A USC, a segunda universidade que máis fondos recibe do Ministerio para proxectos de excelencia

A Universidade de Santiago recibirá 303.057 euros do Programa Campus de Excelencia Internacional.

Por GC Emprende | Santiago | 11/12/2015 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago é a segunda universidade de España que máis fondos recibirá na convocatoria de axudas para a consolidación de proxectos de excelencia do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, cun total de 303.057 euros.

Campus de Santiago.
Campus de Santiago. | Fonte: USC.

A convocatoria, dotada con 6,1 millóns de euros para as universidades públicas e 900.000 euros para as privadas, pretende continuar desenvolvendo as actividades das universidades e Campus de Excelencia Internacional que teñen demostrado maior impacto para a mellora das universidades en canto a docencia, doutoramento, especialización, internacionalización, atracción de talento, mobilidade, emprendemento e mellora e innovación docente, entre outras. 

Coa denominación Programa Campus de Excelencia Internacional, esta convocatoria ministerial permitirá financiar accións específicas que contribúan a continuar a consolidación dos Campus de Excelencia existentes, fomentando a colaboración entre os axentes do coñecemento e os socioeconómicos, administracións e organismos civís. 

As actuacións para as que Campus Vida da USC ten acadado a axuda do Ministerio inclúen un programa de apoio á internacionalización da Escola de Doutoramento Internacional, cunha achega de 46.250 euros; un programa de excelencia investigadora en India e Irán, cunha dotación de 45.807 euros; e un programa posdoutoral internacional da Rede de Centros Singulares de Investigación de Campus Vida, con 26.000 euros de subvención, informa a USC.

Ademais, en materia de atracción de talento, o campus de excelencia compostelán obtivo unha axuda de 90.000 euros aos que se sumarán outros 30.000, para o desenvolvemento de programas de innovación docente a través de e-learning e cursos masivos abertos en rede MOOCs. As axudas tamén supoñen unha subvención de 40.000 euros para a consolidación da actividade da spin-off Situm Technologies e outros 25.000 de apoio aos programas de emprendemento promovidos pola institución docente compostelá. 

O listado das universidades que máis recursos captaron nesta convocatoria está encabezado polas de Granada (322.972 euros), Santiago (303.057) e Barcelona (302.627), seguidas pola Autónoma de Barcelona (292.366), Salamanca (263.179) e Politécnica de Cataluña (262.050).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta