Un furancho aberto en agosto que serve zamburiñas ou polbo? Imposible, iso non é un furancho

A día de hoxe os furanchos están tan de moda que hai locais que sen selo se poñen o nome e abren portas durante todo o ano. "Hai moito intrusismo", contan ao Galicia Confidencial Juan e Lorena, de Guía Furanchín.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/08/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A maioría dos visitantes que chegan ás Rías Baixas quedan sorprendidos cando, á hora de buscar onde comer, se atopan cuns lugares que nunca antes viran noutra parte do mundo: os furanchos, baixos de casas particulares que, na súa orixe, se abriron ao público para servir o excedente da súa produción vinícola. Dende fai uns anos os furanchos, que levan existindo xa dende o século XII en Galicia, fóronse poñendo cada vez máis de moda, ata o punto de que a día de hoxe a variedade é moi ampla. Pero esta tendencia tamén trouxo consigo un verdadeiro problema: o intrusismo no sector. A día de hoxe hai establecementos que se fan chamar furancho e que abren as súas portas todo o ano, así como lugares onde se serve marisco que tamén se poñen o nome de furancho, porque saben que vende. Para non caer nestes erros á hora de elixir, dende o Galicia Confidencial falamos con Juan e Lorena, dous dos membros de Guía Furanchín (@guia_furanchin), a guía de furanchos máis grande de Galicia na que tamén se inclúe un mapa con todos aqueles que verdadeiramente o son.

Furancho O Alto da Aldea
Furancho O Alto da Aldea | Fonte: Guía Furanchín

O proxecto de Guía Furanchín xurdiu no 2017, cando Juan e Daniel se atopaban facendo o Camiño de Santiago e "tiñamos esa necesidade de coñecer sitios nos que comer ben e onde non nos desen o típico menú peregrino", ese onde a calidade é dudosa e os prezos moi elevados. Foi así como, "falando entre nós pensamos que estaría ben ter unha guía na que consultar a onde ir, onde comer... e así o fixemos, neste caso cos furanchos porque ofrecen comida de moi boa calidade a prezos moi asequibles". Despois sumáronse ao proxecto as súas respectivas parellas, Lorena e Ruth. Os seus comezos foron en Facebook e fai algo máis dun ano abriron tamén Tik Tok e Instagram, sendo esta última rede social na que teñen unha maior repercusión a día de hoxe. E, finalmente, tamén dispoñen da páxina web, na que incorporaron un mapa no que saen situados todos os furanchos que de verdade o son.

E é que aínda que os furanchos son algo típico e único de Galicia, mesmo hai moitos galegos, sobre todo fóra da zona das Rías Baixas, que non saben o que son. Como nos di Juan, "a definición coloquial de furancho é un local que adoita ser no baixo dunha casa onde a persoa que vive nela vende o excedente da colleita do viño e pon tapas para acompañar esa consumición". O viño é unha das claves, pois alerta de que "calquera persoa que merque o viño e non poña o seu propio non ten un furancho". Outra é a tempada de apertura, xa que "calquera persoa que teña un furancho aberto fóra do período que comprende entre os meses de decembro a xuño-xullo xa non é un furancho". Tampouco se pode servir marisco nin polbo nun furancho, pois "hai 11 tapas que están estipuladas pola Xunta de Galicia que son as únicas que se poden servir nun furancho".

DE EMBUTIDOS A RAXO, PASANDO POR OVOS FRITOS, PEMENTOS VARIEDADE PADRÓN OU TORTILLA, TODO ACOMPAÑADO DE VIÑO

Os furanchos como tal, tamén coñecidos como Loureiros, como explican en Guía Furanchín, son casas particulares que, entre o mes de decembro e xuño poden abrir as súas portas durante un máximo de tres meses e así transformar casas en lugares enxebres galegos. A maioría ubícanse nas zonas rurais da provincia de Pontevedra, no corazón das Rías Baixas (Redondela, Ribadumia, Cambados, O Morrazo...). A diferenza cos restaurantes tradicionais radica na súa oferta limitada pero especializada: pratos caseiros e viños propios, froito do traballo e da paixón dos seus anfitrións. Estes espazos, nados para dar saída ao excedente de viño das bodegas caseiras, convertéronse a día de hoxe en puntos de encontro para degustar o mellor da cociña galega e o seu viño. Unha folla de loureiro na porta simbolizaba antigamente a apertura destes espazos, un costume que, aínda que evolucionou, segue mantendo a súa esencia. 

Juan, Lorena, Daniel e Ruth, os artífices de Guía Furanchín
Juan, Lorena, Daniel e Ruth, os artífices de Guía Furanchín | Fonte: Guía Furanchín

Os furanchos, segundo Guía Furanchín, ríxense pola normativa da Xunta de Galicia e pola normativa municipal que regula os pratos que poden ofertar, garantindo así unha experiencia gastronómica xenuína e respectuosa cos establecementos locais. Nun furancho pode haber táboas de embutidos e queixos, pementos variedade Padrón, ourella-chourizo, zorza-raxo, costela, ovos fritos, sardiñas ou xurelos á brasa, callos, tortilla de patacas, empanada ou empanadillas e croquetas de bacallau. Entre as 11 tapas acotadas na normativa da Xunta os concellos que contan con furanchos poden seleccionar cales son as 5 que queren servir para acompañar o seu reclamo principal: o viño. Dende Albariño ata Treixadura, pasando por Godello ou Blanca Lexítima, son algunhas das variedades de viño branco que se serven nos furanchos; e dende Castañal ata Mencía, pasando por Caíño Tinto, Brancellao ou Sousón, entre as variedades que ofertan de viño tinto.

"O FURANCHO ESTÁ DE MODA E ISO CONLEVA QUE HAXA MOITO INTRUSISMO"

Juan asegura que, actualmente, "hai miles de cousas que pasan en lugares mal chamados furanchos e que, se de verdade o fosen, non poderían pasar". Así, "hoxe por hoxe hai moito intrusismo, tanto por parte de furanchos que queren ser taperías, como por parte de taperías que se poñen o nome de furancho para captar máis xente sen selo". E é que, como asegura Lorena, "o furancho está de moda", o cal ten as súas cousas positivas, pero tamén as súas cousas negativas. "Por un lado está ben que estean en auxe, porque nós precisamente fixemos este proxecto porque non queríamos que se perdese unha tradición única en Galicia que non hai en ningunha outra parte do mundo", afirma. Pero, "por outro lado que estean tan de moda implica que agora haxa moito falso furancho que non vende o seu propio excedente de viño, que abre máis aló do 31 de xullo, que pon mariscos ou polbo...". Lorena advirte: "Calquera furancho que penses que é tal e que estea aberto no mes de agosto, non é un furancho; calquera furancho que che poña zamburiñas ou navallas, non é un furancho".

En concreto, indica que "un furancho só pode abrir, como máximo, tres meses ao ano, e legalmente o que terían que facer é abrir o tempo que lles dure o seu viño". O período de apertura pode elixirse entre o 1 de decembro e o 30 de xuño, aínda que "nalgún concello teñen un período a maiores dun mes, para aqueles furanchos que son totalmente exteriores e non poden abrir cando chove, ou para aqueles que serven viño albariño, que ten unha recollida máis tardía". Juan e Lorena recoñecen que "unha persoa de Madrid que vén aquí e á que lle recomendan ir no mes de agosto a un furancho, póñeno a comer nun sitio cunha decoración enxebre, e logran pasarlle unha tapería por un furancho, por descoñecemento". Por iso Guía Furanchín resulta tan útil, para non caer en enganos, deixándose guiar pola experiencia de catro persoas (Juan, Lorena, Daniel e Ruth) que levan visitados case 200 furanchos.

'TOP 3' FURANCHOS DE JUAN E LORENA (GUÍA FURANCHÍN)

Á hora de pedirlle a Juan e a Lorena que nos fagan un 'top 3' de furanchos recomendados, empezan a suar, pois aseguran que en Galicia hai tanta calidade que é moi difícil escoller. Tras moito pensar ambos situarían no primeiro posto O Alto da Aldea, en Goián, no concello de Tomiño, onde, ademais do seu viño, recomendan probar os seus embutidos, caseiros e feitos a partir de vaca cachena, unha das nosas variedades autóctonas. O segundo posto daríanllo a O Tarrastal, en Reboreda-Redondela, do que destacan o seu espectacular viño, pois contan que o seu propietario é viticultor e este mesmo ano creou os dous primeiros tintos con denominación de orixe de Terras de Redondela. E á hora de situar o terceiro posto hai disparidade de opinións: para Lorena sería o Ponte Bien, en Salvaterra do Miño; e para Juan, o Berdomas, en San Esteban de Negros, no concello de Redondela. A modo de 'bonus' tamén nomean Cadaval, en Redondela, do que destacan a súa incríble empanada de millo; e o Villa Preciosa, en Pazos de Borbén, polas súas empanadillas de grelos con chourizo e queixo de tetilla.

E para poder comer ben e a prezos razoables, na web de Guía Furanchín incorporaron este mesmo ano un apartado chamado 'Paseo Gastronómico', no que inclúen restaurantes, taperías, mesóns e bodegóns que non están considerados furanchos, pero nos que se pode seguir desfrutando de boa comida máis aló da época dos furanchos. "Era unha demanda dos nosos seguidores", afirman Juan e Lorena. Como vemos, o seu proxecto dá moito de si e grazas ao apoio da súa comunidade seguen crecendo.

Así é un furancho galego
Así é un furancho galego | Fonte: Guía Furanchín
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 García

A súa web de furanchos en español... O máis apropiado, vaia...