Burela, coa Copa máis preto

O equipo mariñao vence 5-1 ao Levante en Vista Alegre, onde segue invicto esta tempada, e ponse sexto a falla de tres xornadas da primeira volta. O venres, en Murcia con ElPozo.

Por gcdeportes | Burela | 25/11/2015 | Actualizada ás 09:05

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Burela Pescados Rubén 5:
Edu, Isi, Iago Rodríguez, Jorge, Chino -cinco inicial- Chano, Iago Míguez e Antoñito.
Levante UDDM 1: Yeray, David Ruiz, Márquez, Kiko Berrocal, Pichi -cinco inicial- Sena, Hugo, Jordi, Oviaño e Cristian.
Goles: 1-0: Antoñito (minuto 5). 2-0: Iago Rodríguez (min. 9). 2-1: Márquez (10’). 3-1: Chino (33’). 4-1: Chano (39’). 5-1: Chano (39’).
Árbitros: Contreras Tejedor e Pérez Álvarez (casteláns). Amarelas a Jordi, Borja, Márquez, Kiko, Cristian, Sena, Yeray e Hugo, todas polo Levante.
Incidencias: partido da 12ª xornada da LNFS disputado en Vista Alegre con preto de 900 espectadores.

A falla de tres xornadas para o corte, o Burela Pescados Rubén está entre os oito primeiros. Tras golear 5-1 ao Levante en Vista Alegre, onde segue invicto esta tempada con tres vitorias e tres empates, achégase ao soño de disputar por segunda tempada consecutiva a Copa de España. Con goles de Antoñito, Iago Rodríguez, Chino e dous de Chano, os de Daniel Ibañes sumaron tres novos puntos antes de viaxar a Murcia para enfrontarse a ElPozo (venres, 21.00h). Despois será o turno do Barça na casa, para pechar a primeira volta en Antequera. Os laranxas aspiran a puntuar ante un dos grandes para xogarse o pase á Copa en Antequera.

Isi, co balón, tenta fuxir de dous rivais.
Isi, co balón, tenta fuxir de dous rivais. | Fonte: Burela Pescados Rubén

Con só oito xogadores pola ausencia de Matamoros, Hélder e Renato, non foi un partido doado malia o resultado final. Co 2-1, o Levante tivo opcións para empatar, e o 3-1 de Chino non chegou ata o minuto 33. No últimos segundos, dous goles de Chano puxeron o definitivo 5-1.

Os burelaos mandaron no arrinque do partido e, tras varias tentativas, Antoñito tan só tivo que tocar o balón nun pase de Chano dende a banda para facer o 1-0 (minuto 5). O Levante buscou resposta, pero foron os laranxas quen ampliaron a renda: Iago Rodríguez marcou o 2-0 en xogada de estratrexia lanzada por Isi. Pouco durou a ledicia, e tan só segundos despois, o Levante acurtou diferenzas: o disparo lonxano de Márquez despistou a Edu tras tocar na defensa. O veterano meta naronés evitou a igualada visitante fronte a Márquez e Pichi. Antoñito puido facer o 3-1 nun man a man con Yeray no minuto 14, pero pouco antes do descanso o pau evitou o empate do Levante.

Tralo paso por vestiarios, medrou o ritmo do partido e o Levante adiantou liñas para buscar o empate. As tentativas visitantes atopáronse con Edu: detivo dous remates de Hugo no 26 e 27 e evitou o gol de Jordi. Tras varias alternativas, no minuto 33, o 3-1 de Chino deu tranquilidade aos burelaos. O Levante apostou por xogo de cinco con Márquez de porteiro-xogador ante unha ordenada defensa local. Os laranxas termaron das ofensivas rivais e Chano sentenciou no último minuto: 4-1 superando por riba a Márquez baixo paus a 12 segundos e sobre a bucina dende propia pista. En dez días, o Barça porá a proba a solidez dos de Daniel Ibañes en Vista Alegre.

Os burelaos celebran un dos goles ao Levante.
Os burelaos celebran un dos goles ao Levante. | Fonte: Marián G. Mesa (Burela)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta