Xosé Neira Vilas “Ata a Vitoria sempre”

Hoxe tocábame chamar por teléfono pola mañá ao meu amigo Neira Vilas, o motivo era para invitalo a formar parte do Comité Galego que se está impulsando polo 50 aniversario da morte do Che Guevara. Desde fai varios meses tiñamos previsto que o filmaría, para contarme a súa etapa en Cuba, traballando ás ordes do Che. Tamén quedaramos de que me entregaría as copias das cartas, que o pai do Che don Ernesto Guevara Linch, deulle coa promesa de non difundilas mentres o vivise.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 27/11/2015

Comparte esta noticia
Unha chamada telefónica esta mañá informábame da súa morte, cando estaba falando de literatura con Cesar Cunqueiro, xustamente das coincidencias literarias do gran poeta cubano José Lezama Lima e a poesía do seu pai Álvaro Cunqueiro. 
 
NEIRA VILAS E A REVOLUCIÓN CUBANA
 
Durante os anos previos ao trunfo da revolución, o Movemento 26 de Xullo constituiu unha delegación en Bos Aires que funcionaba no Centro Ourensano. O responsabel deste comité era o exiliado cubano Santiago Riera, e do que participaba Anisia Miranda (cubana de orixe galega) e Rafael Granados, contando co apoio de Neira Vilas. Segundo nos relata o autor de “Memorias dun neno labrego” os integrantes do Movemento 26 de Xullo tiñan unha estreita relación cos nacionalistas galegos de Bos Aires. Segundo  o escritor ambos grupos patrióticos tiñan moitas cousas en común, que xeraban simpatías mutuas.
 
Mentres tanto Luis Seoane dicía por aqueles tempos no seu programa radial Galiza Emigrante: “...un fillo de galegos, Fidel Castro, ao que lle acompañan no seu estado maior guerrilleiros galegos, loita pola liberdade de Cuba, un dos paises de América, como no caso de Arxentina e Uruguai, levan con amor no mais entrañabel do seu corazón. Un fillo de galegos, Fidel Castro, xoga a súa vida pola liberdade do seu povo sen axuda de ninguén, como non sexa do seu própio povo, e ante a indiferéncia da maioria dos gobernos de América. Só, co alento para a sua xesta da prensa, e a adesión moral - que outra cousa poderían ofrecer? - dous intelectuais. Nesa illa que chamaron en frase bastante cursi “a pérola das Antillas, que foi explorada polo navegante galego Ocampo, onde Evelino de Compostela alcanzou a fama de santidade e en que tantos ilustres fillos de Galicia tiveron acción destacada. Onde viviron e sofreron tantos desterrados galegos, como o gran poeta Curros Enríquez, e naceron tantas belas obras que fecundaron o pensamento galaico, como as primeiras edicións de “Cantares gallegos” de Rosalia, ou a Historia de Galicia de Murguia, volve a tinxir de sangue galego. De fillos e netos de galegos. Porque de Galiza e non doutras partes é a maior cantidade de sangue que nestes dias, coma sempre, como hai sesenta anos, rega o chan de Cuba”. (4 de maio de 1958).
 
NEIRA VILAS ENTUSIASTA DIFUSOR DA REVOLUCIÓN EN MARCHA
 
 
No mes de agosto de 1958 Neira Vilas edita no periódico Lugo do Centro Lucense de Bos Aires un poema baixo o título “Fidel Castro”. O poema está adicado a Santiago Riera, un exiliado cubano que residiu unha tempada en Bos Aires o cal desenvolveu unha intensa campaña de difusión, sobre os obxectivos do Movemento 26 de xullo.
 
FIDEL CASTRO
 
Personaxe de aceiro que forneces
arelas de Xustiza e Liberdade;
heroe xigante de exemplar bravura;
forza e vontade de xenial titá,.
 
Fidel, teu nome é por sí un destino
que doadamente a cumprir estás,
pois és fidelá Patria onde naciches
como poucos o foron en xamáis.
 
Teu apelido nobre e trascendente
está a sinar un símbolo augural;
Castro fora doña Constanza de Arias,
e Castro a dina Ines de Portugal.
 
Castro os Lemos, don Pedro e don Fernando,
e Castro Rosalía, a Rula impar
que cramara xustiza aos catro ventos
cando veu a seu povo agrilloar.
 
Vés de raza, Fidel, que non dobrega:
sangue galego nas túas veas hai;çes herdeiro de celme dun gran povo
disposto sempre a defender seu chan.
 
Cando esntran as lexiós de Octavio Augusto
na nosa Terra, en fero vendaval,
os guerreiro galegos non se rinden:
vanse ó monte Medulio a pelexar.
 
E alí sitiados, xa sen esperanza,
unha agoirenta noite de luar
matáronse entre sí, sereamente,
denantes de con vida se entregar.
 
Valentes como aqueles son teus homes
prestos a parescer se falla fai,
porque prefiren a vivir escravos
trocar a vida en sagra liberdá.
 
Medulio tamén é Serra Mestra
onde loitan con fe os bós cubáns;
mais o exercito vil do novo César
endexamáis, Fidel, vos vencerá.
 
TRUNFO DA REVOLUCIÓN
 
O 1 de xaneiro de 1959 Fidel Castro á frente do Movemento 26 de xullo co apoio da gran inmensa maioría da poboación derrotan ao dictador Batista. A nova conmove ao mundo e ilusiona a unha America Latina postergada.
 
Mentres en Cuba a poboación seguia celebrando a revolución vitoriosa, na Arxentina recibíanse con fervor as novas chegadas da illa.
O 9 de xaneiro dese mesmo ano festexouse o XVI Aniversario do Centro Lucense de Buenos Aires. No Lar Galego da rúa Belgrano déronse cita varios centenares de socios nunha cea de confraternización. Á hora dos discursos o presidente da mesma o señor Manuel Fernández despois de falar da historia do centro fixo alusión ao trunfo da revolución cubana. Opinión Galega sinalou parte do discurso de Fernández: “fixo referencia a Cuba, recuperada para a liberdade, e ao xefe da revolución. Fidel Castro, de estirpe galega. Sinalando a presenza na mesa do señor Gonzálo Castro, tío do xefe cubano. O señor Fernández foi calurosamente aplaudido e felicitado.”
Un día despois o 10 e 11 de xaneiro reuníronse os dirixentes máis destacados do nacionalismo galego do Río da Plata nunha Conferencia Interplatense das Irmandades Galegas.
A cita foi no Centro Pontevedrés de Bos Aires coa presenza do Consello de Galiza. Estaba en representación do goberno galego no exilio Antón Alonso Ríos, Ramón Súarez Pícallo e Elpidio Villaverde. A Conferencia foi inaugurada polo presidente das Irmandades, Alfonso Fernández Prol e entre os delegados estaban entre outros: Rodolfo Prada, Gervasio Paz Lestón, Lois Guede, X. Lema Novo, Xosé Benito Abraira, Manuel Puente, Ramón de Valenzuela, Xosé Neira Vilas, Antón Suárez Dopazo e Indalecio Tizón. Ao día seguinte na sesión de clausura tomouse o correspondente acordo: “Render homenaxe á República de Cuba co gallo da súa liberación da ditadura e comunicar o acordo ao heroico xefe da revolución Fidel Castro, por intermedio da Embaixada de Cuba en Bos Aires.”
 
O xornal “LUGO”  do Centro Lucense de Buenos Aires sinalaba na portada do mes de xaneiro de 1959: “ A república de Cuba ten para os galegos unha significación especial entre os países de hispanoamérica, pola grande corrente inmigratoria dos nosos paisanos e a consecuente influencia que iso determinou nos costumes, nas actividades de toda orde e en todas as formas de vida dese país. O feito de que o heroico xefe da revolución sexa fillo de pai e nai galegos -lugueses, para mais precisar - é unha demostración elocuente de tal influencia e contribúe a exaltar o noso grao de simpatía, por canto representa, tanto polo esforzo tenaz da súa loita como polos principios que a animan e orientan a configuración do prototipo da nosa estirpe...”
 
Poucos meses despois do trunfo da revolución, Xosé Neira Vilas - sinalou nun artigo en Opinión Galega, baixo o título “Fidel Castro: Retoño Galego” en referencia ao paso de Fidel por Bos Aires:
 
“O heroe de Sierra Maestra estivo hai algúns días en Bos Aires. Aínda nos parece mentira. Durante dous anos longos, os cables trouxeron novas - ben poucas por certo, debido á censura - sobre a loita armada do Movemento 26 de Xullo na provincia de oriente, que despois se extendeu a Camagüey, Las Villas, Matanzas, ata derribar unha das máis feroces tiranías desta sufrida América.
Fidel Castro é un auténtico líder da liberdade. Home xoven, xeneroso, valente, que despois de defender os dereitos dos pobres, dos explotados dende o seu bufete de avogado, cando a situación se fai mais significativa baixo a bota criminal de Batista, abandona a súa profesión, para adicarse a unha acción romántica, que despois do prolongado calvario había de dar por terra coa tiranía.
 
O povo de Cuba seguiu e segue a Fidel. É un povo maravilloso. Son os fillos e os netos daqueles mambises que despois de prolongada e cruenta loita contra as forzas do xa caduco imperio español, lograron a independencia da Illa.
Cando encarceraban a Fidel a raíz do asalto ao cuartel Moncada, o 26 de xullo de 1953, ao preguntárselle quen fora o inspirador daquel feito, responde sen titubeos: José Martí. E en Bos Aires, ante preguntas malintencionadas, contesta: “Non dependemos de ningún dogma; so abrazamos un “ismo”: el cubanismo.
 
 
Parece mentira. Fidel está frente a nós. Todos queren velo. Engurrano, pídenlle autógrafos, algúns mais supersticiosos queren tocar o seu uniforme. E de súpeto alguén, un fornido e resolto ancián pugna por acercárselle: é don Gonzalo Castro, galego, irmán do pai de Fidel, que leva moitos anos na Arxentina. Tío e sobriño abrazanse, e de entre o murmurio de voces surxe a do heroe que dí: “Irei mañá a xantar contigo, a condición de que me fagas, caldo galego”.
 
Nós, como galegos, como amantes da liberdade, como identificados coa causa cubana - non poderemos conter a emoción e a ledicia que nos produce a presenza deste home excepcional que leva o noso mesmo sangue e que hoxe é o mais auténtico líder popular do Continente.
Dende estas liñas manifestamos a Fidel Castro e ao magnífico povo cubano, fiel custodio da revolución, non so a nosa simpatía e a nosa adhesión, senon tamén o noso agradecemento, pois non dubidamos das consecuencias favorábeis que derivarán do exemplo do Movmento 26 de xullo, como chamado de atención a outros povos oprimidos, entre eles Galiza.”
 
En maio do mesmo ano Neira Vilas escribe outro artigo no periódico LUGO que sairá na portada da publicación baixo o título “Fidel Castro e a Revolución” no mesmo dirá:
  “A revolución cubana  é un chamado de atención ós povos asoballados. Un exemplo de patriotismo e coraxe. Un desafío a todo xeito de dictadura.”
 
O 30 de maio de 1960 Arturo Cuadrado sinalaba no periódico Galiza da Federación de Sociedades Galegas: “E agora Cuba. Fidel Castro é fillo de galegos. É moi recente a historia para contala. O mellor é vivila...”
 
Coa posterior crise dos misís e a declaración por parte de Fidel Castro da República Socialista de Cuba, os apoios da colectividade foron reducíndose aos sectores comunistas ou nacionalistas de esquerda, localizados na Federación de Sociedades Galegas. Neira Vilas e a súa compañeira Anisia Miranda non dubidan de viaxar a Cuba e radicarse naquel país. Alí vivirá unha parte importante da súa vida, comprometidos coa revolución cubana.
Ao meu amigo Xosé Neira Vilas “Ata a Vitoria sempre”.
 
Lois Pérez Leira

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lois Pérez Leira Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.