O patrimonio galego portugués exhibe a súa forza agardando ser recoñecido na UNESCO

O patrimonio inmaterial galego-portugués celebra cunha Gala do Patrimonio os seus dez anos de loita para ser recoñecido internacionalmente.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/11/2015 | Actualizada ás 10:21

Comparte esta noticia

Ponte…Nas Ondas! celebra unha Gala do Patrimonio este mércores para conmemorar a data da presenza deste patrimonio na sede da UNESCO hai dez anos e continuar co seu compromiso de difusión e transmisión deste patrimonio. A data coincide co día no que recolleron o Premio Ondas  pola “mellor cobertura informativa”, o ano pasado.

Presentación da Gala do Patrimonio e a Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa
Presentación da Gala do Patrimonio e a Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa

A Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués foi a primeira candidatura multinacional promovida por centros educativos de dous países da Unión Europea e os representantes de Ponte…nas ondas! reafirmaron o compromiso da asociación en continuar co labor de transmisión deste patrimonio ás novas xeracións.

O vindeiro 25 de novembro os actos comezarán coa Mostra de Oralidade Galego-Portuguesa que baixo a denominación ‘Temos Patrimonio!’ convocará no Teatro Municipal de Tui a partires das 11:30 a alumnado de centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal co obxectivo de transmitirlles ás novas xeracións as manifestacións da tradición oral a ambos lados da fronteira que se mantén viva na actualidade a través da música, o teatro, a narración oral.

Na Mostra participarán o escritor e músico Xurxo Souto, o grupo de música tradicional Tradisón, o grupo de música infantil, A Gramola Gominola, e a compañía de teatro portuguesa Os tres irmãos e outras historias de amor.  A Mostra conta co apoio da Xunta de Galicia e do proxecto CampUSCulturae que coordina a Universidade de Santiago.

En horario de tarde, ás 20:30 horas e tamén no Teatro Municipal de Tui, celebrarase a Gala do Patrimonio, que dá cabida a persoas e grupos que se consideran 'portadoras' do valor do patrimonio inmaterial galego-portugués por todo o mundo. O cartel está composto por Malvela, un grupo de mulleres raianas que interpretan cancións tradicionais, o quinteto de Porto Vozes da Rádio, as Cantadeiras do Neiva de Viana do Castelo, o actor e director teatral Quico Cadaval, a cantautora galega Uxía, o músico portugués Augusto Canario, e o escritor e músico galego Xurxo Souto. 

Presentación dnha das actividades de Ponte...Nas ondas!
Presentación dnha das actividades de Ponte...Nas ondas! | Fonte: pontenasondas.org

Santi Veloso, voceiro de Ponte... Mas Ondas,  explicou que a gala “pretende ser un acto de lembranza pero tamén unha mostra da vitalidade da nosa cultura galaico-portuguesa". "O patrimonio inmaterial galego-portugués foi transmitido de xeración en xeración e chegou até o século XXI con formas vivas e renovadas", engadiu.

Na homenaxe lembrarase a dúas das pioneiras que xa non están; a Señora Carme de Malvela (Galicia), que participou en diferentes actos da Candidatura (Círculo Bellas Artes de Madrid, Museo do Pobo Galego) e Nelson Vilarinho (Portugal) que foi un dos tocadores de concertina máis recoñecidos no norte de Portugal. Ambos participaron na XV edición de Ponte...Nas Ondas! 2009 coa temática dos Tesouros Vivos.

Esmeralda Carbalho, outra das voceiras da entidade, apuntou que “dez anos despois, desde Ponte…Nas Ondas! queren convocar á cidadanía a defender este patrimonio común e a reivindicar "que os tempos son chegados para que as administración realicen o proceso de inscrición deste patrimonio na Lista Representativa da UNESCO”.

O Salón de Plenos do Concello de Tui foi o escenario onde se presentaron os actos conmemorativos dos dez anos da presenza do patrimonio inmaterial galego-portugués na sede da UNESCO. Participaron no acto, Jorge Mendes, presidente da Cámara de Valença do Minho; Enrique Cabaleiro, alcalde do Concello de Tui; Mª José González, concelleira de Cultura do Concello de Tui; Octavio Rodríguez, da TVG e Santi Veloso e Esmeralda Carbalho, voceiros de Ponte…Nas Ondas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta