Celta, vitoria con fortuna

O equipo celeste gaña 2-1 ao Sporting cun gol de rebote de Nolito tras un despexe do meta rival. Había máis de dous meses que os de Berizzo, cuartos con 24 puntos, non gañaban en Balaídos.

Por gcdeportes | Vigo | 29/11/2015 | Actualizada ás 01:57

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Celta 2:
Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Planas; Augusto Fernández; Tucu Hernández, Bongonda (Daniel Wass, 64’), Orellana (Josep Señé, 90’), Nolito e Guidetti (Iago Aspas, 78’).
Sporting 1: Iván Cuellar; Lora, Luis Hernández, Bernardo, Isma López; Mascarell, Nacho Cases; Halilovic, Dani Ndi (Pablo Pérez, 69), Jony (Juan Muñiz, 79’) e Sanabria (Carlos Castro, m.63).
Goles: 1-0: Orellana (minuto 15). 1-1: Carlos Castro (65’). 2-1: Nolito (84’).
Árbitro: Jaime Latre (aragonés). Amarelas a Sergi Gómez (23’), Cabral (54’) e Tucu Hernández (91’) nos celestes. Sen cartóns no Sporting.
Incidencias: partido da 13ª xornada da liga BBVA no estadio municipal de Balaídos ante 18.039 espectadores.

Os xogadores celestes celebran a vitoria fronte ao Sporting.
Os xogadores celestes celebran a vitoria fronte ao Sporting. | Fonte: lfp.es

De rebote e con fortuna, o Celta volveu vencer en Balaídos máis de dous meses despois. Dende o 4-1 ao Barça alá polo 23 de setembro non gañaba ante a súa parroquia. Non xogaron un bo partido os celestes, que incluso sufriron o acoso rival durante moitos minutos, pero sumaron tres novos puntos, importantes para recuperar a confianza tralas dúas derrotas ante Valencia e Dépor. Orellana marcou o 1-0 na primeira parte, Carlos Castro empatou na segunda tras un agasallo do meta celeste e Nolito, de costas e de rebote tras un despexe do meta rival, fixo o 2-1 definitivo a catro minutos do final.

Despois de verse superado polo Dépor no derbi, o Toto Berizzo buscou a reacción dos seus con variacións no once: Guidetti e o belga Bongonda entraron por Iago Aspas e Wass, ademáis de Planas pola sanción de Jonny. Os trocos non supuxeron moita melloría, e incluso o Celta botou en falla aos ausentes. Os mellores minutos do Celta foron no comezo (e ao final, xa co 2-1), e axiña chegou o gol tempraneiro de Orellana. Nolito centrou ás costas da defensa, e Bongonda cedeu para o tanto do chileno (1-0, minuto 15).

Bongonda tentábao pola dereita, pero o Celta acusaba a falta de ideas en ataque, e pouco a pouco o Sporting foise estirando. Incluso marcou, pero o árbitro anulou o gol por fóra de xogo. O perigo ata o descanso chegou das filas celestes: Guidetti revolveuse na área pero o seu disparo detívoo ben Cuéllar e Bongonda tivo outra ocasión tras centro de Nolito dende a esquerda.

O Sporting, que apenas creara perigo na primeira metade, deu un paso á fronte tralo paso por vestiarios e pasou a dominar o partido, co Celta perdido no seu xogo. Os asturianos anunciaron cun par de chegadas o empate que se vía vir. Berizzo notou que o seu equipo sufría e meteu a Daniel Wass no medio por Bongonda. Pero foi o propio Sergio Álvarez quen regalou o empate a Carlos Castro, quen levaba menos dun minuto no campo (1-1, minuto 65). O gol deixou aínda máis tocado ao Celta, que tardou en reaccionar. Incluso Carlos Castro puido marcar nun remate en parábola que non atopou porta. A saída de Iago Aspas a falla de 15 minutos espertou o ataque vigués. Un pase en profundidade do moañés para Nolito deu orixe ao segundo gol celeste: Iván Cuellar tentou despexar na súa saída e o balón petou no dianteiro andaluz, de costas, e acabou na rede asturiana a catro minutos do final. A conexión Aspas-Nolito volveu aparecer, pero o longueiro evitou o terceiro dos celestes. Tres puntos para seguir cuartos con 24.

Nolito e Iago Aspas, felices tras facer o Celta o 2-1.
Nolito e Iago Aspas, felices tras facer o Celta o 2-1. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta