Galicia participa nun programa internacional para impulsar a música tradicional europea e americana

Músicos galegos, escoceses, galeses, arxentinos e uruguaios colaborarán no programa internacional NeXo para compartir e difundir os sons tradicionais das dúas beiras do Atlántico.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/11/2015 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

Nove músicos —entre eles, os galegos Xabier Díaz e Fernando Barroso— e cinco territorios —Galicia, Escocia, Gales, Arxentina e Uruguai— conflúen no programa internacional NeXo para compartir e difundir os sons tradicionais das dúas beiras do Atlántico

Presentación do programa NeXo
Presentación do programa NeXo | Fonte: Agadic.

Galicia participará neste programa impulsado polo British Council e Wales Arts International como laboratorio de creación musical colectiva para a interacción cultural entre Europa e América a través da posta en común de tradicións e linguaxes musicais destes países. A participación galega será artellada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se integra no proxecto mediante a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), nun programa no que colaborarán tamén o Creative Scotland (Reino Unido) e a Fundación SGAE.

A participación artística en NeXo está representada por nove músicos destes territorios, que traballarán xuntos na busca da conexión entre as músicas europeas de raíz atlántica e a música latinoamericana. Farano durante unha experiencia de convivencia creativa, que comezará esta fin de semana en Bos Aires (Arxentina), coa finalidade de inspirar novos camiños para o desenvolvemento, a visibilidade e a promoción das identidades das músicas dos dous continentes, informa Agadic.

'Liña atlántica' de intercambio cultural

O director da Agadic, Jacobo Sutil, saudou esta iniciativa como unha nova oportunidade de dar a coñecer e compartir a nosa música.

Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura,  Anxo Lorenzo, expresou que NeXo incide na “liña atlántica” de intercambio cultural como un dos obxectivos prioritarios da Consellería e que se estende, ademais do musical, a outros ámbitos como o audiovisual ou o editorial. “É un módulo máis dentro desta engrenaxe, que continúa a dar proxectos de interese para a difusión da cultura galega e dos seus creadores e creadoras”, engadiu.

Anxo Lorenzo manifestou tamén o seu desexo de que este proxecto poida ter continuidade no tempo, de xeito que redunde na maior visualización exterior e na internacionalización da nosa cultura.  

Espectáculo en Glasgow e Cardiff

O programa de NeXo está deseñado como un encontro e residencia artística que se desenvolverá en Bos Aires entre os próximos 28 de novembro ao 1 de decembro. Durante estes catro días, nove músicos dos cinco países crearán un repertorio que dialogará coas diversas linguaxes musicais que conforman a identidade de cada territorio. O resultado deste traballo presentarase nun espectáculo o día 21 de xaneiro no marco do célebre festival Celtic Connections, que se celebrará en Glasgow (Escocia), e o día 23 na cidade de Cardiff (Gales).

A dirección artística deste programa corre a cargo de Donald Shaw (Reino Unido), Fer Isella (Latinoamérica) e Rómulo Sanjurjo (Galicia), recoñecidos músicos e produtores. A produción xeral de NeXo é de JAU, empresa galega con sedes na Coruña e Bos Aires.

Representación galega

Respecto dos músicos, Galicia está representada por Fernando Barroso e Xabier Díaz.

Fernando Barroso (guitarra e bouzouki) participa en numerosos proxectos do panorama folk de Galicia. Foi membro de Os Cempés e Assembly Point. Forma parte das bandas de Budiño e Riobó e ten producido diferentes traballos, tanto en solitario como co portugués Luis Peixoto, como ‘Pop’ e ‘Trim’, moi recoñecidos pola crítica en España e Portugal. Actualmente ultima un novo disco en solitario.

Pola súa banda, Xabier Díaz (voz e percusión tradicional) compaxina a súa faceta de músico coa investigación do folclore galego. Foi cantante en Nova Galega de Danza e formou parte do grupo Berrogüeto, co que obtivo varios premios. Acaba de presentar ‘The Tambourine Man’, un proxecto moi ambicioso de fusión de tradición e vangarda, con doce cantoras e percusionistas e un set de acordeón e zanfona.

Variedade instrumental

Os músicos dos demais territorios son tamén destacados representantes da música tradicional e de fusión nas súas respectivas contornas culturais. Desde Arxentina participan Fabián Martin (baixo) e María Elía (voz e piano). Por parte de Escocia integran NeXo Finlay MacDonald  (gaita e frautas) e Megan Henderson (voz e violín). Desde Uruguai incorporarase Fabián Miodownik  (percusión) e representando a Gales, Jordan Williams (voz e frautas) e Gwilym Rhys (voz, guitarra e mandolina).

Ademais da calidade dos compositores e intérpretes que conforman o elenco de artistas, destaca a variedade de estilos e instrumentos, garantindo así a coordinación entre os músicos, a súa complementariedade e a máxima excelencia no resultado final.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta