O Colexio de Enfermaría ratifica na Fiscalía a denuncia sobre situación do novo hospital de Vigo

Di que son máis de dez os servizos que presentan "deficiencias serias" trasladadas por máis dun centenar de enfermeiras que testemuñan incidencias de tipo estrutural, funcional e de persoal.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/11/2015 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O presidente do Colexio de Enfermaría de Pontevedra, Carlos Fernández, ratificou este martes ante a Fiscalía a súa denuncia sobre as "anomalías asistenciais" no servizo de urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.Son máis de dez os servizos que presentan "deficiencias serias" trasladadas por máis dun centenar de enfermeiras que testemuñan incidencias de tipo estrutural, funcional e de persoal. 

Mobilización no recibidor do hospital do SERGAS Álvaro Cunqueiro
Mobilización no recibidor do hospital do SERGAS Álvaro Cunqueiro | Fonte: CIG Facebook

O colexio presentou a súa denuncia o pasado 3 de novembro, e denunciou "graves disfuncións" nas Urxencias e a UCI de adultos e Pediatría, ademais das incidencias rexistradas no bloque cirúrxico. “Queremos salvagardar o interese xeral do bo exercicio da enfermaría, xa que se dan determinadas circunstancias que expoñen aos profesionais a asumir eventualmente unha asistencia baixo a aparencia de cualificar un suposto de omisión de socorro”, din nun comunicado sobre a presentación desta denuncia.

Por iso, denuncia explicitamente situacións de "illamento e desatención" ao paciente nas Urxencias, así como a aqueles pacientes derivados ao hospital Meixoeiro para a práctica de tomografías. Tamén critica a "deficiente" esterilización de material cirúrxico e o atraso na actividade de quirófanos para operacións urxentes e programadas, así como as barreiras estruturais que, na UCI, imposibilitan ou entorpecen "unha adecuada" vixilancia dos pacientes.

Nas últimas semanas o Colexio de Enfermaría suliñou que foi solicitando máis información dos distintos servizos do hospital de boca das enfermeiras que atenden e viven estas situacións en primeira persoa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta