Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/12/2015 | Actualizada ás 14:00
A CIG, o maior sindicato galego, e no que hai militantes de distintas formacións políticas, acaba de posicionarse claramente nos comicios do vindeiro 20 de decembro. Pide claramente o voto para unha formación “como foi a do nacionalismo galego representado polo BNG nos últimos anos”. Unha clara alusión a Nós-Candidatura Galega, que pivota o propio Bloque.
“Pero ese cambio de goberno no Estado de pouco nos serviría a Galiza, ás súas clases traballadoras, se non conseguimos que exista, alí no Parlamento español, unha voz, como foi a do nacionalismo galego representado polo BNG nos últimos anos, que sen ataduras a estratexias españolistas”, suliña nunha declaración institucional ante estes comicios.
A CIG insiste en que hai que apoiar a unha forza que “defenda os nosos sectores produtivos, as nosas infraestruturas, o noso medio natural, as nosas e os nosos emigrantes retornados, o dereito á negociación colectiva na nosa terra, a unhas pensións dignas... e o dereito a exercer libremente a nosa soberanía como nación”.
Precisamente, e aínda que non nomea explícitamente unha candidatura, a súa declaración remata cunha aposta por “aquela candidatura galega que sabemos que vai estar connosco na rúa e no Parlamento español cando se trate de defender os nosos dereitos e os nosos intereses como nación galega e como pobo traballador. Depende de nós e só de nós”, indica ao facer alusión á candidatura Nós.
Esta central sindical lembra que depende “da propia representación que obteña o nacionalismo galego” neses comicios como lle vai afectar aos galegos aspectos como as condicións económicas, laborais e sociais “e tamén coa nosa capacidade reivindicativa como clase traballadora e como pobo”.
Así, lembra que desde o estourido da crise, a inicios do 2008, até a actualidade, tivo lugar un “importante retroceso” na calidade de vida, nos dereitos laborais e sociais e mesmo nas liberdades públicas, para a maioría da sociedade.
Unha situación da que responsabiliza, por outra banda, a “unhas institucións políticas e financeiras (CE, BCE, FMI,..) e unhas forzas políticas (PP, PSOE, CIUDADANOS, etc.) que gobernan por e para esa oligarquía financeira”.
“Esta situación pódese mudar, ten solucións e están nas nosas mans”, di. “Agora debemos darlle continuidade a estes actos de protesta e mobilización coa acción do noso voto, impedindo que aqueles que son responsábeis desta perda de dereitos, de calidade de vida e da ruína de Galiza, podan seguir a gobernarnos, sexa coa careta vella (PP) ou coa nova (CIUDADANOS)”, sinala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.