Galidanzantes- A cor chega á vila de Camariñas coa Danza de Arcos en honra á Virxe do Carme

Preto de 70 mariñeiros danzan dun xeito moi característico para amosar a súa devoción á súa patroa.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 16/07/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Son moitas as danzas gremiais que se poden ver en Galicia durante o verán por mor de diversas festividades en distintos puntos da xeografía. A danza das espadas en Redondela ou Marín, a Farsa de Carril, as danzantes de Vilanova dos Infantes ou do Hío... Presentamos unha serie de reportaxes que denominamos como 'Galidanzantes' e nesta primeira entrega situámonos na vila mariñeira de Camariñas, que entre os días 15 e 19 de xullo celebra as súas festas na honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. 

A danza dos arcos en Camariñas
A danza dos arcos en Camariñas | Fonte: Concello de Camariñas

O día grande é o 16 cando as 9,00 horas, os madrugadores mariñeiros se preparan para saír coa Danza de Arcos, acompañados dun grupo de gaitas. Respírase emoción neses que debutan por primeira vez, naqueles que teñen unha promesa por cumplir ou nos que tomaron o relevo dos seus antecesores. É unha tradición e, o máis importante, unha ofrenda á súa patroa. Fan un percorrido polas diferentes rúas da vila, con pequenos descansos por mor da esixencia física e de coordinación, ata que chegan á igrexa de San Xurxo, onde realizan a ofrenda floral. Desde ese punto parte a procesión coa Danza dos Arcos á cabeza para que as 12,00 horas se oficialice a misa de campaña no propio porto de Camariñas. Xa para rematar chega o momento máis agardado, a procesión por mar da Virxe, que pasa esa noite no porto. Ao día seguinte, o 17, a Danza de Arcos volver acompañar á Virxe na súa procesión de subida á igrexa. 

EN QUE CONSISTE A DANZA DE ARCOS? 

A Danza de Arcos é unha das tantas danzas gremiais que se conservan en Galicia e caracterízase por unha vestimenta en cor branco, que representa a pureza. Tamén existe, con particulariedades distintas, a Danza de Arcos noutros puntos, como Cariño. A base é branca e está ornamentada cun pano de estampado na cadeira, un lazo de cores no ombreiro esquerdo e unha banda que vai de dereita a esquerda tamén de cores. Todo co que se vai atopando un na casa, nada de mercar. Os propios arcos están feitos pola veciñanza con flores de papel e ao redor de 70 persoas bailan enlazadas para traer alegría nestes días de devoción e celebración. Soa a banda de gaitas, que marca o compás que seguirán os danzantes, que van pasando por entre medio dos arcos, saltando e percorrendo as rúas de Camariñas, espertando o clamor de quen os ve e da veciñanza que non perde a ocasión. 

Chega xente de fóra, uns volven a casa polo Carme como cita imprescindible no calendario e quen danza faino por devoción e sentimento. Agardan todo o ano para vivir este momento que culmina coa procesión marítima. Cando a Virxe sae da igrexa, os danzantes fan unha reverencia e colocan os arcos seguidos no chan para que ela pase por riba deles e saia cara ao porto. Son os seus acompañantes durante toda a xornada e, o máis importante, semellan contar con relevo para que perdure a tradición. O día que inician as festas prodúcese a denominada 'Mini Danza de Arcos' a cargo dos nenos do campamento de verán de Camariñas.

Unha cita que merece a pena vivir pola paixón que transmiten portando eses arcos, danzando ao ritmo das gaitas, enchendo a vila de cor e pola devoción que se respira. Algúns que nalgún momento danzaron, lamentablemente, perderon a vida no mar, polo que durante a ofrenda floral na procesión marítima, tiran as coroas na súa honra. O barco que leva á Virxe para nun punto e o resto agrúpanse ao redor para comezar a lanzar as coroas e, posteriormente, entonar a Salve Mariñeira: "Salve, salve, estrella de los mares". Hai quen non pode evitar conter as lágrimas nese momento tan significativo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta