Escapp, unha aplicación para axudar ás mulleres vítimas da violencia machista

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia desenvolve unha aplicación en colaboración coa Xunta que pode ser instalada nos móbiles das vítimas de xeito confidencial.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/12/2015 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

As mulleres vítimas da violencia machista terán ó seu servizo unha aplicación móbil que lles permitirá obter información de apoio e acceder a recursos, coma os Centros de Información ás Mulleres (CIM), comisarias, ou hospitais próximos á súa localización, entre outros servizos. Todo iso, dunha forma áxil, sinxela, intuitiva, gratuíta e, sobre todo, confidencial, xa que a aplicación está deseñada para que permaneza oculta no menú do teléfono de tal maneira que tan só a usuaria saiba que dispón desa app.

Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes
Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes | Fonte: uvigo

A ferramenta chámase Escapp e é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. A aplicación, de descarga gratuíta, está deseñada para informar e apoiar ás mulleres que sofren violencia de xénero e a calquera persoa que detecte na súa contorna unha posible situación de violencia de xénero e queira obter información ao respecto. Trátase se achegar información accesible e sinxela, a través do teléfono móbil, aproveitando o potencial das novas tecnoloxías, e abrindo unha nova vía de colaboración interinstitucional, neste caso co Colexio Profesional de Enxeñería Informática, informa a Amtega.

Ademais, o acordo asinado busca favorecer unha innovación tecnolóxica que contemple a perspectiva de xénero e axude a superar esa desigualdade tecnolóxica das mulleres e contribúa á loita contra a violencia de xénero, a través de accións formativas, de información e divulgación, facendo fincapé especial na xente moza e o seu uso das tecnoloxías.

Segundo explicou o presidente do Colexio Profesional de Enxeñería Informática, Fernando Suárez, Escapp é unha aplicación que ten por obxectivo achegar información de utilidade ás mulleres que se atopan nunha situación de violencia de xénero e a todas as persoas que poidan axudar a rematar con este tipo de situacións.

Funcionalidades

A idea foi crear unha aplicación de moi sinxelo uso e intuitiva, pero que recolla os principais consellos e recomendacións para mulleres vítimas de maltrato de xénero. Así, ademais de apartados como “primeiros sinais”, “que facer” ou “preguntas frecuentes”, recolle un completo directorio de recursos como centros de información á muller, hospitais, corpos de seguridade ou servizos sociais. Todos eses recursos están xeoposicionados, de forma que se presenten os máis próximos á localización da usuaria. A aplicación camúflase como unha app de información xenérica para evitar sospeitas, e está protexida por un contrasinal que debe determinar a propia usuaria.

A aplicación discorre a través duns ítems moi sinxelos e prácticos, que consiste en primeiros sinais do maltrato, qué facer, tips para a túa seguridade, preguntas frecuentes, preto de min, directorio, chama e infórmate, e galería audiovisual.

  1. Primeiros sinais do maltrato: Pautas para identificar si estás vivindo potencias situacións de maltrato.
  2. Que facer: consellos e indicacións de como proceder tanto se a muller é vítima de violencia directamente ou pautas de como actuar para calquera persoa que teña coñecemento dunha situación deste tipo.
  3. Tips para a túa seguridade: ofrece pautas de actuación a quen viva situacións de violencia, tanto se aínda non abandonou a dita situación (ofrece consellos claros e directos de como proceder para rachar con ela), como si xa se denunciou a situación (ofrece consellos para a seguridade física da vítima).
  4. Preguntas frecuentes: contén a resposta ás preguntas que as mulleres que padecen violencia de xénero realizan de xeito recorrente, sobre todo en relación coa denuncia e a súa interposición, sobre a orde de protección e o que implica e sobre os recurso dos que pode dispoñer.
  5. Preto de min: Activa a través do xeoposicionamento da vítima ou persoa que use a APP todo o directorio de recursos existente en Galicia: CIMs, comisarias, hospitais, xulgados específicos etc.
  6. Directorio: Figuran os datos completos da totalidade dos recursos existentes en Galicia (enderezos e teléfonos) .
  7. Chama e infórmate: Solo con pulsar esta opción de establece a chamada directa co 016 ou co teléfono 900400273 de información ás mulleres.
  8. Galería audiovisual: enlaza coa canle que a Secretaría xeral da Igualdade ten activo en youtube e no que se soben os diferente produtos audiovisuais que se elaboren en diferentes proxectos. Se actualiza automaticamente, de xeito que actualizada a canle actualizada a App

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta