Estrea con vitoria

O Compos gaña 2-1 ao filial céltico con goles de Dani Hernández e Orbegozo de penalti no primerio partido de Alberto Mariano, que non puido sentar no banco. A vindeira cita, derbi co Racing de Ferrol de novo en San Lázaro.

Por gcdeportes | Compostela | 23/11/2015 | Actualizada ás 09:05

Comparte esta noticia

Ficha técnica
SD Compostela 2:
Pato Guillén; Josu, Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marcos Rodríguez, Jordan (Rubén Sánchez, 72’), Óscar Fondevila, Mon (Javi Moreno, 59’), Dani Hernández e Mikel Orbegozo (Gerard Oliva, 77’).
Celta B 1: Iván Villar; Kevin (Rubén Ramiro, 85’), Jonathan de Amo (Julio Delgado, 62’), Goldar, Lucas Rene; Borja Fernández, Luis Rioja (Guille, 73’), Diego Alende, Pape Cheikh, Franco Fragapane e Borja Iglesias.
Goles: 1-0: Dani Hernández (minuto 13). 1-1: Pape Cheikh (minuto 51). 2-1: Mikel Orbegozo, de penalti (minuto 54).
Árbitro: Pablo Fernández Pérez (asturiano). Amarelas a Catú (18’), Marcos Rodríguez (44’), Óscar Fondevila (68’) e Javi Moreno (80’) no Compos e a Franco Fragapane (40’), De Amo (54’), Borja Fernández (58’) e Borja Iglesias (64’) no Celta B.
Incidencias: partido da 14ª xornada do grupo I da Segunda B no estadio San Lázaro ante arredor de 900 espectadores. Alberto Mariano, técnico do Compos, non se puido sentar no banco pola falta de acordo co ex-adestrador Iñaki Alonso no seu finiquito.

Dani Hernández golpea o balón para facer o 1-0.
Dani Hernández golpea o balón para facer o 1-0. | Fonte: Amadeo Rey

Con pouco fútbol pero moito sacrificio, o Compos acadou a terceira vitoria do curso na estrea do adestrador Alberto Mariano, quen tivo que mirar o partido dende unha cabina do estadio San Lázaro e transmitir as ordes vía telefónica ao banco. Ao pouco de comezar, Dani Hernández adiantou aos locais; tralo descanso, empatou Pape Cheikh, pero tan só tres minutos despois Mikel Orbegozo marcou de penalti o definitivo 2-1. Tres puntos para tentar fuxir do pozo, aínda que o Compos segue penúltimo e o vindeiro domingo o Racing de Ferrol, líder tras trece xornadas invicto, visita San Lázaro.

Case co mesmo once de Iñaki Alonso (Marcos Rodríguez entrou no mediocentro cun 4-1-4-1), pero semellou saír máis decidido o Compos a polos tres puntos. Xa nos primeiros minutos, un erro de Jonathan de Amo deixou só a Orbegozo co meta rival, pero o remate frouxo e con parábola foi ás mans de Iván Villar. Froito do dominio local chegou o gol de Dani Hernández, que rematou na área rodeado de defensores para poñer o 1-0 no minuto 13.

Tralo gol, predominaron as imprecisións, con moito xogo no medio do campo e chegadas á área sen perigo. Sen un dominador claro, foron pasando os minutos. O Compos achegouse á área rival nunha contra entre Dani Hernández e Orbegozo no minuto 32 e un rapidísimo Catú, xa cunha amarela, evitou o man a man de Pape Cheikh con Pato Guillén. Pouco antes do descanso, o árbitro non sinalou un penalti claro de Jimmy a Franco Fragapane, que incluso se gañou unha amarela na súa protesta.

Na segunda metade, o filial céltico saiu decidido a polo gol, e o Compos pasou polos peores momentos do choque. O empate chegou nunha acción que deixou en evidencia á defensa compostelá: na mesma xogada, tres disparos consecutivos. Un brillante Pato Guillén detivo os remates de Borja Iglesias e Fragapane, pero nada puido facer no terceiro de Pape Cheikh.

Tivo sorte o Compos de recuperar o mando no marcador tan só tres minutos despois, antes de que chegasen as dúbidas. Subida pola banda de Jimmy, que foi derrubado por Jonathan de Amo. Igual que co Tudelano, Orbegozo foi o encargado de marcar e poñer o 2-1.

De novo con vantaxe, Alberto Mariano meteu a Javi Moreno no doble pivote e pasou a xogar cun 4-2-3-1 para ter controlado o partido. O Celta B tivo máis posesión, pero acusou o golpe e non chegou a crear perigo na meta de Pato Guillén. Tampouco o Compos foi quen de sentenciar o choque á contra, e só sufriu polo marcador apertado.

O Compos estreou técnico con tres puntos. Alberto Mariano amosouse contento “a nivel de esforzo e compromiso, a nivel de bloque, pero co balón non tivemos as ideas claras, temos aínda que evolucionar”. O vindeiro domingo (17.00 horas), a proba será máis esixente no derbi co Racing de Ferrol, que sumou unha nova vitoria na casa (3-1) fronte ao Lealtade. Os ferroláns suman trece xornadas consecutivas sen perder e son líderes con 33 puntos, sete máis que o segundo.

Outros resultados (14ª xornada):

CD Izarra 0 – UD Somozas 1
Coruxo 1
– Tudelano 2
Sporting B 0 – Pontevedra 0

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta