O Álvaro Cunqueiro: Un hospital “dos chineses” que se paga “a prezos de boutique”

O PSdeG pide a retirada do xerente da área sanitaria e a da xestión privada que converteu o centro hospitalario nun “marrón”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/12/2015 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

Houbo cambios importantes na dirección do Álvaro Cunqueiro de Vigo pero iso non fai que a oposición cese nas súas críticas ao novo hospital. A primeira comparecencia do conselleiro de Sanidade na Cámara serviu para medir as prioridades da Xunta e da oposición. Jesús Vázquez Almuíña evitou falar sobre a situación do centro hospitalarios vigués, a pesar das críticas dos grupos da oposición que o chegaron a comparar cunha tenda dos chineses.

Pingueiras no novo hospital de Vigo
Pingueiras no novo hospital de Vigo | Fonte: VM

Vázquez Almuíña, que este martes compareceu no Pleno para presentar as liñas políticas do seu departamento, evitou as críticas ao hospital vigués e anunciou, por exemplo, que hai “moitas posibilidades” de que os pacientes con lesións medulares que viven na zona sur de Galicia poidan pasar as súas revisións en centros como o Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Os grupos da oposición insistiron no traslado e a situación do novo hospital de Vigo, que volveu a rexistrar a rotura dunha tubaxe de augs fecais sobre Urxencias. "É curioso, a mesma tubaxe, no mesmo sitio, agora aparecen gasas atascando. É curioso que a avaría sexa no mesmo sitio", manifestou o conselleiro, con ton de desconfianza. “Eu polas noites teño acudido ao novo centro para meter as gasas nas tubaxes”, ironizou a deputada de AGE, Eva Solla. “Non sei se é vostede ou o alcalde de Vigo", chanceou tamén a socialista Carme Acuña.

Precisamente, a deputada do PSdeG, comparou o hospital vigués cunha tenda dos chineses, polo abaratamento de custes imposto tras a privatización de servizos. “Estánnos obrigando a pagar a prezos de boutique un hospital dos chinos”, espetoulle Acuña ao novo conselleiro de Sanidade.

Así, sinalou que a situación do novo Hospital, que cualificou de “marrón” para o novo conselleiro, “non se solucionará mentres non quiten a Rubial –o xerente da área sanitaria- e á empresa privada”. A situación “desastrosa” do centro, dixo, “non deriva de xuntar o CHUVI e o Xeral, senón de xuntar o público e o privado con criterios de empresa”.

Pola súa banda, a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) criticou a Jesús Vázquez Almuiña por coordinar, dixo, “unha sanidade pública moribunda”. Así, lembrou que a chegada de Feijóo ao Goberno da Xunta en 2009 supuxo o inicio dun “brutal proceso de destrución da sanidade pública”. Ao que se lle poden poñer números: as partidas dedicadas á sanidade caeron un 7%, 277 millóns de euros. “E o mínimo incremento que anunciaron para 2016”, relatou Solla, “é para a paga do persoal que vostedes mesmos recortaron”. 

A xoia da coroa de Feijóo é unha estafa”, afirmou Eva Solla, quen lembrou o desastroso traslado do centro, as dimisións na dirección do mesmo, os problemas coa esterilización privatizada, o sistema privado de financiamento do mesmo e outras cuestións que provocaron, non hai moitos meses, unha das maiores manifestacións da historia de Vigo, en defensa da sanidade pública.

 

Pola súa banda, Montse Prado, do BNG, denunciou que Almuíña leva facendo “publireportaxes” co hospital vigués. Ademais, referiuse ao cambio de directivos na área sanitaria viguesa, para advertir de que non se cambiou ao xerente, que "segue sendo o máximo responsable público en Vigo".  Neste sentido, asegurou que existe unha "bicefalia: a pequena, da consellería; e a grande, a concesionaria, é a que toma as decisións", e concluíuse que "hai moitísimos problemas que necesita solucións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta