O Dépor merece o derbi

Un gol de Lucas Pérez e outro de Jonny en propia meta dan a vitoria ao equipo deportivista, que anulou o xogo habitual do Celta. Nolito errou un penalti con 1-0 no marcador. Os coruñeses suman 18 puntos, por 21 dos celestes.

Por gcdeportes | A Coruña | 22/11/2015 | Actualizada ás 01:45

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Deportivo 2:
Lux; Juanfran (Jonás Gutiérrez, 80’), Arribas, Sidnei, Navarro; Álex Bergantiños, Mosquera, Cani (Fayçal Fajr, 68’), Luisinho; Lucas Pérez e Jonathan Rodríguez (Laure, 74’).
Celta 0: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Sergi Gómez, Fontás (Planas, 58’), Jonny; Augusto Fernández, Daniel Wass; Orellana, Tucu Hernández (Guidetti, 72’), Nolito e Iago Aspas.
Goles: 1-0: Lucas Pérez (minuto 23). 2-0: Jonny, en propia meta (minuto 93).
Árbitro: Álvarez Izquierdo (catalán). Amarelas a Lux (25’), Mosquera (52’), Jonathan Rodríguez (53’), Luisinho (70’) e Juanfran (78’) no Deportivo e a Tucu Hernández (40’), Jonny (78’) e Nolito (84’) no Celta.
Incidencias: partido da 12ª xornada da Liga BBVA no estadio de Riazor ante 30.666 espectadores. Cantouse o himno galego antes do partido. O socio do Deportivo Juan P. D. S., de 51 anos, faleceu tras sufrir un fallo cardíaco que non puido superar malia os esforzos dos sanitarios que o atenderon no exterior do estadio de Riazor.

Lucas Pérez bica o escudo do Dépor tras marcar o 1-0.
Lucas Pérez bica o escudo do Dépor tras marcar o 1-0. | Fonte: lfp.es

Con 1-0 en contra, Nolito errou un penalti (parou Lux) que tería cambiado o resultado, pero o Dépor mereceu a vitoria no primeiro derbi da tempada. Foi superior en intensidade e determinación, e coa súa presión impediu o xogo habitual do Celta, que nunca estivo cómodo no partido e apenas creou ocasións de perigo. Lucas Pérez marcou o 1-0 no primeiro tempo e Jonny, en propia meta nunha xogada desafortunada, fixo o segundo. Despois de cinco xornadas sen gañar, os de Víctor Sánchez del Amo acadaron a segunda vitoria na casa, e os celestes, ata este día o mellor equipo da Liga a domicilio, encaixaron a primeira derrota fóra de Balaídos.

Sorprendeu Víctor Sánchez del Amo co seu once, coa entrada de Juanfran, Álex Bergantiños, Cani e Jonathan Rodríguez. E Luisinho, desaparecido das convocatorias nas últimas seis xornadas, para deste xeito acentuar o perfil combativo do Dépor. Berizzo, co once habitual dende a sanción de Cabral. E o Dépor sorprendeu buscando a portaría celeste co xogo rápido e directo para os seus puntas. Nos primeiros dez minutos, Lucas Pérez tivo un par delas, unha anulada por fóra de xogo e outra que non atinou co remate dentro da área. Como nos últimos encontros (viña de encaixar cinco goles co Valencia), o Celta amosabase sen contundencia en defensa. Pero malia os problemas, Nolito estivo a piques de marcar tras un erro de Arribas, pero o seu remate en parábola acabou nas mans de Lux.

Non perdonou Lucas Pérez no ecuador da primeira metade, cando pillou na área un balón rexeitado por Sergio tras un centro de Cani para Álex Bergantiños e fixo o 1-0. Estaba aínda Riazor celebrando o gol cando o veterano Fernando Navarro derrubou na área a Iago Aspas. Foi Nolito o autor do lanzamento, pero Lux reivindicou a súa condición de titular adiviñando a intención do dianteiro andaluz. O Celta acusou o golpe e o Dépor controlou sen problemas ata o descanso, con Lucas Pérez e Jonathan Rodríguez tentando buscar o segundo á contra.

Non modificou Berizzo o seu once malia a que a cousa non marchaba ben para o Celta. O Dépor deu un paso atrás e a tensión foi en aumento co paso dos minutos. Sergio Álvarez evitou o 2-0 nun disparo de Jonathan e Juanfran rematou con violencia ao pau dende lonxe. As interrupcións favorecían a faena do Dépor. O Celta perdeu por lesión a Fontás e o Toto Berizzo recorreu a Guidetti con 20 minutos aínda por xogarse.

Os celestes botábanlle ganas para tentar igualar o partido, pero faltábanlle ideas en ataque. A vantaxe mínima do Dépor mantivo a emoción ata o remate, e máis cos cinco minutos de desconto. Pero foi o Dépor quen volveu marcar, cando Jonny, pola presión de Lucas Pérez, pasou cara a Sergio Älvarez sen decatarse de que o seu meta saira da área para despexar: o balón entrou manseliño na meta celeste. Remate con 2-0, e o Dépor, con 18 puntos, está a tan só unha vitoria do seu rival, o Celta, que conta con 21.

Poroto Lux detén o penalti lanzado por Nolito.
Poroto Lux detén o penalti lanzado por Nolito. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta