Temas: PIB EMPREGO CRISE

O traballo a tempo completo só medra un 1,6% malia que a economía galega xa crece o 2,1%

A economía de Galcia rexistra no terceiro trimestre deste ano o seu maior incremento dende 2007.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 27/11/2015 | Actualizada ás 08:40

Comparte esta noticia

A economía galega experimentou no terceiro trimestre deste ano a súa mellor evolución dende finais de 2007, cando comezou a crise. O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 0,7% entre xullo e setembro de 2015, unha décima máis que no período anterior. Isto permite que a economía galega xa creza a un ritmo interanual do 2,1% —tres décimas máis que no trimestres anterior— dato que non se daba dende o ano 2008, segundo reflicten os datos de contabilidade trimestral publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Desta forma, Galicia mellora o comportamento interanual da súa economía por sexto trimestre consecutivo.

Industria láctea
Industria láctea | Fonte: GC

Escaso crecemento do traballo a tempo completo

Con todo, malia o mellor comportamento do PIB o mercado laboral segue estancado. Os postos de traballo a tempo completo só medraron un 1,6% en taxa interanual, aínda que encadea cinco trimestres consecutivos en positivo.

Melloran todos os sectores

Segundo os datos do IGE, todos os sectores da economía galega rexistraron taxas positivas de crecemento no terceiro trimestre deste ano, e tamén melloraron todos o seu comportamento respecto ao trimestre anterior.

O sector industrial acada un crecemento interanual do 2,8%. Nel destaca a boa evolución da industria manufactureira, a máis intensiva en emprego, que crece un 4,8%. Tamén experimentou unha importante mellora o sector primario, que mellora 2,2 puntos e xa medra un 1,6% en taxa anual, así como a construción, que avanza un 5%.

Máis exportacións e gasto dos fogares

Tamén as exportacións medran un 3,7% en taxa interanual, mentres que o consumo dos fogares galegos volveu rexistrar unha evolución positiva, cun crecemento do 2% respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.

Ademais, os datos do IGE revelan que a formación bruta de capital en Galicia incrementouse un 6,5%, o que supón a maior suba dende o primeiro trimestre de 2007.

Temas: PIB EMPREGO CRISE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta