O Breo retoma a senda

O equipo lucense gaña 86-55 ao CB Prat e racha coa xeira de catro derrotas consecutivas. O Leyma Coruña vence 95-83 ao CB Clavijo e acada a terceira vitoria da Liga, segunda consecutiva.

Por gcdeportes | Lugo / A Coruña | 28/11/2015 | Actualizada ás 22:40

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Cafés Candelas Breogán 86:
Sergio Llorente (8), Álex López (10), Matulionis (14), Samb (15), Travis Nelson (10) -cinco inicial- Devin Wright (8), Ucles (10), Rakocevic (7) e Suero (4).
CB Prat 55: Agustín Sans (5), Álex Ros (4), Sergi Costa (7), Gerbert Martí (10) e Nikolic (6) -cinco inicial- Iriarte (6), Coego (6), Forcada (7), Óscar Amo (2), Arostegui (2) e Marc Bauzá (0).
Parciais: 24-15, 16-5 (40-20), 26-17, 20-18 (86-55).
Árbitros: Asier Quintas e Bravo Loroño. Eliminaron por cinco faltas persoais a Nikolic e Forcada.

Os xogadores celestes celebran a vitoria co Pazo.
Os xogadores celestes celebran a vitoria co Pazo. | Fonte: @CBBreogan

O rival propicio para rachar a xeira negativa de catro derrotas e recuperar a confianza. O Breo non tivo problemas para vencer con autoridade (86-55) o pechacancelas da Liga, o CB Prat, filial do Joventut, que ao descanso levaba tan só 20 puntos. Cinco xogadores lucenses anotaron dez ou máis puntos, liderados por Mamadou Samb (15) e Matulionis (14). Cinco vitorias e cinco derrotas, e o venres visita ao CB Clavijo en Logroño.

Intensos en defensa e concentrados no rebote, o Breogán non tardou nin cinco minutos en abrir oco. Anotaron Matulionis e Samb, e un 2+1 de Nelson puxeron un 15-6 que obrigou ao rival a parar o partido. Iriarte con cinco puntos termou do Prat, pero o Breo mantivo a concentración e o acerto: 24-15 ao remate do primeiro cuarto. O segundo cuarto comezou con erros polos dous equipos, pero o Breo foi anotando aos poucos e os cataláns só anotaron unha canastra en case dez minutos. A segunda visitante chegou a dez segundos do descanso, e os lucenses xa gañaban de 20 puntos, tras un 2+1 de Samb. 40-20 foi o resultado no tempo de lecer.

Matulionis anotou a primeira tripla para os lucenses, o Breo seguiu dobrando no marcador ao CB Prat e o partido xa non tiña historia. 26-17 foi o parcial do terceiro cuarto, coa diferenza xa polos trinta puntos. Lisardo Gómez aproveitou para dar minutos a Gerardo Suero no seu debut no Pazo, Samb non volveu á pista tras unha escordadura no nocello esquerdo e o Breogán deixou pasar os minutos ata sumar a quinta vitoria da tempada. Unha semana máis de adestramentos, unha semana menos para o regreso de Dani López e xuntar á fin dez xogadores.

Ficha técnica
Basquet Coruña 95:
Joan Creus (8), Stelzer (7), Larry Abia (4), Burjanadze (31), Sergio Olmos (8) -cinco inicial- Zyle (8), Chus Castro (2), Ángel Hernández (11), Monaghan (15) e Orlov (1).
CB Clavijo 83: Borja Arévalo (6), Carles Bravo (18), Mike Carlson (12), Joseph Ott (16), Babatunde (16) -cinco inicial- Galarreta (13), Kennedy (2), Brais Gago (0) e Álex Reyes (0).
Parciais: 28-20, 21-12 (49-32), 19-24, 27-27 (95-83).
Árbitros: José Vázquez García e Alberto Sánchez Sixto. Eliminaron por cinco faltas persoais a Mike Carlson e Joseph Ott.

A terceira da tempada, segunda consecutiva, para o Leyma. Chegaron os coruñeses a ter 22 puntos de vantaxe (54-32), pero pasou por momentos de dubida no último cuarto, máis polos precedentes que pola incerteza do marcador, cando Clavijo se puxo a cinco. Unha canastra de Olmos a 32 segundos do final pechou o encontro. Beqa Burjanadze, de novo MVP do partido con 31 puntos: once canastras de dous sen erro e tres triplas. O vindeiro sábado, en Oviedo.

Primaron os ataques sobre as defensas no primeiro cuarto, con igualdade no marcador (18-18) ata que apareceu Monaghan. Burjanadze sumaba xa 9 puntos cando o escolta estadounidense anotou 8 consecutivos con dúas triplas, e con 28-20 rematou o primeiro cuarto. Tras unha tripla de Ruiz de Galarreta, un parcial de 11-0, con 6 puntos máis de Burjanadze, e o Leyma abriu un oco importante (39-23). O pivote xeorxiano anotaba todo o que tiraba (21 puntos ao descanso) e os coruñeses chegaron ao descanso con 49-32.

Cinco puntos de Creus e o Leyma acadou a máxima vantaxe (54-32), pero os rioxanos, con dúas triplas de Carlson e unha de Ott, apertaron o marcador (61-47) e obrigou a Tito Díaz a parar o partido. Ángel Hernández, con 4 puntos, deu un chisco de tranquilidade aos coruñeses: 68-56. Triplas de Monaghan e Stelzer abriron de novo oco (76-58), pero a base de triplas (tres de Carles Bravo, Carlson e Ott) o Clavijo meteu o medo no corpo aos locais (88-83). Un rebote ofensivo e canastra de Olmos pechou o partido para o Leyma, que ao final gañou 95-83.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta