As 'ofensas' do derbi

A Liga de Futbol Profesional denuncia ante a Comisión Antiviolencia os insultos, tanto de afeccionados celestes como deportivistas, durante o clásico do fútbol galego en Riazor.

Por gcdeportes | A Coruña | 27/11/2015 | Actualizada ás 08:58

Comparte esta noticia

Segundo o informe da LFP, comezaron os seareiros celestes co “puta Coruña e puta Riazor”. Tempo despois, os Riazor Blues respostaron co “Vigo no, Vigo no, Vigo no, hijo de puta, Vigo no” e “puta Vigo, y puta Balaídos”. Algo corrente nos derbis, que non desluciu o espectáculo do clásico do fútbol galego pero que a Liga de Fútbol Profesional denunciará á Comisión Antiviolencia e ao Comité de Competición. Os cánticos ofensivos entoados no derbi do sábado en Riazor poden custarlle unha sanción económica ao Dépor.

Afeccionados do Dépor detrás da portaría en Fondo Marathón.
Afeccionados do Dépor detrás da portaría en Fondo Marathón. | Fonte: lfp.es

O informe recolle tres feitos denunciábeis. No minuto 16, nun saque de banda a prol do Deportivo, “uns 400 afeccionados” celestes ubicados na zona destinada para a afección visitante (Preferencia Lateral Superior) cantaron de forma coordinada, durante aproximadamente 10 segundos, “puta Coruña, e puta Riazor”. Os berros dos vigueses quedaron sufocados polos asubíos do público local.

Pasou máis dunha hora, no minuto 64 de partido, cando 700 afeccionados locais situados trala pancarta dos Riazor Blues (sector inferior do Fondo Marathón) cantaron, de forma coral e coordinada, durante aproximadamente 10 segundos, “Vigo no, Vigo no, Vigo no, hijo de puta, Vigo no”. O informe destaca que os berros non foron secundados polo resto da afeccción.

Trece minutos despois, no 77 de partido, despois dun choque entre dous xogadores rivais que caeron ao chan preto da banda, dende a mesma zona identificada como dos Riazor Blues, arredor de 700 afeccionados berraron, de forma coral e coordinada durante aproximadamente 15 segundos, “puta Vigo e puta Balaídos”, cántico que foi secundado por afeccionados de outros sectores preto da zona onde comezaron.

Malia o tempo que pasou entre os berros celestes e os locais, o informe da LFP recolle a posibilidade de que os cánticos contra Vigo fosen unha resposta á provocación que saiu dende a bancada ocupada polos celestes. Asemade, o informe destaca o comportamento do resto de espectadores presentes no estadio “absolutamente correcto” e que os feitos descritos limitáronse ás zonas descritas.

A LFP recolle as medidas adoptadas polo Deportivo como prevención da violencia, e destaca os chamamentos dende os dous clubs á cordialidade entre as dúas afeccións. Tamén salienta os exhaustivos controis nos accesos ao estadio, especialmente na porta que correspondía á afección visitante e na de acceso a Fondo Marathón onde se ubican os Riazor Blues.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Lot

Dubido que os celestes que estiveron el Riazor dixesen "P*** Depor e p*** Riazor", diriano en castelán, que é o que lles vai.

1 XPC

Delirante de principio a fin.