Fernán-Vello gaña o XIII Premio de Poesía Afundación

O XIII Premio de Poesía Afundación recoñeceu coa unanimidade do xurado a escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello polo seu traballo ‘Duración da penumbra’, presentado baixo o lema ‘Sombra do aire’. A obra gañadora do certame, convocado polo Centro PEN Galicia co apoio da Consellería de Cultura e Educación e de Afundación, deuse a coñecer esta tarde, logo da deliberación do seu xurado, reunido na sede da fundación galega en Compostela.

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 25/11/2015 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Na rolda de prensa participaron o presidente do Centro PEN, Luís González Tosar; a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que felicitou ao autor da obra gañadora polo recoñecemento que lle outorga “un dos certames máis destacados no panorama literario da nosa terra, no que o seu talento creador xa conta cun espazo propio”.

Anxo Lorenzo tamén destacou o labor desenvolvido polo xurado, “por afrontar con rigor e esixencia un traballo de escolma que nunca é doado” e felicitou ao Centro Pen e a Afundación por facer posible, co apoio do goberno galego, “un prestixioso premio que promove a creación poética e que contribúe a enriquecer a produción literaria galega e en galego”.

O xurado, integrado por Luís González Tosar, presidente do Centro Pen de Galicia, como presidente do xurado; por Óscar Xabier Castro Martínez, secretario; por Inma López Silva, escritora; por Manuel Guede Oliva, dramaturgo e poeta; e por Luciano Rodríguez Gómez, crítico literario, destaca na obra galardonada “a aposta polo dominio das formas e pola intensidade dos rexistros”. O resultado, segundo recolle a acta do premio, “é unha unidade compacta que consegue, con grande habelencia e talento, extraer da realidade máis crúa o lirismo máis elevado”. “O poeta transcende o seu propio ser a través da autenticidade da palabra, mergullando na escuridade para albiscar o horizonte luminiscente, todo o esplendor deste libro”, indica o xurado.

Fernán-Vello
Nado en Cospeito (Lugo) en 1958, Miguel Anxo Fernán Belo é poeta, dramaturgo e editor (fundador de Edicións Espiral Maior). Ademais deste flamante XIII Premio de Poesía Afundación, foi galardoado, entre outros, cos premios Esquío, Xacobeo de Poesía da Xunta de Galicia, Martín Códax, Mellor Autor 2005 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio da Crítica Española nos anos 1985 e 2005 e finalista do Premio Nacional de Literatura en 1985, 1997 e 2005. Entre os seus títulos destacan Seivas de amor e tránsito, As certezas do clima, Memorial de brancura e Libro dás paisaxes vivas, obras que foron traducidas ao portugués, italiano, inglés, francés, alemán, árabe, chinés, polaco ou ruso. Fernán-Vello representou, ademais, a Galicia e a España en diversos festivais internacionais de poesía.

O Premio de Poesía Afundación
O galardón botou a andar no ano 2002 por iniciativa do Centro PEN Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas ou Elías Portela, que foi o gañador da anterior convocatoria. O premio implica a publicación do libro na colección Arte de Trobar e unha dotación económica de 6.000 euros.

Miguel Anxo Fernán-Vello
Miguel Anxo Fernán-Vello | Fonte: Asociación de Escritores en Lingua Galega wikimedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 O pobo é quen máis ordea

Moitos poetas fan literatura de literatura. Moitas plicas non gardan o segredo do autor. Algúns premios son como na política as contratacións. Menos mal que coa literatura pouquiños fan cartos. Cando pasen 100 anos, saberemos quen son os poetas da xeración dos 80. Vanidade de vanidades.