"Recoñecéndolle todos os erros do mundo ao meu partido, creo que imos remontar"

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, recoñece nesta entrevista as dificultades do PSOE nestes comicios pero está seguro de que, ao final, obterá bos resultados. Tamén fala do seu líder en Galicia, José Ramón Besteiro, a quen ve como candidato e insiste na importancia da valía política daqueles cargos que levan moitos anos en política. Destaca o bo pacto co BNG no organismo provincial e anuncia novos tempos sen aires de revancha cos seus antecesores.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 09/12/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

"Aquí en Galicia xa tivemos unha banda durante anos e ganábamos en Madrid. E a xente votaba como votaba". Con esta contundencia refírese Valentín González a actual situación do seu partido, que recoñece que non é nada boa. Con todo confía na remontada a pesar do que din as enquisas. 

Valentín González, presidente da Deputación da Coruña
Valentín González, presidente da Deputación da Coruña | Fonte: PSdeG-PSOE

Tamén confía en que as cousas vaian ben Galicia e a pesar da imputación de Besteiro considera que isto "quedará en nada" e será o probable candidato á Xunta. "A confianza é absoluta de que o candidato vai ser Besteiro. A min non se me pasa pola cabeza outro escenario".

González tamén destaca a valía dos cargos que levan anos en política. "Eu coñezo xente que leva seis meses no cargo que é impresentable no seu cargo e logo hai xente que leva 30 anos en distintos cargos que me parecen estupendos profesionais", indica. Así, destaca o caso de Moreda, "que leva 30 anos e ten dúas cuestións fundamentais na política que eu boto en falla; xenerosidade e responsabilidade".

Tamén a Beiras. "Ten máis anos ca Tana, pero non é un tipo corrupto ou irresponsable. É un tipo que vive a política e iso significa que teña que marchar xa?. E xa veremos se é bo ou malos para o país se Beiras marche".

Do goberno da deputación, salienta a "boa sintonía" que hai co seu socio de goberno, o BNG. "Temos un proxecto claro de como xestionar a deputación regulado no programa marco pois todo vai ben. Discutimos moito, falamos moito, pero en, calquera caso, a relación persoal é moi boa que é a base para que isto funcione sabendo que cada partido é distinto e que temos sensibilidades diferentes. Pero nas liñas estratéxicas da deputación estamos dacordo".

Valentín González, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña
Valentín González, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña | Fonte: economiadigital.com

Antes de nada, como levas o timón deste novo barco, porque xa levas máis de tres meses navegando?
Pois moi ben, sobre todo, porque un está moi seguro aquí pola axuda que ten, tanto dos compañeiros, como dos funcionarios. A estrutura funcionarial desta deputación funciona á perfección. Eu xa tiña esa impresión como usuario e agora, que estou dentro, miras o equipo e, a verdade é que non é un cumprido. Estou nun seguro nun temaque é inmenso e que eu pensaba que era moito máis difícil que un concello. E, para nada.

Pois parece que si, non?
Xa che digo, calquera alcalde da provincia podía ser presidente da Deputación da Coruña.

Pero dilo polo equipo de xente que hai aquí, supoño?
Si, claro.

E iso non pasa nun concello?. Alí tamén te tes que xuntar cun equipo de xente solvente, non?
Nun concello a estrutura é mínima. E se é pequeno, ten ao secretario que fai, ás veces, de interventor. Recae sobre el a xestión que é cada vez máis inxente. Un interventor que antes tiña que facer 14 informes anuais agora ten que facer 170 por culpa de Montoro. Está sobrepasado. Fai labor de tesoreiro, interventor e secretario. Aquí tes unha estrutura moi grande que, ademais, non cambia. O interventor leva xa aquí moitos anos, o secretario, igual.

Fálasme só dos funcionarios. Pero vós tamén tedes cargos de confianza?
Si. Hai xente que está comigo que xa leva aquí moitos anos e coñecen xa como son os erros de funcionamento, como tentar reducilos á mínima espresión, onde hai temas sensibles, onde hai temas que hai que afondar e despois queda a marxe que tes ti para facer política e dirixir o barco como moi ben dicías ti cara o rumbo que queres sen poñelo en perigo porque o barco non é teu. Pero queremos levalo cara a unha política máis progresista, máis de facer fincapé de que as deputacións, xa que existen, que a xente poida dicir que atinamos nas nosas preocupacións. Falo, por exemplo, do emprego.

Ti pensas que iso se vai conseguir. Porque a impresión que hai é que as deputacións son entes obsoletos que só están para determinadas cousas, como facer obras enestradas e camiños...

Esa é a percepción que tiñamos moitos.

E cres que se vai cambiar?. Agora hai tres deputacións socialistas pero supoño que é un cambio de todos os que esteades nese barco...
Si, por suposto. Temos unha responsabilidade e visión conxunta de cal é o papel das deputacións pero nós, a nivel micro, na Deputación da Coruña, tamén penso; daremos cambiado esa dinámica?. Se miras os datos que levamos estes meses, si, pero hai que agardar catro anos para chegar a esa conclusión.  sendo conscientes de que vai a haber un índice de mortandade desas iniciativas, porque sempre o hai, perto tamén unha porcentaxe importante de supervivencia. Eu veño dun concello no que iso o levamos á práctica desde o primeiro día, aínda cando non había crise. E teño a experiencia de empresas que comezaron sendo un ou dous e, agora, son 60.

Pero non é o mesmo o concello que a deputación porque, as competencias de emprego son levalas máis os concellos que das deputacións?
Tampouco as teñen.

E logo. Cal é a proposta que fas concretamente?
Nós o que propoñemos é que calquera aporte o gran de area que poida.

Ousexa, Xunta, concellos e vós?
Pero eu, como concello e por lei, non teño competencias, pero aínda así non me plego a iso. Pido permiso a quen teña a competencia, porque o di a lei, que se pode delegar. Por iso, nós pedimos esa competencia e nola deron. Sacamos axudas a emprendedores que van coma un tiro. É dicir, podemos limitarnos ao discurso das competencias, sen máis, porque son da Xunta e criticar a súa política. Ou dicir; temos un orzamento que, por unha banda van destinados aos concellos e nos que nós tamén podemos aportar os nosos graos de area.

E ese emprego que dis que creas é so, axudando a proxectos empresariais ou tamén fomentado o emprego directo?
Temos as limitacións que temos e 6.000 euros investidos nun funcionario máis, pois...

Non me refiro a funcionarios, senón a creación de postos de traballo nos concellos, con bolsas de emprego?
Hai dúas vías; unha é axudas directas aos concellos para que eles contraten segundo as súas necesidades e, pola outra, axudar a aqueles que queren comezar cunha iniciativa empresarial.

E de canto diñeiro estamos falando neste plan?
De entrada de 3,5 millóns no primeiro ano. E agardamos chegar a 6 en marzo.

Falabas agora dos temas sociais. Tedes pensado algo nesta materia debido á problemática social que existe?
Si. Con carácter obxectivo estamos redactando as bases dun plan para que os concellos poidan presentar proxectos aquí en recuperación do patrimonio, servizos sociais e medio ambiente, tendo en conta a creación de emprego. Tamén temos servizos de teleasistencia que funcionan bastante ben. Como liña directa, por agora, non temos, porque aí agardamos que sexan os concellos os que nos presenten as súas propostas.

Entremos agora no que é o goberno da deputación. Estás, precisamente, gobernando co BNG. Por que con eles e non con outros?
Pois porque houbo esa posibilidade. Houbo un acordo estable entre as deputacións a nivel galego, por parte do PSdeG e o BNG. E é un marco no que estamos cómodos pero non renunciamos a que outras forzas políticas formen parte do goberno. Foron elas as que dixeron que non.

Pero houbo vontade por parte vosa de integralas?
Si que houbo esa vontade pero eles non quixeron entrar.

E que tal a relación co Bloque?
Pois moi boa porque, ao final, temos lóxicamente diferencias nalgunhas cousas pero, como temos un proxecto claro de como xestionar a deputación regulado no programa marco pois todo vai ben. Discutimos moito, falamos moito, pero en, calquera caso, a relación persoal é moi boa que é a base para que isto funcione sabendo que cada partido é distinto e que temos sensibilidades diferentes. Pero nas liñas estratéxicas da deputación estamos dacordo. E, eu, estou moi cómodo.

Non temes que pase como co bipartito da Xunta?
Iso xa está superado porque hai xenerosidade.

Entendo que polas dúas partes?
Si, claro, polas dúas partes, no sentido de que hai erros de coordinación, que se asumen, tamén protagonismos, que son compartidos. Se vai Goretti a un acto, eu en cantado, se vou eu, ela tamén e se vamos os dous, pois, perfecto, como é a presentación dos orzamentos. Non lle damos importancia a esas cousas.

Tamén houbo sintonía con Diego Calvo?
Si, no sentido que foi unha transición moi tranquila.

Chama a atención iso, tendo en conta que noutros organismos provinciais pasou xustamente o contrario cando foi o traspaso de poderes?
É triste que chame a atención. Eu penso que cando a xente reclama nova política é para que sexa sen postureo. Que as cousas se fagan con naturalidade. Se hai erros, dinse.

Pero semella que non houbo ningún, porque non se ve que os fagades públicos?
Seguro que si. De feito, algúns xos corriximos. A asignación de recursos subxectivos leva a erros e inxustizas, como foi darlla a grandes cidades porque estaban gobernadas polo seu partido e levou a indignación aos concellos pequenos do rural, que é para quen está pensada a deputación, básicamente. Entón iso se corrixe, pero sen alaracas.

E que che parece que fora nomeado agora delegado da Xunta na Coruña. Semella que é un cargo para facerte a competencia provincial?
A min paréceme ben. É un cargo de designación directa. El coñece ese posto. A min dame igual que nomeen a Diego Calvo que a Carlos Negreira. É unha decisión da Xunta.

Pero non temes que che fagan a contra desde a Xunta?
Eu non sei cal é a intención. Entendo que poñen á persoa que ten o perfil adecuado. Se van con esa visión van fastidiados porque nós traballamos en sentido positivo, en sentido construtivo e non vamos a contra con ninguén e somos prácticos. Miramos polos concellos.

Por aquí pasou tamén unha persoa que foi presidente e tivo numerosos cargos políticos e que agora acaba de recalar noutra institución. O outro día falaba co alcalde de Ferrol e dicía que había que erradicar os políticos profesionais. Ti cres que un político ten que ter unha traxectoria profesional na política desde que comeza ata que se xubila?

Eu coñezo xente que leva seis meses no cargo que é impresentable no seu cargo e logo hai xente que leva 30 anos en distintos cargos que me parecen estupendos profesionais.

E nomes dos dous casos?
Dos primeiros téñoos na cabeza pero non chos vou dicir. Dos segundos, pois xente como Moreda que leva 30 anos e ten dúas cuestións fundamentais na política que eu boto en falla; xenerosidade, porque el non pedíu ese cargo, e logo a responsabilidade. É un tipo moi responsable.

Pero el non pedira asumir outro cargo?
Polo que eu sei, non. Refireste ao Consello de Contas?

Si...
Non pediu iso. A intención de Besteiro era nomear a Moreda para ese posto e parecianos unha persoa totalmente adecuada. Refrendaría ese nomeamento. No Valedor do Pobo, como está agora?. Pois temos un responsable nunha institución que necesita, precisamente, xente con esa experiencia e esa forma de ser. Xente xenerosa e responsable. E penso que é o perfil adecuado. Se me dis se unha persoa pode vivir toda a vida da política aínda que non cumpra esas características, pois é un erro. Un erro, aínda que leve un ano. Non se trata só do tempo que esteas. Imaxinate se a Ghandi se lle tiveran limitado os mandatos catro anos. Pois teriamos perdido un tipo que mereceu moito a pena e poderiamos citar a outros 500.

Entraría nese tipo Fraga, por exemplo?
A ver... Eu limitaría os mandatos en calquera caso, porque, por exemplo, logo de estar nun concello e de coller experiencia nel, por que non asumir outras tarefas. A min, sinceramente, non me inspira ningunha confianza un candidato que non pasara por unha concellalía sexa do partido que sexa. Entón, creo que a experiencia en política depende de como se xestione. Se es un tipo honrado e construtivo e traballas pola cidadanía e podes manter ese escenario moitos anos, non entendo porque hai que renunciar a esa persoa. Se non é así, pois hai que apartala da política.

Entón, polo que comentas, ti cres que as alcaldías de Xulio Ferreiro na Coruña ou Jorge Suárez en Ferrol non van funcionar porque non teñen experiencia política previa?

Pero tamén eu empecei algún día. Eu empecei no 2007. Por suposto nalgún momento hai que comezar. Se Xulio Ferreiro pasa a outro ámbito da política logo de manter esa responsabilidade e esa humildade, por que había que renunciar a Xulio Ferreiro?. Non me parecería lóxico nin intelixente para este país. É como se un empresario ten un mecánico modelo, cumpridor e traballador e o deixa porque non dá boa imaxe e quere coller unha persoa nova. Non é intelixente. Depende do caso. Algúns eu cargariamos e outros manteriaos. Mira por exemplo o caso de Beiras. Fai unha labor en beneficio do país?, sen dúbida. Ten máis anos ca Tana, pero non é un tipo corrupto ou irresponsable. É un tipo que vive a política e iso significa que teña que marchar xa?. E xa veremos se é bo ou malos para o país se Beiras marche.

Falando de políticos. Hai aí un en Lugo que está protagonizando case unha telenovela. Pactou co PP, votou en contra do PSOE, foi expulsado do partido pero di que se sente socialista. Que opinas? E o digo porque tamén é alcalde, foi deputado, foi concelleiro...

O problema é que non está acatando a discilina de partido. E, se te apartas dela, pois hai que facelo con responsabilidade, que é, apartandote. Senón estás dacordo con esa política, pois marcha, porque ese escano non é teu. O partido foi quen conseguiu ese escano e te colocou a ti, pero aquí ninguén é imprescindible. Entón. Vexo que o dano que se lle fai á política e ao partido actuando dunha maneira pouco responsable pois é enorme. Alguén pode estar dacordo con el ao comezo, pero, logo, cando a resposta do partido é a que é, cando non hai outra marxe, pois hai que asumila ou marchar. Non se pode seguir no machito.

E como queda agora a Deputación de Lugo?
Eu espero que o tempo vaia calmando as cousas. Ademais, Dario --Campos-- que é un tipo superconstrutivo e moi boa persoa, pois vaia convencendo á corporación para que apoie os proxectos da corporación e que non estean pendentes doutros asuntos.

Que opinas da actuación do PP neste caso?
Se non ten altura de miras, a cidadanía tamén vai tomar nota.

Falando do PSOE. Está o alcalde de Vigo imputado, o secretario xeral tamén imputado. Cres que isto pode afectar ás eleccións?
Evidentemente, o caso de Besteiro é diferente. É o noso secretario xeral, probable candidato á Xunta de Galicia, e confiamos en que a imputación quede en nada.

E daralle tempo a manterse como candidato?
Esa é a cuestión. Iremos vendo. Queda case un ano e iremos vendo.

Non hai plan B?
Non hai. A confianza é absoluta de que o candidato vai ser Besteiro. A min non se me pasa pola cabeza outro escenario.

Estamos ás portas dunhas eleccións. Como ves o resultado do PSOE?
Pois a cuestión vai estar reñida. Prevese unha lexislatura débil, sexa do goberno que sexa, porque vai depender de que a xente que compoña esa alianza para gobernar teña altura de miras para gobernar e haxa espírito construtivo. O PSOE vai recuperar terreo. As enquisas internas que temos disputan o primeiro posto ao PP.

Pero todas as que se están facendo públicas din que está de segundo a gran distancia, e mesmo, terceiro.
Si. E h ai outras. Unha no País daba un triple empate.

E outra de Antena 3 que vos daba de terceiros...
A min a que máis me vale é a que me transmiten desde a organización. Pero a sensación é que, máis alá das enquisas, temos que ser capaces de mostrar unha imaxe ilusionante porque, ao final, está en xogo o furuturo dos nosos fillos.

Pero ti cres que o PSOE, ou mesmo o PP, transmiten esa imaxe ilusionante?
Eu confío en que seamos capaces de transmitirlle esa ilusión nos días que nos quedan de campaña, polo ben do país. Recoñecéndolle todos os erros do mundo ao meu partido, a min inspírame moita desconfianza e menos ilusión outras alternativas.

Pero esas diferencias internas do partido, na Coruña, en Ferrol, en Santiago, non poden afastar ao seu electorado tradicional?
Aquí nos xogamos algo máis. Iso é tomar por parva á xente. Un veciño de Ferrol non lle vai decidir o presidente do goberno Beatriz Sestayo. Se me gusta o PSOE e o eu candidato, votarei polo PSOE aínda que o seu candidato local non me guste. De feito hai moi bos resultados en concellos nas que en municipais non rascamos nin bola porque a xente non é tonta.

Pero non cres que iso tamén inflúe?
É innegable que a imaxe dun partido con liortas internas non é boa e penaliza. Pero penso que penaliza menos que nunhas municipais ou autonómicas. As liortas están en todos os partidos, polo tanto, penalizalle a todos. Podemos ten líos en Andalucía, en Aragón.

E aquí, onde hai un ex secretario xeral que está criticando duramente ao actual secretario xeral a ti te parece normal?
Non.

E iso axuda a crear unha imaxe sólida do partido?
Sen dúbida que non. Iso está claro e sería unha animalada dicir o contrario. En todo caso, eu insisto que a xente sabe distinguir entre eleccións xerais e autonómicas ou locais. Imaxínate que temos unha lista con Felipe González, Zapatero, Guerra, Solana... O dream team do socialismo. E temos aquí a Pachi Vázquez pelexandose con este ou aquel. Ti cres que a xente vai deixar de votar ao PSOE por iso?. Non. Aquí en Galicia xa tivemos unha banda durante anos e ganábamos en Madrid. E a xente votaba como votaba.

A banda que te refires, a Pachi Vázquez?
Refirome en xeral. A xente pode dicir vaia banda Pachi, vaia banda Sestayo, vaia banda Valentín, pero seguir votando ao PSOE porque temos un dream team.

Aclarame unha cuestión. Xa se solvetaron as diferencias que houbo con José Manuel Pequeño cando foches elixido presidente da deputación?
Si. Onde vai. Xa entramos aquí con iso aclarado. A relación persoal é absoluta e maravillosa. Podería ter sido un magnífico presidente. Agora estou eu pero, se me pasa algo, hai un substituto acojonante. E despois tamén leva a área adecuada. Percorre a provincia de arriba a abaixo. Está cómodo. O importante é que hai que ter xenerosidade. Tívoa Pequeño antes de entrar e ese tema xa quedou pechado.

Faime unha quiniela electoral
Gañará o PSOE por pouco.

E logo, o pacto, con quen. Tes dúas mozas para elixir?
Ou ningunha... Depende do que planteen esas forzas na negociación.

Pero tes preferencias, Podemos ou Ciudadanos?
Hai unha única exclusión, o PP. O resto está todo aberto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 eusi

En Compostela ides gañar por goleada, pero o último posto! Cada vez que podedes demostrades quen sodes, un fato de españoleiros famentos de carroña, poder e alonxados da cidadania. Desaparece do mapa e farédeslle un ben ao mundo

2 André

Dime que herba esnifas FarodoPSOE? Hai que ser parvo.

1 FartodoPSOE

ja,ja,ja...De sueños también se vive. El PSOE, hasta que no se sacuda la suciedad del nazionalismo, no tienen nada que hacer. Los votos "españolistas" se los llevarán ciudadanos y el PP (alguno hasta Podemos); los votos nazios, irán al BNG (pocos) o a AGE, y así, poco a poco, irá desangrándose hasta terminar en la más absoluta intrascendencia. Al tiempo. En Galicia, sin los nazionalistas, ya no pintan nada. Pronto dejarán de hacerlo hasta con ellos, ya que el BNG también va de capa caída. Ya veréis,

1 FartodoPSOE

André, recordarás lo que he dicho después de las elecciones generales. Te invito a comentar el resultado en este mismo medio y sacamos conclusiones ¿de acuerdo? A ver cual es el resultado del PSOE. Respecto a lo de la hierba que esnifo...mejor dejarlo ahí. Yo no pongo en duda tu sobriedad ni el consumo moderado de estupefacientes. Los comentario los envío cuando estoy borracho, por supuesto.