Os medios galegos, os que peor imaxe transmiten da comunidade xitana

Galicia é a comunidade onde máis noticias negativas se publican sobre os xitanos.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 30/11/2015 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

O 41,8% das noticias publicadas nos medios galegos o pasado ano sobre o pobo xitano transmitiron unha imaxe negativa desta comunidade, moi por riba da media estatal, do 20,4%. Esta é unha das principais conclusións do informe "¿Periodistas contra el racismo? La prensa española ante el pueblo gitano 2014", da organización non gubernamental Unión Romaní, presentado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra polo seu presidente, Juan de Dios Ramírez-Heredia, quen advertiu que todo o labor que diferentes organizacións e colectivos veñen desenvolvendo a prol da integración desta comunidade “non servirá de nada se previamente non gañamos a batalla nos medios de comunicación social”, informa o DUVI.

Presentación en Pontevedra do informe '¿Periodistas contra el racismo?'
Presentación en Pontevedra do informe '¿Periodistas contra el racismo?' | Fonte: DUVI.

A décimo segunda edición do informe que a Unión Romaní vén realizando desde 1995 parte da análise de 2.273 noticias publicadas por 268 xornais e medios dixitais de toda España, así como de varios programas de televisión, a partires das que se realiza unha catalogación das noticias como positivas, negativas e neutras. Unha catalogación que se elabora en base á “valoración feita non por profesionais, senón por un grupo de xitanos e xitanas, aos que lle fai a pregunta fundamental que sustenta este estudo, se unha noticia é positiva ou negativa para o noso pobo”, como explicou o xornalista e avogado Ramírez-Heredia. 

O presidente da Unión Romaní, que foi tamén deputado no Congreso e no Parlamento Europeo, lamentou neste senso que a comunidade xitana, que integran preto de 750.000 persoas no conxunto do Estado, continúe a ocupar, ao seu xuízo, “o último lugar no ránking do progreso e o desenvolvemento”, alertando tanto das “elevadas taxas de analfabetismo”, como dos índices de mortalidade infantil ou da “dobre marxinación da muller, por ser muller e por ser xitana”. Mais, ao mesmo tempo que relatou as diferentes iniciativas de colectivos como a Unión Romaní para combater esta situación, puxo de relevo a necesidade de rachar cos “sambenitos que pesan sobre nós desde hai tantos anos e polos que para moita xente os xitanos somos a expresión da mentira, o roubo, o engano e o comportamento incívico”. De aí que Ramírez-Heredia aludise ao código deontolóxico que seguen os medios británicos, que pon de relevo “que o xornalista non fará referencia á raza, cor da pel, cultura ou orixe, cando se trate de informar sobre feitos pexorativos”.

Aumento das informacións negativas

O informe, financiado polo Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, reflicte un aumento de sete puntos, do 13,1% ao 20,4%, na porcentaxe de “informacións negativas” sobre a comunidade xitana na prensa española en 2014. Un tratamento que, segundo se recolle neste documento, foi especialmente predominante naquelas novas que abordaban cuestións vinculadas coas drogas, a delincuencia ou as agresións, ámbitos nos que a porcentaxe de novas desfavorables foi do 80%, o 70% e o 69% respectivamente. Por ese motivo, nesta publicación advírtese de que a información sobre xitanos continúa realizándose “de maneira parcial e estereotipada”. Pola contra, só foron cualificadas como positivas neste estudo o 16% das novas, un 6% menos que en 2013, e como neutras o 68%, cinco puntos menos que no informe anterior. Así mesmo, a publicación tamén recolle que, no relativo ás novas de portada, o tratamento negativo ascende ao 46% do total.

Por outra banda, este informe inclúe por primeira vez unha análise das fotografías publicadas nestas noticias, do que conclúen que o 16% das imaxes empregadas eran “tendenciosas ou estereotipadas”. Así mesmo, o informe sitúa como “materia pendente” a consulta de fontes pertencentes a esta comunidade, que non se realizou no 69% dos casos, á vez que alerta do “discurso do odio” presente en Internet a través dos foros e redes sociais e condena a visión “caricaturizada, en formatos moi sensacionalistas” que se realiza deste pobo nos medios audiovisuais.

Os medios galegos

No relativo ás comunidades autónomas, Galicia sitúase neste estudo como a terceira con maior número de novas publicadas sobre este colectivo, tras Madrid e Andalucía, cun total de 389, un 17% do total e unha cifra moi superior ás 93 do ano anterior. Mais ao mesmo tempo, esta autonomía é a segunda na que a porcentaxe de novas catalogadas como negativas foi máis elevada, só por detrás do 50% de Baleares, que porén, foi unha das comunidades nas que menos novas se publicaron sobre xitanos e xitanas.

Pola contra, o 54% das novas publicadas recibiron o cualificativo de neutras e o 3,3% de favorables na comunidade galega, onde fontes da comunidade xitana foron consultadas no 37% dos casos. Así mesmo, o informe recolle que en Galicia as temáticas nas que maior presencia tivo este colectivo foron os sucesos, cun 12% do total, seguidos do asociacionismo (8,7%), a xustiza (8,2%) e a política (8,1%)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Tito Payo

Os xitanos saben ven como viralizar nas feiras: https://scontent.cdninstagram.com/h...