Temas: XORNALISMO

Luís Pousa e Ignacio Camacho gañan os premios de xornalismo Fernández del Riego e Julio Camba

Luís Pousa, xefe de opinión de La Voz de Galicia, recibe o Fernández del Riego por «Galicias» e Ignacio Camacho, columnista do ABC, o Julio Camba por «Betty». A entrega será no café moderno Afundación de pontevedra, ás 20.00 horas.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 01/12/2015 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés, celebran mañá ás 20.00 h. no Café Moderno Afundación en Pontevedra (Praza de San Xosé, 3) o acto de entrega do XXXVI Premio de Xornalismo Julio Camba a Ignacio Camacho polo texto «Betty», publicado en ABC, e o XII Premio de Xornalismo Fernández del Riego a Luís Pousa polo seu artigo titulado «Galicias», publicado en La Voz de Galicia. 

Luís Pousa nun debuxo de Pablo Gallo (A Coruña, 1975) / http://elblogdepablogallo.blogspot.com.es/
Luís Pousa nun debuxo de Pablo Gallo (A Coruña, 1975) / http://elblogdepablogallo.blogspot.com.es/

Na entrega estarán presentes, ademais de ámbolos galardoados, o presidente de Afundación Miguel Ángel Escotet; o director do Ámbito Cultural de El Corte Inglés, Ramón Pernas; e o presidente, secretario e vogal do xurado dos premios, Alfredo Conde, Carlos Valle e Víctor Freixanes.

O artigo de Luís Pousa, publicado en La Voz de Galicia o 25 de xullo de 2014, é un canto á identidade galega, como di o seu propio autor, un canto ás mil Galicias que existen en cada un de nós, aos múltiples valores que enriquecen esta terra que «cada 25 de xullo renace das súas cinzas». Así mesmo, o artigo gañador do Julio Camba, publicado en ABC o 14 de agosto de 2014 e asinado por Ignacio Camacho, é un texto evocativo sobre a figura de Lauren Bacall, á que «o guión da súa vida non concedeu un só plano á decadencia; envelleceu con dignidade soberbia, coa lucidez, a nobreza moral e o porte físico dunha vestal que conservaba nos seus recordos o testemuño innmurchable dun tempo dourado», escribe Camacho no texto premiado. 

Traxectoria de Luis Pousa

Luís Pousa Rodríguez, nado en Lugo en 1971, dirixe actualmente a sección de Opinión de La Voz de Galicia, diario ao que se incorporou no ano 2000, tras unha primeira etapa profesional en El Ideal Gallego. Licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago na especialidade de álxebra, ampliou os seus estudos na University College Dublin e a Universitat de Barcelona e incorporouse ao mundo do xornalismo en 1996. En La Voz de Galicia dirixiu tamén a sección de Cultura e actualmente publica a columna semanal «Farrapos de gaita», na sección de opinión que dirixe agora e á que pertence o artigo premiado nesta XII edición do premio Francisco Fernández del Riego. Luís Pousa é tamén autor do blog Farrapos de gaita, que se publica na edición dixital do diario e asina a crónica semanal Atlantic City nas páxinas de La Voz de A Coruña. Vogal da Asociación da Prensa da Coruña, foi colaborador do espazo Galicia por Diante na Radio Galega e profesor no Mestrado en Edición Xornalística da Universidade da Coruña e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Tras debutar en 2008 na literatura co libro de poemas O embigo do mar, en 2009 gana a XI edición do premio literario Fernando Areas Quintela pola novela A noite das palabras. En 2013 publica Breviario do bus e, desde os seus inicios na literatura, colaborou tamén xunto a outros autores en diversos volumes.

Carreira de Ignacio Camacho

Ignacio Camacho López de Sagredo, nacido en Marchena (Sevilla) no ano 1957, é xornalista e licenciado en Filoloxía Hispánica. Columnista do diario ABC, xornal que dirixiu entre 2004 e 2005, participa como comentarista habitual en diversos programas nacionais de radio e televisión en Onda Cero, Antena 3 (Espejo Público), RTVE ou Telemadrid, entre outros. Como escritor é autor do primeiro libro de investigación sobre o caso Juan Guerra, El huerto del asistente (Planeta, 1990), do libro-reportaxe Sevilla 24 horas e é coautor de Crónica de un sueño, sobre a transición en Andalucía, e de Memoria del paisaje. Ten os premios de xornalismo Mariano de Cavia, González Ruano, Miguel Delibes, Romeu Murube, Antonio Fontán, Unicaja e Fundación Institucional Española, entre outros. Foi subdirector de El Mundo e Diario 16, traballou tamén en Cambio 16, El Correo de Andalucía e Nueva Andalucía e foi profesor de xornalismo cultural (1992-1996) na Universidade de Sevilla.

Temas: XORNALISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta