A campaña do bipartidismo ou da alternativa

PPdeG e PSdeG inician a campaña do 20D obviando ao resto dos partidos e centrándose en Rajoy ou Pedro Sánchez. Buscan o voto dos indecisos. En Marea e Nós Candidatura Galega preséntanse como as listas do cambio e da alternativa política.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/12/2015 | Actualizada ás 01:09

Comparte esta noticia

Noite gris e chuviosa en moitas partes de Galicia. Foi a que acompañou a maior parte dos candidatos das grandes formacións políticas galegas no inicio da campaña electoral. Unha campaña electoral que pode marcar un antes e un despois na política estatal, e tamén na galega.

José Ramón Besteiro, na apertura das Eleccións Xerais do 20D
José Ramón Besteiro, na apertura das Eleccións Xerais do 20D | Fonte: @psdg-psoe

Por iso, e a diferencia doutras ocasións, os chamados partidos do bipartidismo – PP e PSOE-- foron máis bipartidistas que de costume e evitaron facer referencia ás outras candidaturas en alza. Pola outra banda, En Marea –a lista na que están Anova, Podemos e EU-- insistiu en que son o motor do cambio e Nós-Candidatura Galega --a candidatura impulsada polo BNG-- incidiu nas “políticas nacionalistas e de esquerdas”.

PPdeG

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, centrou o seu discurso no PSOE e evitou nomear aos outros partidos en liza; tanto Podemos-mareas como Ciudadanos. Así, destacou que non hai opcións intermedias nestas eleccións a que a alternativa ao seu partido sexa a volta do PSOE ao Goberno.

No acto de inicio de campaña, que tivo lugar na Coruña, e no que estivo acompañado polo candidato número un ao Congreso pola provincia da Coruña, Miguel Lorenzo, e por outros integrantes das listas desa provincia ás Cortes Xerais do Estado, Feijóo recordou que hai catro anos, cando España estaba gobernada polo PSOE, iniciaban unha campaña electoral “sendo a nación que máis paro producía, coa economía máis débil e que máis decrecía, estando a punto do rescate que cuestionaba o futuro da xente deste país”.

Feijóo no acto de apertura da campaña das xerais do 20D
Feijóo no acto de apertura da campaña das xerais do 20D | Fonte: @ppdegalicia

“Tras catro anos gobernando o PP, empezamos unha campaña despois de moito esforzo ás costas pero tamén con resultados e con certezas de futuro de que se seguirá crecendo e creándose emprego”, suliñou.

Tamén tivo algún dardo para os candidatos de Podemos e Ciudadanos, Pablo Iglesias e Albert Rivera, e suliñou que, mentres uns só traballan pola súa imaxe, “Mariano Rajoy faino polo seu país, sendo España e a recuperación a súa ambición”.

PSdeG

Feijóo tivo a súa réplica no líder do PSdeG. José Ramón Gómez Besteiro, lembrou os últimos catro anos “cheos de paro e desemprego” do goberno de Rajoy. E, como fixo Feijóo, tamen el buscou o inimigo no outro gran partido, no PP.

"Todo voto que non sexa socialista será un voto para que Mariano Rajoy siga no goberno de España", advertiu. Por iso, buscou aos indecisos e fixo un chamamento aos seus militantes a "mobilizarse" para facer chegar o proxecto político socialista “a todos aqueles que se mostran indecisos e a todos aqueles que están a dubidar entre votar a outros partidos ou votarnos a nós".

“Hai dous camiños; ou continuar polo camiño da austeridade, os recortes e a corrupción ou o cambio que una ao noso país e nos devolva á senda do progreso, apostando pola educación e a sanidade pública", dixo o líder socialista dirixíndose aos indecisos.

"Todo está en xogo nesta campaña, está en xogo a posibilidade de volver ao Goberno de España coa presidencia de Pedro Sánchez e devolver a dignidade a todos os cidadáns que as políticas da dereita deixou na cuneta", suliñou nun acto que tivo lugar en Ourense e no que estivo acompañado polos candidatos ao Congreso e ao Senado desta provincia, Rocío de Frutos e Luís García Mañá, respectivamente.

En Marea

Nun acto en Vigo, acompañada pola candidata ao Congreso por esta provincia, Alexandra Fernández, o líder de Anova, Xosé Manoel Beiras defendeu a alernativa que supón En Marea e confiou en que os seus candidatos convertan en realidade "os soños que moitos tivemos durante moitos anos e que en gran medida foron frustrados", en canto ao fin dun "réxime bubónico" e a "recuperación da soberanía cidadá".

Destacou que nas pasadas eleccións europeas xa se iniciou ese cambio e lembrou que en Galicia" foi onde máis repercusión tiveron os movementos de unidade popular. Un movemento que, dixo, agora En Marea "lanza á palestra do combate" para que as Cortes "cambien radicalmente" e dar "a liquidación" á actual cultura política, onde os políticos deixen de buscar "un medio de vida" e se preocupen por ser "representantes dos cidadáns".

O acto principal desta coalición foi na praza de Mazarelos, en Santiago, con intervencións dos candidatos números 1 e 2 pola Coruña, Antón Gómez Reino e Yolanda Díaz, acompañados polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, de Compostela Aberta e coportavoz de Anova. Ambos os candidatos coincidiron en destacar que En Marea vai á Moncloa "para sacar á mafia das institucións e para encheses de dignidade" e co firme compromiso de facer política "pondo á xente sempre por diante".

Nós-Candidatura Galega

Pola súa banda, o cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega pola Coruña, Carlos Callón, defendeu as "reivindicacións coherentes de esquerdas" que presenta a súa lista nestes comicios. Foi na apertura da campaña na cidade herculina coa tradicional pegada de carteis, que nesta ocasión de maneira simbólica realizouse a bordo dun barco pesqueiro, a "Sazón", atracado no porto fronte ao teatro Rosalía de Castro.

“Embarco rumbo ao Manzanares para defender reivindicacións coherentes de esquerdas e para colocar os problemas galegos na axenda política", suliñou durante o acto. "A miña nai pediume que Galicia deixase de ser a última carta da baralla, vou cumprir como galego e como fillo", concluíu o candidato.

Acto de apertura de campaña do 20D de En Marea con Antón Gómez Reino e Yolanda Díaz, acompañados polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega
Acto de apertura de campaña do 20D de En Marea con Antón Gómez Reino e Yolanda Díaz, acompañados polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega | Fonte: @martinhonoriega
Pegada de carteis de Nós-Candidatura Galega
Pegada de carteis de Nós-Candidatura Galega | Fonte: @noscgalega
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta