Cumio de socialistas galegos para analizar as prioridades do país

Os candidatos ao Congreso e ao Senado e os deputados do PSdeG mateñen unha xuntanza para analizar as necesidades de Galicia desde unha "postura firme de pais" e de "galeguidade".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/11/2015 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O desemprego e a reactivación dos sectores estratéxicos de Galicia, e a universalidade dos servizos públicos básicos, como a educación e a sanidade son as principais prioridades do PSdeG de cara aos vindeiros anos.

Presentación dos candidatos do PSdeG ao Congreso e ao Senado nas eleccións do 20D coa presenza de José Ramón Besteiro
Presentación dos candidatos do PSdeG ao Congreso e ao Senado nas eleccións do 20D coa presenza de José Ramón Besteiro | Fonte: psdg-psoe.org

Así o puxo de manifesto unha ampla representación dos candidatos socialistas ao Congreso e ao Senado e do grupo parlamentario do PSdeG na Cámara autonómica que se reuniron este luns para analizar as necesidades de Galicia ante a cita electoral do próximo 20 de decembro.

"Queremos trasladar unha postura firme de país, de galeguidade, do que Galicia representa no modelo territorial", suliñou en declaracións aos medios a secretaria de Organización do PSdeG e cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Pilar Cancela.

Neste sentido, criticou as políticas de emprego dos populares. "Nós non imos prometer cantos miles ou millóns de postos de traballo imos crear porque penso que esas cifras máxicas xa as deu hai uns anos o señor Rajoy", ironizou ao suliñar que o PP só pode ofrecer "precariedade e temporalidade".

"O PP, tanto no seu goberno no Estado como no seu goberno na Xunta, nunca apostou pola calidade do emprego. Falan de que hai unha mellora en canto a postos de traballo pero esquecen unha cuestión fundamental, e é que calidade e que precariedade ten neste momento o mercado de traballo", manifestou. "Ningún home nin ningunha muller neste país pode desenvolver e asentar un proxecto vital cando o único que ten é un contrato de traballo que lle dura días ou mesmo horas, así é imposible facer país", indicou.

O portavoz do grupo parlamentario Socialista no Parlamento de Galicia, José Luís Méndez Romeu, referiuse ás contas públicas presentadas polo Goberno galego para o próximo ano. “Reflicten as políticas fracasadas na loita contra o desemprego, as políticas insuficientes na recuperación económica, na redución da desigualdade e, sobre todo, as políticas totalmente regresivas no mantemento do gasto social", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ana

Nin bipartidismo novo, nin bipartidismo vello. Cada dia mais galegos teñen claro que o "voto util" en Galicia é NÓS e no resto do estado é IU. NÓS é a unica candidatura 100% galega, con propostas para o pais e que vai defender os intereses galegos no parlamento español. No resto do estado é IU pq son os unicos que falan de cambio de verdade ( e non so reformas), de republica e de "traballo garantizado". ¿Pq non invitan o lider de IU aos debates xunto a PP,PSOE, Podemos e Ciudadanos?. ¿Teran medo a que gane o debate?.