Por E.P. | Madrid | 12/08/2024 | Actualizada ás 20:34
O secretario xeral da Unión do Pobo Galego (UPG) e deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, aseverou que "é Madrid, a Administración do Estado a que cada ano queda con entre 4.000 e 5.000 millóns dos impostos" que pagan os galegos pese ao "empeño" do PP en "dicir que é Cataluña quen rouba".
Así o expresou durante a súa intervención este luns no acto en memoria do militante da UPG Moncho Reboiras, morto hai 49 anos a dispaors da Policía durante unha protesta na cidade de Ferrol.
Alí, Rego incidiu en que o 12 de agosto é "unha data fundametal" para o partido que encabeza e o nacionalismo galego porque supón lembrar a figura de Reboiras, cuxo traballo "continúa sendo non só válido, senón absolutamente imprescindible".
"Un traballo de defensa de Galicia, dos intereses da maioría social do noso país, especialmente das clases populares, das clases traballadoras, e o esforzo que realizou para organizar o pobo galego", aseverou o deputado no Congreso, que subliñou a contribución de Reboiras "en construír organizacións políticas, sindicais e sociais propias, como a mellor maneira de que Galicia teña tamén capacidade para ser defendida e ter voz propia, para sacar adiante os seus propios intereses".
ACTUALIDADE
Segundo o secretario xeral da UPG, "a figura de Moncho Reboiras continúa sendo absolutamente necesaria, nun momento no que Galicia ve como os seus recursos continúan sendo expoliados, como no ámbito fiscal ou o roubo no ámbito enerxético".
"O nacionalismo galego temos toda razón para reclamar un modelo de concerto económico que permita que quedemos coa maior parte dos impostos que pagamos", aseverou antes de reclamar un modelo no que Galicia acorde co Estado "que cantidadad debe ir para os servizos comúns".
E é que, para Rego, o actual modelo de financiamento constitúe "un verdadeiro espolio", como, ao seu xuízo, revelan os datos do ano 2021, pechado cunha diferenza de 5.082 millóns de euros entre o que "o Estado reclama a Galicia e o que despois devolve".
Tras censurar os 15 anos de gobernos do PP na Xunta durante os que "non houbo ningunha nova transferencia" de competencias, Rego concluíu a súa intervención cunha apelación a "seguir traballando" para "fortalecer politicamente a Galicia" ata lograr que "teña plena capacidade de decidir por si propia, en función dos seus propios intereses". "Aquí e en todas partes; iso chámase soberanía", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.