O COB cae na prórroga

O equipo ourensán, con moitos erros nos minutos decisivos, perde 89-79 co Basket Navarra e suma sexta derrota da Liga en dez partidos. Esta tarde, Breogán-CB Prat e Leyma Coruña-CB Clavijo.

Por gcdeportes | Ourense | 28/11/2015 | Actualizada ás 09:04

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Planasa Navarra 89:
Miki Servera (11), Bonhome (3), Iñaki Narros (20), Konan (0), Arteaga (22) -cinco inicial- Garrido (10), Guille Justo (2), Sergio Rodríguez (15) e Nguirane (6).
Ourense Provincia Termal 79: Rivero (9), Zamora (8), Barreiro (5), Salash (12) e Agbelese (12) –cinco inicial- Ballesta (0), Kapelan (12), Ander Martínez (7), Rejón (14) e Rowley (0).
Parciais: 18-26, 23-14 (41-40), 19-16 60-56), 11-15 (71-71), 18-8 (89-79).
Incidencias: partido da 10ª xornada da LEB Oro arbitrado por Carpallo Miguélez e González Cuervo. Sen eliminados. Pavillón Anaitasuna de Pamplona.

Barreiro e Agbelese tentan frear a Arteaga.
Barreiro e Agbelese tentan frear a Arteaga. | Fonte: Planasa Navarra

Con 66-69 no marcador, o COB tivo varios ataques para levar o partido. Pero anotou só dous tiros libres nos últimos catro minutos e Navarra empatou cunha tripla de Iñaki Narros, que con 7 puntos consecutivos no comezo da prórroga decidiu a vitoria para os locais. Unha mágoa: Ourense Termal sufriu a sexta derrota da Liga, por só catro vitorias. O vindeiro venres, de novo no Paco Paz ante a revelación da Liga, Amics Castelló, que suma xa sete triunfos.

Saíron concentrados os ourensáns, e da man de Salash (9 puntos no primeiro cuarto) e Agbelese, máis dúas triplas de Barreiro e Zamora, acadaron a primeira vantaxe importante (6-17). Navarra parou o partido a 5:15, pero outra tripla de Ánder Martínez mantivo a vantaxe ao remate do primeiro cuarto (18-26). O COB estivo nos dez puntos por riba ata a aparición de Oliver Arteaga, que con 10 puntos case consecutivos liderou un parcial de 18-2 para Navarra: pasouse dun 21-32 a un 39-34 malia o tempo morto de Gonzalo García. Con 1:33 por xogarse, o técnico ourensán volveu parar o partido, e reaccionaron os seus cun parcial de 0-6. Ao descanso, 41-40 e todo por decidir.

Tras un intercambio de canastras ao inicio do terceiro acto, dúas triplas de Miki Servera e Sergio Rodríguez permitiron a Navarra marcharse por primeira vez (60-50). Un tapón de Ander Martínez a Garrido fixo reaccionar a Ourense Provincia Termal. Agbelese termou de Arteaga e a veteranía de Rejón poñía os puntos en ataque, para meterse de novo na loita (60-56) ao remate do terceiro cuarto. Arrincou ben o COB o tramo final, e cun parcial de 2-9 púxose por diante (62-65). Sergio Lamúa parou o partido. As imprecisións dominaban o choque, pero Ourense chegou con vantaxe aos últimos minutos (66-69). Navarra acadou o empate a falta dun minuto cunha tripla de Narros. Dous tiros libres de Rejón e a resposta de Arteaga puxeron o 71-71. Agbelese non cazou un pase de Rejón baixo o aro, menos mal que Ourense defendeu ben a última posesión para chegar á prórroga.

Sete puntos de Iñaki Narros por só unha tripla de Zamora e Navarra púxose por diante (80-76). Agbelese só anotou 2 de 4 dende o tiro libre, Rejón errou unha tripla sen oposición e Sergio Rodríguez sentenciou dende 6,75. Tres tiros libres de Rivero achegaron ao COB (83-79), pero sen tempo para máis. Sergio Rodríguez non errou e a vitoria quedou en Navarra.

Agbelese, espectáculo baixo os aros.
Agbelese, espectáculo baixo os aros. | Fonte: Planasa Navarra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta