Jimmy, "triste aniversario"

Medio milleiro de persoas marchan ata o estadio de Riazor xunto coa nai do seareiro deportivista para esixir xustiza, petición á que se suma o Deportivo nas redes sociais: “30 de novembro, triste aniversario. #Xustiza para Jimmy”.

Por gcdeportes | A Coruña | 01/12/2015 | Actualizada ás 08:21

Comparte esta noticia

Xa vai aló un ano, e o deportivismo non esquece a Jimmy. Un ano despois do seu falecemento, volve reclamar unido "Xustiza para Jimmy". Así o fixeron dende o club, nunha mensaxe nas redes sociais, e así o reclamaron medio milleiro de persoas que acompañaron á nai de Francisco Javier Romero nunha marcha silenciosa ata a Torre de Marathón, improvisado santuario no estadio de Riazor pola memoria de Jimmy.

Acto na torre de Marathón para lembrar a Jimmy ante o seu rostro pintado.
Acto na torre de Marathón para lembrar a Jimmy ante o seu rostro pintado. | Fonte: @JimmyVive

“30 de novembro, triste aniversario. #XustizaParaJimmy”, deste xeito sumouse o Deportivo nas redes sociais á lembranza do seareiro asasinado por ultras do Frente Atlético o 30 de novembro de 2014 nos arredores do Vicente Calderón. O texto vai acompañado dunha ilustración na que insiste na solicitude de “xustiza”, completada coa sentenza "Sempre con nós".

Convocados polos Riazor Blues e pola asociaciación Jimmy sempre con nós, medio milleiro de persoas, iluminadas con fachos, acompañaron á nai de Francisco Javier Romero nunha marcha ata o estadio de Riazor para lembrar o seareiro deportivista. Coa pancarta 'Jimmy vive', percorreron os 300 metros dende a Praza de Portugal ata a Torre de Marathón, onde o día 30 de cada mes se recorda a Jimmy.

O silencio rachouse con cánticos como “Jimmy, hermano, nosotros no olvidamos” ou “Xustiza para Jimmy”. Tamén houbo berros de "asasinos" para o Frente Atlético. Despois, ofrenda de frores branquiazuis ante a faciana de Jimmy pintada na torre e lectura dun comunicado para lembrarse do amigo, para volver reclamar xustiza para el, e con críticas a institucións, medios de comunicación e ao proceso xudicial que se segue en Madrid. “O teu rostro é agora o noso emblema, ese mesmo rostro que sempre estaba presente cando o necesitabas e que aparecía cun sorriso que todo o iluminaba. O tempo nunca poderá roubarnos o teu recordo”, escoitouse.
As homenaxes a Jimmy continuarán o vindeiro sábado, coincidindo coa visita do Sevilla a Riazor, cando haberá un torneo de fútbol indoor na Grela e un concerto na Torre de Hércules.

O proceso xudicial, estancado

Catro acusados de homicidio pola policía e identificados por unha testemuña protexida liberados polo xuíz; 101 detidos e tan só un menor acusado; dúas causas abertas en dous xulgados diferentes… Un panorama desolador ao cumprirse un ano da morte de Jimmy, caso que podería chegar a pecharse sen aclararse a autoría do crime. De feito, segundo fontes consultadas por Efe, é "probábel" que o Xulgado de Menores acepte o recurso da defensa e retire o cargo de homicidio que se lle imputa a un dos tres menores acusados. Deste xeito, ningún dos 101 detidos estaría xa acusado da morte de Jimmy. O xulgado número 20 de Madrid que instrúe a causa principal mantén 98 persoas imputadas, pero tan só por un delito de rifa tumultuaria.

En troques, a policía mantén a súa tese, refrendade por miles de imaxes grabadas, polas mensaxes de WhatsApp dos implicados e pola testemuña protexida, que na súa declaración ante o fiscal de Menores sinalou a esas catro persoas como responsábeis directos da morte de Jimmy, xunto co outro menor imputado. Ninguén entende que o xuíz Pedro Marchante Somalo non chame a declarar á testemuña protexida, tamén imputado na causa. Esa dobre condición podería ser o problema: un imputado ten dereito a exculparse incluso mentindo, pero unha testemuña está obrigada a dicir a verdade ante o xuíz. A día de hoxe, un ano despois do asasinato de Francisco Javier Romero, nada mudou no proceso dende maio, cando o xuíz decidiu deixar en liberdade os catro acusados da morte de Jimmy.

A marcha ata Riazor para lembrar a Jimmy, coa nai do seareiro á dereita da pancarta.
A marcha ata Riazor para lembrar a Jimmy, coa nai do seareiro á dereita da pancarta. | Fonte: @JimmyVive

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta