O PSdeG pídelle á Xunta outras prestacións compatibles co Ingreso Mínimo Vital

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2024 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, a través da deputada Silvia Longueira, rexistrou unha interpelación no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a "axilizar" a reforma da Lei de Inclusión Social, "fundamental para solucionar a incompatibilidade entre o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e outras prestacións sociais".

"É inaceptable que, catro anos despois da introdución do IMV, as familias galegas en situación de vulnerabilidade sigan enfrontando barreiras burocráticas que impiden o acceso a todas as prestacións ás que teñen dereito", manifestou Silvia Longueira antes de sinalar que é "urxente" que a Xunta "cumpra a súa promesa de reformar a Lei de Inclusión Social".

Nunha nota de prensa, os socialistas lembraron que o Goberno central solicitou un "compromiso firme" por parte da administración galega para "adaptar a normativa autonómica ao IMV sen reducir a cobertura para as persoas beneficiarias".

Por todo iso, o PSdeG solicita na súa interpelación que a conselleira de Política Social presente "canto antes" a reforma desta lei. "É imperativo que as familias vulnerables de Galicia non sigan esperando indefinidamente por unha solución que xa se implementou con éxito noutras comunidades", destacou Longueira.

Así mesmo, a deputada socialista instou á Xunta a desenvolver un protocolo en coordinación cos servizos comunitarios para "mellorar a eficiencia na tramitación do IMV e garantir que as persoas en risco de exclusión social reciban o apoio que necesitan sen demoras nin complicacións innecesarias".

A deputada do PSdeG Silvia Longueira nunha intervención no Parlamento.. PSDEG - Arquivo
A deputada do PSdeG Silvia Longueira nunha intervención no Parlamento.. PSDEG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta