Baleiran artificialmente o humidal protexido da Frouxeira

Adega cuestiona esta actuación e denuncia que alterar a dinámica natural "a golpe de escavadora para salvagardar un paseo marítimo mal deseñado" non é unha estratexia válida para xestionar un espazo protexido.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 10/12/2015 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

No outono recárganse os humidais e chegan as aves invernantes. Mais na lagoa Frouxeira o que retornan son as palas mecánicas á praia para a abrir a lagoa e evitar a inundación dun paseo marítimo. É a denuncia que fai a asociación ecoloxista Adega que esta actuación está provocando danos "irreparables" neste ben natural.

A actuación consiste no baleirado artificial con maquinaria pesada dunha lagoa con 5 figuras de protección ambiental, xestionada pola Xunta como un estanque urbano. "O espectáculo deste ano foi ademais bastante chafalleiro: os técnicos da Xunta iniciaron a apertura esta pasado día 4, contravindo os criterios fixados no Decreto 30/2015. Alterouse a barreira litoral etratouse de enmendar o erro abrindo unha nova canle ao día seguinte (e van dúas), que tampouco se axusta ás especificacións establecidas no Plano de Conservación", denuncia.

"Áltérase e pódese danar a barreira litoral, provocando o desaugadoiro da lagoa, e o inicio dun longo período de aridez no humidal xusto cando máis auga debería conter", apunta Adega nun comunicado. Así, salienta que este comportamento, contrario ás tendencias naturai,s provoca unha grave afección sobre o estado de conservación dos hábitats e as poboacións de flora e fauna acuática, así como sobre a estrutura e o funcionamento ecolóxico deste humidal.

Esta actuación é, supostamente, legal. A Xunta aprobou un Plano de Conservación (Decreto 30/2015), que o permite, a pesar de que Adega denuncia que ten "pouco rigor científico e técnica", e cuxas determinacións resultan, na súa opinión, contrarias aos acordos internacionais que amparan a protección dos humidais (Convenio Ramsar), así como á normativa europea (Directiva Hábitats), estatal (Lei 42/2007) e galega (Decreto 127/2008; Decreto 37/2014). A aprobación deste Plano, di, realizouse ademais sen o apoio das organizacións ambientalistas e sen o aval das universidades e centros de investigación galegos.

Pero, a pesar da súa aprobación, Adega di que non se está cumprindo. "As plantas exóticas invasoras seguiron medrando sen control, mentres que superficies ocupadas por hábitats prioritarios foron rozadas. Os usos públicos tampouco melloraron: séguese permitindo a circulación e aparcadoiro de vehículos sobre hábitats moi sensibles e tolerando a presenza de cans soltos sobre o sistema dunar e o humidal en época de cría de especies protexidas", denuncia.

Pola súa banda, a Xunta e veciños da zona defenden esta actuación para evitar os asulagamentos das vivendas anexas á Lagoa da Froixera como xa aconteceu en invernos pasados.

Bulldozer abrindo a canle artificial na Lagoa da Frouxeira- Valdoviño
Bulldozer abrindo a canle artificial na Lagoa da Frouxeira- Valdoviño | Fonte: ADEGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta