O TSXG non ve motivos para abrir proceso contra a xuíza Estela San José

Recoñece que "a infracción das normas de repartición" supón "un comportamento anómalo e inxustificado" da maxistrada, pero "non altera, neste caso, o resultado final do proceso".

Por Galicia Confidencial | Lugo | 26/11/2015 | Actualizada ás 09:45

Comparte esta noticia

A xuíza Estela San José pode estar tranquila.  A Sala do Civil e do Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso presentado polo Ministerio Fiscal que pedía incoar procedemento penal contra ela por unha suposta prevaricación no chamado caso das multas e no derivado da Operación Rei.

A xuíza Estela San José
A xuíza Estela San José | Fonte: atlantico.net

De feito, o TSXG cualifica a decisión do ministerio fiscal como "precipitada" porque considera que non son "suficientes os testemuños deducidos" e porque a resolución foi adoptada "sen haber sequera ter escoitado á maxistrada".  Así mesmo, subliña que o propio Tribunal Supremo "alude á teimosía da instrutora na primeira das sentenzas así como á indebida retención das causas sen proceder á súa repartición".

Por iso, nesa resolución, recorrida polo fiscal, a sala entende que as supostas irregularidades que puido cometer a que foi titular do Xulgado de Instrución Número 3 de Lugo nas citadas causas non acabaron derivando, en calquera caso, nunha decisión inxusta para os afectados.

Argumenta no recurso que "non pode sosterse que a infracción das normas de repartición non haxa de xerar consecuencia xurídica algunha pois é posible que a través da mesma infrínxase o dereito a un xuíz ordinario predeterminado pola lei ou mesmo que tal actuación poida acoller unha verdadeira falta de imparcialidade".

O TSXG tamén recoñece que o proceso non foi “axustado a dereito”. “Non cabe dúbida algunha de que a conduta da instrutora non foi axustada a dereito, dado que omitiu seguir as directrices que a doutrina do achado causal e non remitiu as causas, unha vez desagregadas do proceso matriz, ao Decanato dos Xulgados de Lugo para a súa posterior repartición”, indica. Por iso, insiste, que "a infracción das normas de repartición" supón "un comportamento anómalo e inxustificado", pero "non altera, neste caso, o resultado final do proceso".

Deste xeito, tamén aclara que "a cuestión que se expón é se aquelas irregularidades poden integrar un delito de prevaricación". E neste sentido, "o Tribunal Supremo sostén que non se vulnerou o dereito ao xuíz ordinario predeterminado en ningún dos casos, nin tampouco o dereito a un xuíz imparcial, do mesmo xeito que o resultado material alcanzado, a condena dos acusados, é alleo a que se houbesen ou non remitido as dilixencias ao Decanato para a súa repartición". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta