"O manga é o medio de comunicación visual máis potente do século XXI"

Silvia Sancho é unha artista pontevedresa apaixoada do manga. Tal é a súa paixón que, hoxe por hoxe, pode ser considerada como unha das principipais especialistas desta arte en Galicia.

Por Xurxo Salgado | Pontevedra | 09/12/2015 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

De feito, Silvia estivo vivindo en Xapón dous anos, aprendeu a súa lingua e empapouse da súa cultura para poder coñecer mellor as súas expresións artísticas.

Silvia Sancho, artista e especialista en manga
Silvia Sancho, artista e especialista en manga

“O manga é, xa que logo, unha linguaxe narrativa que conta con códigos e símbolos propios algúns dos cales son difíciles de entender para quen non estea inmerso na cultura xaponés”, apunta. Para ser un bo “mangaka”, di, hai que saber combinar “habilidades artísticas, capacidade creativa e de imaxinación”.

Acabas, como quen di de volver de Xapón, que fai unha galega no país do sol nacente durante dous anos?
Fun investigar os códigos visuais xaponeses, analizando e investigando as súas manifestacións artísticas, isto é, o manga, o anime, o cine, os comerciais de TV, a arquitectura, o teatro, o deseño editorial e publicitario...

Para alcanzar os meus obxectivos necesitaba mergullarme na súa cultura así que decidín comezar dende a base matriculándome nunha escola de xaponés na que non só aprendín o seu idioma senón tamén a súas normas sociais e o seu xeito de relacionarse, o que foi fundamental para a compresión do seu modo de pensar e, en definitiva, da súa arte.

E como é a cultura e a xente xaponesa?
A cultura xaponesa é diametralmente oposta á occidental. Na occidental prima o individuo e na oriental; o colectivo. A sociedade xaponesa funciona como unha grande engranaxe na que as súas pezas deben coincidir en todo momento. Para asegurar o funcionamento conta cunhas normas sociais extremadamente estritas que se artellan en 4 conceptos fundamentais intimamente relacionados e interdependentes:

Unha das creacins da artista Silvia Sancho
Unha das creacins da artista Silvia Sancho

- O Wa (和) fai referencia á armonía social e a necesidade de mantela en aras do correcto funcionamento da sociedade.

- O Rei (礼) reflicte a idea da cortesía xaponesa expresada na gratitude, nas boas maneiras e en manter sempre as aparencias de xeito que o teu estado de ánimo non prexudique ós demais.

- O Tate shakai (縦社会) maniféstase na estrutura vertical da sociedade, fortemente xerarquizada segundo certos parámetros que dependen da idade, do sexo ou do estatus social.

- O Honne (本音): os sentimentos e opinión reais e íntimos e o Tatemae (建前: o que amosas; daría lugar á chamada, dende un punto de vista occidental, hipocresía xaponesa. Daría conta da norma non escrita de non expresar os verdadeiros sentimentos, menos aínda, se éstes fosen de discordancia, crítica ou queixa para así non romper a armonía social.


Supoño que alí estiveches en contacto con artistas xaponeses. Que é o que máis aprecias da súa arte?
Hai moitos aspectos da arte xaponesa que me fascinan pero se tivese que elixir tres, un sería o uso do silencio como recurso narrativo en toda as formas artísticas. A diferenza da tradición artística occidental; o silencio na arte e na música xaponesa tamén forma parte como elemento de diálogo e de comunicación.

Outro aspecto sería o poder da imaxe reflectido xa nos Ukiyo-e (浮世絵) ou estampas xaponesas dos séculos XVII e XX, nas que o texto queda supeditado á imaxe e a importancia cultural que lle dan ao símbolo que dominan dende a súa escritura (os ideogramas kanji) ata o mundo da representación gráfica.

E por último, atráeme moito o concepto Mono do aware (物の哀れ) que fai referencia á capacidade de conmoverse profundamente co cambio do efímero. 


Ti estás especializada no manga. Pódenos explicar que é o manga realmente?
O manga non é só o nome que se lle dá ao cómic feito en Xapón, de feito non poderíamos traducir literalmente manga como cómic ou banda deseñada; senón que o manga é o medio de comunicación visual máis potente do século XXI e vai más alá dunha mera estética que nós, en Occidente, identificamos con personaxes de ollos grandes e trazos infantís.

O manga é, xa que logo, unha linguaxe narrativa que conta con códigos e símbolos propios algúns dos cales son difíciles de entender para quen non estea inmerso na cultura xaponesa.


E que cualidades hai que ter para ser unha artista do manga?
Para ser un bo mangaka habería que combinar habilidades artísticas, capacidade creativa e de imaxinación... Tamén considero fundamental dominar a linguaxe narrativa do manga e os seus recursos e, á vez, posuír fondos coñecementos  da cultura xaponesa e dos seus códigos internos.


Cantos estilos de mangas hai? É diferente o europeo do xaponés, en que?
Hai múltiples estilos de manga e dentro de cada tipo hai subtipos que van dende o manga para adultos ata o manga infantil. Sen embargo, podemos citar algúns dos estilos máis populares como Jounen Manga (幼年漫画) ou manga infantil como Bleach ou One Piece; Shounen Manga (少年漫画) ou manga xuvenil como Dragon Ball ou Naruto; Shoujo Manga (少女漫画) para mozas como Tonari no Butsukun ou Kimi ni Todoke; Sheinen Manga (青年漫画) para mozos como Tekkonkinkree’, Gyagu Manga (ギャグ漫画) ou de humor; 4 koma manga  (4コマ漫画) ou manga de catro viñetas, Seijin Manga (成人漫画) ou manga para adultos,etc.

Se te refires á diferenza que hai entre manga europeo e manga xaponés, está en debate ata que punto é posible facer manga non coñecendo a fondo os símbolos que usa. Fálase de Euromanga, por exemplo, no famoso cómic de Skydoll dos italianos Alessandro Barbucci e Barbara Canepa, os cales influéncianse do estilo nipón.

Hoxe en día sería complicado facer unha diferenciación clara xa que, por mor da globalización, unha cultura bebe da outra deixándose influenciar reciprocamente. Sen embargo, facendo unha análise, podemos advertir que o tradicional cómic europeo (ou occidental) e o manga xaponés non son a mesma cousa.

Considero que facer manga xaponés vai máis alá da adquisición da estética e ten máis que ver co dominio da linguaxe simbólica e dos mecanismos propios do medio de comunicación do cómic baseados na maneira de expresarse xaponesa e nos seus códigos.


E existe manga galego?
Existen autores galegos que usan a estética do manga pero, como dixemos, o manga vai más alá da estética e require tamén dunhas técnicas narrativas propias e moi imbricadas na cultura xaponesa. En todo caso, existe un debate hoxe en día sobre se o que non se fai en Xapón é manga ou non é manga.


Agora estás a punto de ser unha das poucas artistas que consiga unha bolsa do goberno Xaponés. En que consiste?
Estou agardando a resposta final do Goberno este decembro así que preferiría no falar do proxecto mentres non estea definitivamente aprobado.

Entón, cales son os teus obxectivos a curto prazo?
Continuar investigando sobre os códigos visuais, as técnicas de narración e recursos gráficos do manga xaponés ata volver alí no vindeiro mes de abril.  

*******************************************************************************************************

Silvia Sancho Gómez naceu en Pontevedra no ano 1989. Licenciada na Facultade de Bellas Artes de Salamanca, onde se especializou en Debuxo, Ilustración e Audiovisuais, o cal lle serveu de base para a materia que estudiou de maneira autodidacta: o Cómic. Realizou estadías en San Diego (California), Gran Bretaña, Malta e Venezia, onde estudiou Ilustración e Pintura na Accademia de Belle Arti. Tamén viviu dous anos en Xapón, onde aprendeu a súa lingua, cultura e, sobre todo, a súa tradición visual e a arte do manga.

Silvia tamén fixo varias exposicións, en solitario e en grupo, de Ilustración, Pintura e Fotografía, entre elas, ‘Delirium Venezia’.

Actualmente, está nominada candidata como Estudiante de Investigación no Departamento de Manga na Universidade Politécnica de Kougei en Tokio, Xapón, polo Ministerio de Educación, Cultura, Deportes, Ciencia e Tecnoloxía para o ano 2016. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Eduardo

Unha entrevista moi interesante. Opino, sen embargo, que o manga xaponés (e tamén as outras variantes orientais, o mahnwa coreano, o manhua chinés...) e o cómic occidental si son unha mesma linguaxe, que se vale duns códigos elementais coincidentes. Cuestión distinta é que despois haxa recursos ou xeitos de narrar propios de cada contexto. Esas especificidades existen, mais non abondan, ao meu entender, para falar de linguaxes distintas. De feito danse tamén noutras disciplinas, coma a literatura ou o cinema: é doado recoñecer especificidades narrativas en canto nos afastamos das obras producidas no contexto no que nos atopamos mergullados. Mais o cinema oriental é cinema, e a literatura africana é literatura. E o manga e o cómic comparten a mesma linguaxe aínda que existan variedades culturais.

1 Susana Torres Iribarren

A túa tenacidade, esforzó e a constancia con que fas as cousas van a ser a clave do teu éxito. Moitas felicidades e que teñan sorte neste mundo que ti elexiches; a tua "ilusión" vai tomando forma