A Universidade de Santiago, factoría de ‘spin offs’

A USC consolídase como ecosistema emprendedor con cinco 'spin offs' creadas en 2014 e 45 solicitudes de patentes e 37 acordos de transferencia de tecnoloxía.

Por GC Emprende | Santiago | 26/11/2015 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela configurouse como un gran ecosistema emprendedor. Cada vez son máis as iniciativas empresariais saídas ou xurdidas nesta universidade, tal e como se puxo de manifesto este xoves na Facultade de Ade no marco da xornada ‘A USC, unha experiencia emprendedora. Iniciativas empresariais saídas das aulas’, unha sesión informativa e de divulgación que busca espertar as inquedanzas e o espírito emprendedor do estudantado, segundo dixo a decana da Facultade de ADE, Begoña  Barreiro.

Ramón Mazoy, na súa intervención na xornada sobre iniciativas empresariais saídas das aulas
Ramón Mazoy, na súa intervención na xornada sobre iniciativas empresariais saídas das aulas | Fonte: USC.

Só durante o pasado ano naceron ao abeiro da USC cinco spin-offs. Neste mesmo periodo, a USC tamén formalizou 45 solicitudes de patentes e tramitou 37 procesos e acordos para a transferencia de tecnoloxía.

Ramón Mazoy, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC no campus de Lugo lembrou neste encontro que a USC foi das primeiras universidades españolas en apostar e fomentar de forma decidida o emprendemento entre estudantes e docentes e tamén no que atinxe á creación de viveiros de empresas, Mazoy salientou que o emprendemento da USC mantén unha tendencia sostible cando non crecente logo dunha traxectoria neste eido de preto de tres décadas, informa a USC.

Os estudantes que participaron nesta xornada tamén tiveron a oportunidade de coñecer as experiencias doutros emprendedores universitarios que crearon empresas logo do seu paso polas aulas, así como do responsable do viveiro de empresas da Fundación CEL, Rodolfo Ojea, quen disertou sobre o funcionamento, dos servizos e da actividade cotiá que se desenvolve nas súas instalacións.

Os testemuños de José Sánchez del Valle, xerente e socio fundador de Champion Chip Norte, e de Marta Pérez, co-fundadora de Bico de Grao, unha nova empresa que vén de abrir na capital luguesa, completaron a relación de relatores que tomaron parte neste foro sobre emprendemento universitario celebrado na Facultade de ADE.

Esta xornada sobre iniciativas empresariais saídas das aulas é a terceira das programadas este curso na Facultade de Ade no marco do ciclo sobre emprendemento. Neste programa monográfico xa interviñeron como relatores nas últimas semanas o director de Recursos Humanos da cadea hoteleira Hotusa, quen falou sobre a importancia das actitudes creativas e emprendedoras  do alumnado para adaptarse á contorna empresarial, e o director xerente de Secretos de Galicia, quen explicou algunhas das novas iniciativas de comercialización de produtos gourmet.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta