Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/08/2024 | Actualizada ás 14:00
Mar (@maiaree1) defínese como unha creadora exploradora da natureza, porque cre que o de artista se lle queda grande, cando en verdade si o é, pois as súas obras son auténticas xoias artesanais. Dende fai 38 anos vive na Comunidade Valenciana, pero as súas raíces galegas, esa morriña que a todos nos tira, fan que busque sempre o xeito de retornar á súa terra, xa sexa fisicamente, como fai todos os anos, ou sentimentalmente, a través das súas creacións. Follas de árbores, cachos de madeira arrastrados polas mareas, cunchas de vieira... Todo o que atopa nas súas viaxes a Galicia é para ela susceptible de convertirse en arte, polo que sempre se leva un anaco da súa querida terriña a Valencia. Aínda que polo momento non comercializa as súas obras, si pretende facelo nun futuro, así que a natureza galega podería ser contemplada en forma de arte ao redor do mundo grazas á creatividade de Mar. Dende o Galicia Confidencial entrevistamos a esta artesá con raíces e corazón galegos.
"Vinme moi noviña para Valencia, pois a miña familia tiña unha empresa alá, pero nunca me esquecín de Galicia", asegura Mar. Sempre foi unha apaixoada do mundo da botánica e fixo cousas en relación, pero agora "quero ter o meu pequeno emprendemento, porque vexo que as cousas que estou subindo nas redes sociais gustan, o que aínda me anima máis a seguir". Con todo, amósase humilde e rexeita chamarte artista: "Eu son unha creativa exploradora da natureza", chancea. Mar concibe a súa arte como "un xeito de volver á miña orixe, aproveitando todo o que a natureza nos dá, que é moito e moi bonito". De feito, o seu nome como artesá é Maiarée, que significa 'follaxe' en idioma aborixe australiano. "Decidín ese nome porque a miña pintura sobre as follas e as cunchas tamén consta de moitos debuxos xeométricos e de puntillismo ligados a esa arte aborixe", explica, ao que se suma que Maiarée tamén leva incorporado parte do seu propio nome, así que "víñame rodado", chancea.
Para Mar, vir a Galicia é un auténtico agasallo. "Moitas veces cando camiño pola praia ou polo monte galego síntome moi afortunada, é un agasallo", afirma. "Eu vou coa miña bolsiña e son a tola das follas", comenta ao GC entre risas, asegurando que "os que veñen comigo sempre me din: e iso para que che sirve? Porque 'a priori' non lle ven a utilidade, pero a min sírveme dende un carozo de calquera cousa ata unha semente, todo o que vou atopando". Ten peixes feitos en madeira atopada á deriva na costa, outos feitos sobre follas, pinturas en cunchas de ostras e vieiras... "A natureza danos tantas cousas que é incríble, só hai que saber velo, é Galicia en concreto é unha pasada toda a riqueza que ten, é unha marabilla", confesa. De feito, conta que os seus fillos, medio galegos, herdaron esa paixón pola terriña da súa nai: "Son moi fans de todo cando vimos para aquí".
"VAN REMATAR TRATÁNDOME COMO A TOLA DAS FOLLAS, PERO É A MIÑA PAIXÓN"
Este verán, como adoita facer, Mar está en Galicia para visitar familia e amigos, pero tamén aproveita para levar material para as súas creacións. E cóntanos a anécdota de que "fomos fai pouco a Mugardos a casa dun amigo meu e, nada máis entrar pola porta, eu o primeiro que vin xa foi o xardín, co grande arce que ten, e funme directa para alí". Todo iso mentres o seu amigo a convidaba a pasar á casa, ao que ela respostaba: "Vou ver isto primeiro, que me interesa moito". Ao final está convencida de que "van rematar tratándome como a tola das follas, tola de atar, pero bueno, cada un é como é e esa é a miña paixón", chancea. Ao final Mar conta cunha sensibilidade especial para ver cousas onde outros non as ven, para detectar pequenas xoias naturais que para a maioría das persoas pasan desapercibidas ou carecen de importancia. Trátase dunha habilidade que na sociedade actual, por desgraza, se está perdendo, e que Mar quere poñer en valor.
En concreto, dentro das súas creacións, asegura que a que máis éxito está a ter e á que máis cariño lle ten é a dos peixiños pintados sobre follas de adelfa. "Xudiron un pouco sen pensalo", conta, asegurando que un día calquera, "collín estas follas e púxenas nunha bandexa, de tal xeito que cando as mirei dixen: isto semellan sen bocartes; así que me puxen a debuxar unha para ver como quedaba e ata miña avoa me dixo que efectivamente parecían bocartes". Foi así como comezou a cousa e agora xa leva uns cantos feitos, "e a verdade é que quedan preciosos, moi bonitos". Ademais destes peixiños, tamén ten creacións coa técnica 'decoupage' en cunchas. Confesa que "en Galicia hai uns ostróns como a ostra xapónica, que é invasiva e un verdadeiro problema para o medio ambiente, que se prestan a estas creacións, e cando vou á praia sempre atopo cunchas que me inspiran, porque en Valencia vivo preto do Delta do Ebro e tamén hai ostras, pero nada teñen que ver coas galegas, as galegas son impresionantes".
"INTERCÁMBIOME FOLLAS CUNHA AMIGA COMA SE FOSEN CROMOS"
E de onde lle vén a Mar tanta creatividade? Pois o certo é que dende ben pequeniña lembra estar xa facendo das súas coas mans. "Agora cando veño a Galicia atopo por aquí pola casa moitos 'blogs' no faiado da miña avoa, libretas nas que eu xa pegaba follas de diferente tipo e lles poñía o nome, porque intentaba buscar sempre cales era, nunha época na que non había Internet nin nada semellante", explica. Con todo, concede que "aínda que logo seguín facendo algunhas cousas, nada que ver co de agora, porque por sorte agora teño a oportunidade de ter tempo para poder facer cousas máis demoradas, as miñas circunstancias actuais permítenme adicarme a isto".
Neste senso, Mar síntese afortunada, pois sabe que non todo o mundo pode gozar do seu 'hobby' por falta de tempo nunha sociedade que vai a un ritmo frenético. Aínda que anima a toda a xente a adicar o tempo libre a algún proceso creativo pois "é unha desconexión necesaria, porque a vida é moi dura". "Cando me meto coas miñas follas esquézome de todo, céntrome só niso", asegura. Ademais, tamén é un bo xeito de coñecer xente coa que compartir inquedanzas. No seu caso asegura que ten unha amiga que "tamén é outra tola das follas coma min" e que fai tintes naturais en seda con elas. "Cando nos xuntamos as dúas, ao igual que outros se intercambian cromos, nós intercambiámonos follas", chancea, pois sempre hai algunha repetida que se pode cambiar pola da outra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.