplo, na industria automobilística, "crearon un sector enorme con salarios baixos que permitiu que a industria alemana exportase máis barato a outros países". Ademais, a existencia do Euro está a implicar "que outros países xa non podan protexerse fronte á competencia alemá". Para mudar esta situación o eurodeputado de Die Linke propón a realización de "campañas para defender maiores salarios, vivendas, servizos públicos, etc.". Sen embargo, aceptou, "o problema é que vós, en Galiza, Estado español, Grecia, non tedes tempo para agardar".

 

Outro dos factores que dificultan a creación de alternativas é o Banco Central Europeo (BCE), "unha ferramenta moi potente para dicir que se non fas austeridade cortaremos a billa e terás un caos na túa economía", polo que, se queremos reestructurar a nosa economía e facer fronte ás necesidades sociais, "temos que poder acceder a un banco central para as persoas". Para De Masi, "se non temos cartos e o BCE di que non resposta ás nosas solicitudes salvo que adoptemos medidas de austeridade, só queda saír do euro". Nembargantes, "só podemos cambiar o euro se facemos un referendo fronte á austeridade".

 

Daithí Doolan (Sinn Féin)

O irlandés do Sinn Féin, Daithí Doolan, membro do Consello da Cidade de Dublín responsábel das áreas de  vivienda, sinalou que o seu país atópase "nunha situación especial" caracterizada pola duplicidade. "Estamos loitando contra a austeridade a ámbolos lados da fronteira. Temos dúas moedas, a libra esterlina no  norte e o euro no sur, dous sistemas de saúde, dous de benestar social e dúas estruturas  gubernamentais locais separadas, o cal é unha custosa herdanza do colonialismo británico". 

 

Neste senso, sinalou, "o debate en curso sobre unha saída británica da UE ten o potencial de ter un grave impacto nas relacións anglo-irlandesas, e tamén terá un impacto directo na nosa loita pola reunificación de Irlanda".

 

O Sinn Féin está integrado en Irlanda na campaña Right2Change, unha coalición de esquerdas conformada por sindicatos, grupos comunitarios e outros partidos de esquerda dende onde dirirxen a súa estratexia contra a austeridade. Na actualidade, "estamos negociando para tentar frear os recortes no Estado de Benestar. aA economía debe servir ao pobo e non pobo á economía", sentenciou.

 

Joan Tafalla (Plataforma Saír do Euro)

O Doutor en Historia e membro da Asociación Expai Marx e da Plataforma Saír do Euro, Joan Tafalla, encetou a xornada expoñendo unha fonda análise da afección da crise económica en Grecia e a xestión aplicada dende a Unión Europea en clave neoliberal, que el califica de "salto adiante" e localiza no documento de posición da UE Realizar a Unión Económica e Monetaria europea. Para Tafalla, o feito de que a esquerda europea non estea a percibir a importancia da publicación deste documento responde ao "estado de shock" no que se atopa. "Tras o fracaso do programa de Salónica, sabemos que algo así non pode ser aplicado dentro da  UE. Hay que saír da xaula", alentou.

 

Nos sesenta anos transcurridos desde os primeros pasos da Unión Europea, explicou,  o bloque hexemónico agrupado en torno ao grande capital alemán, "está tentando construir, nun complexísimo proceso social de longa duración, un novo bloque histórico no conxunto do espazo europeo, no que a burguesía hexemónica é, actualmente, a burguesía industrial  e financieira alemá, mediante pactos complexos coa francesa e con aliados nas burguesías dos pequenos países más desenvolvidos, como Bélxica, Holanda e  Dinamarca".

 

Para este especialista económico, a aplicación de novos modelos económicos fieis aos dereitos humanos e sociais é unha tarefa que implica "pasar ao primeiro plano a recuperación da soberanía nacional fronte á liquidación da mesma por parte da UE".

 

Ramon Franquesa (Universidade de Barcelona)

Ramón Franquesa, Profesor de Economía da Universidade de Barcelona e membro da Plataforma pola saída do Euro, centrou a súa exposición nesta moeda,  que cualifica de "mecanismo de destrución social", e anima a "seguir a pista dos cartos para entender o que está a suceder", un camiño que lévanos a confirmar que "quenes provocaron a crise son os que se están a beneficiar máis dela grazas ao terríbel sistema monetario europeo".

 

Franquesa teno claro, o euro "non foi erróneamente diseñado, foi deseñado ca función de xerar situacións  como a derivada da estafa financieira emerxida no ano 2008". A actual política económica está ao servizo do control da inflación, unha cuestión que  "dende a esquerda xamais se tiña que ter permitido, é un suicidio". Se en realidade queremos situar os dereitos das persoas por diante dos intereses do capital, "o obxectivo da política ao servizo das maiorías debe ser a creación de emprego, o desenvolvemento, o progreso produtivo ou a redución da pegada ecolóxica e o mal uso dos recursos naturais", unha estratexia que implica "un novo modelo produtivo".  Aliás, o economista catalán afirma ademais que a inflación "non é malo para todos", se non que é especialmente "lesiva para os bancos que prestaron moito", pero "unha excelente noticia para quenes teñen débedas, por exemplo hipotecas, xa que a inflación podería desvalorizar a medio prazo a débada e evitar máis desafiuzamentos".

 

Á vista da evolución da aplicación da política de unión monetaria, para Tafalla o que fica demostrado é que "ca implantación do euro e o secuestro da soberanía nacional sobre a moeda produciuse en Europa a maior recesión coñecida dende a Segunda Guerra Mundial". Este aspecto leva tamén a analizar o pago da débeda, unha premisa convertida nunha "nova relixión que obriga ao pagamento por riba de cualquera outra consideración, nin tan sequera a vida humana". Nesta situación, afirma o integrante da Plataforma pola Saída do Euro, o sistema bancario non ten realmente vontade de cobrar a débeda como tal, se non que "queren quedar co público: hospitais, pensións, auga, electricidade, ferrocarrís...".

 

Así as cousas, "a solución non é técnica, senón política", e para resolver a actual situación de perda de dereitos en aras da supremacía financieira "cómpre cambiar o sistema monetario do euro a un estable e rachar co sistema monetario desenvolvendo un novo modelo a partir dos marcos nacionais". Polo tanto, concluíu, Ramón Franquesa, "os resultados deste sistema monetario son evidentes, non é un erro, é un proceso deliberado polos poderosos e só o retorno da soberanía á cidadanía pode ser un punto de partida realista para reconstruír unha unidade europea".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

7 Paulobo

Nas suas palestras pacorro esta farto de decir que non e posibel sair do euro. Non o sabes Ana?

6 Ana

O que non entendo é que fai Anova presentandose as eleccions xunto a un partido coma Podemos que non defenden nin a saida do euro, nin a saidad da UE. Sin moeda propia é imposible facer unha politica economica propia que fomente a creacion de emprego e apostar pola industrializacion do pais. Dentro da UE o estado español so ten paro ou emprego en sectores coma o turismo e a construccion. E para Galiza dentro da UE non hai mais futuro que a emigracion xa que ninguen defende os nosos sectores economicos.

5 2fg

Xa están de novo os charlatanes de feira convencendo ós adolescentes de que ser de "esquerdas é guay e folhas moito". Polo demais, din o mesmo de sempre. Pero todos sabemos que cando chega a hora da verdade, son traidores. Xa o demostraron en Grecia e agora en Catalunha. Queredes máis probas?

4 Non nos defendas mais

Despois da anova cagad...con Anova, de ir nos postos de saida das Mareas, a Yoli Podemistas e FPGAbalista. Agora vai Petain a salvarnos do 4ª Reich cos colaboracionistas de Syriza e perdidas socialdemagoxias ..pois si...

3 Ese Beiras coherente

Beiras coherente coma sempre: http://eicarballeira.tumblr.com/pos...