Lucas e Aspas, reivindicación da Selección Galega

Os dous goleadores galegos de Dépor e Celta aproveitaron o derbi para pedir a volta da Selección, ilusionados con xogar con Galicia. “A min fariame moita ilusión”, asegura o de Monelos. “Eu sempre votei porque se xogase”, dixo o de Moaña.

Por gcdeportes | A Coruña / Vigo | 24/11/2015 | Actualizada ás 09:04

Comparte esta noticia


“Oxalá se poida xogar un partido coa Selección Galega, que a min me faría moita ilusión”. Rematado o clásico do fútbol galego, coa dobre satisfación pola vitoria e polo gol marcado, Lucas Pérez reivindicou a volta da Selección Galega. “Espero e desexo poder vestirme a camisola da Selección Galega, sinceiramente”.

A bandeira galega, na bancada de Riazor.
A bandeira galega, na bancada de Riazor. | Fonte: lfp.es

O dianteiro coruñés, que consolou a Jonny polo autogol e se abrazou a Iago Aspas nada máis rematar o partido, interpelado sobre o bo ambiente das dúas afeccións no derbi de Riazor aproveitou para reivindicar a opción de xogar con Galicia. “Iso é maravilloso, escoitar as dúas afeccións cantar o himno galego”, dixo sobre o momento histórico, ante de arrincar o derbi, no que 30.666 seareiros galegos entoaron o himno de Pondal.

A mesma reivindicación fixo Iago Aspas nos días previos ao partido. “Eu sempre votei porque se xogase”, asegurou o de Moaña na Radio Galega. O dianteiro celeste ten claro porqué desapareceron os partidos internacionais de Galicia. “Foi un tema político que a quitaron hai sete ou oito anos. Pero se lle preguntas a todos os futbolistas galegos, penso que estarían dispostos a xogar”. Ao igual que Lucas Pérez, o dianteiro celeste devece por xogar coa irmandinha: “Todo o que sexa por Galicia, pois estaría ben”.

Houbo, sobre o céspede de Riazor, ata sete xogadores galegos: Sergio Álvarez, Hugo Mallo, Jonny e Iago Aspas polo Celta; e Álex Bergantiños, Pedro Mosquera e Lucas Pérez polo Dépor. No banco celeste, Rubén Blanco; ausente por lesión, Juan Domínguez. Vimbios para unha Selección Galega, pero hai moitos máis: Xose Xoan, Roberto, Manu, Carlos Pita, Seoane, Álvaro Lemos e Jonathan Pereira militan no Lugo; e andan moitos galegos emigrados polo mundo adiante: Diego López, Nacho Novo, Álex López, Santi Mina, Roberto Trashorras, Pablo Insua, David Costas, Jonathan Vila, David Rochela ou o galego-venezolano Andrés Túñez.

A Selección Galega reapareceu no 2005 e, coincidindo co Goberno bipartito de PsdeG e BNG na Xunta, xogou catro partidos internacionais no parón da Liga en decembro: Uruguai, Ecuador, Camerún e Irán foron os rivais. Coa chegada do PP de Alberto Núñez Feijóo á Xunta, desapareceu. José García Liñares, ex-presidente da Federación Galega de Fútbol, prometeu varias veces un amigable con Catalunya, pero este non se chegou a disputar, e Rafael Louzán non parece pola labor.

Lucas Pérez, con Mosquera, tralo gol no derbi.
Lucas Pérez, con Mosquera, tralo gol no derbi. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xan

Anda que o que escribe esto xa se ve que non é de fútbol, que son os mais interesados na selección, onde deixa a dous dos xogadores mais internacionais coma son Denis Suárez e Joselu Sanmartin