O BNG critica duramente as enquisas e debates por “españolizar” a campaña

Nun comunicado interno insta a súa militancia a intensificar os seus esforzos para convencer aos galegos para superar a “ocultación mediática”. Presenta un recurso perante o plano de cobertura da TVG e Radio Galega desta campaña electoral.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/12/2015 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

Varias enquisas electorais apuntan a que Nós-Candidatura Galega, a lista electoral impulsada polo BNG, non obterá representación nos comicios do 20D. Un feito co que non coincide a Executiva nacionalista que nun comunicado critica duramente estes traballos demoscópicos e denuncia a "españolización" da campaña.

Executiva do BNG
Executiva do BNG | Fonte: bng-galiza.org

Así, denuncia que as enquisas “perderon de xeito definitivo a súa finalidade de reflectir o estado de opinión” porque, di esta formación, “substituíron a súa función pola de inducir un determinado estado de opinión”. “Especialmente grave no caso das gobernamentais -CIS, polo seu carácter público- que no caso da Galiza resulta claramente cuestionábel: pregúntase por unha alternativa aínda non conformada cando foi realizada a mostra, como Nós-Candidatura Galega, que obtén (segundo ese pintoresco criterio demoscópico seguido) menor apoio que a opción de voto ao BNG nesa mesma enquisa”, indica.

“Non podemos albiscar o resultado electoral, mais si afirmar con rotundidade que a mostra non se fundamenta en parámetros cientificamente aceptábeis, e si nunha evidente intencionalidade política”, indica este comunicado interno remitido a todos os militantes.

Un comunicado no que tamén se cuestionan os debate televisivos e se critica que se queira “españolizar” a campaña cun “novo tetrapartidismo” entre PP, PSOE, C's e Podemos. O vello esquema aínda máis reforzado: España, centro de información e aparente debate; Galiza, inexistente”. “En definitiva, a consideración da política como espectáculo mediático, substituíndo o contraste de ideas en pé de igualdade pola aparición dos líderes españois en platós antes reservados aos reality shows e ao resto de telelixo”, engade.

Así, critica que se “anule e oculte” a presenza mediática da alternativa nacionalista que representa Nós-Candidatura Galega. Neste sentido, lembra que esta lista xa presentou un recurso perante o plano de cobertura da TVG e Radio Galega desta campaña electoral por suspender conexións en directo ou eliminar debates en cada unha das circunscricións. “Co fin de españolizar aínda en maior medida a campaña e residualizar do punto de vista informativo a Nós-Candidatura Galega, malia á súa condición -en virtude da representación parlamentar do BNG- de forza representativa”, engade.

Por iso, insta a súa militancia e simpatizantes “encarecidamente a saír á rúa, a intensificar o labor de contacto social directo, persoal, e a “popularizar colectivamente” a alternativa de Nós-Candidatura Galega. “O único xeito de superarmos a ocultación mediática é a través da visualización social e de rúa, do noso traballo. Fagámolo co orgullo de sermos a alternativa 100% galega”, engade o comunicado que lembra que “cada voto conta”.

Está en xogo a existencia política e visíbel da Galiza como nación e con representación xenuína, non submisa a ninguén. O resultado, máis que nunca, estará en función do noso traballo e da nosa determinación, individual e colectiva”, recolle a misiva. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

10 cachamuinha

E con esa executiva que outro resultado pode haber máis que o fracaso máis absoluto?

9 Mendinho

Chorar choran ben facer boas propostas que conquisten a cidadanía e outra cousa. Debe ser que a xente xa non lle vale a banderiña e o discursiño habitual e non descoñece as practicas destes neolepenianos cando chegan ao poder

8 Chan Gúi

Está claro que os medios fan todo o posible por esfumar calquera información sobre esta candidatura. Tamén vexo claro que independentemente do que diga, a xente en xeral, actúa influída por esta españolización. É simplemente unha descrición da realidade. Supoño que algo que fai grande a alienación é que os alienados precisamente non se dan conta e xustifican até a extenuación a súa postura, pero por iso triunfa. Recordade: os negros escravos non conseguiron a liberdade porque foran conscientes da súa situación nin por ningunha revolución que fixeran eles. Conseguírona porque aos brancos do norte de USA lles interesou nun momento ter man de obra barata para a industria que estaba a desenvolverse neses estado do norte. Cada un que xulgue e reflexione.

7 .Ana

Eu confio en que NÓS acade un escano pola provincia da Coruña. Seria xenial que NÓS finalmente acadase 1 escano e En Marea 5. Entre todos podemos facelo posible.

6 balbino

E máis e máis críticas sin fundamento contra o único partido que se adicou a defender a Galicia, o BNG xa pagou os seus erros con creces nás urnas, basta xa de criticar o BNG é a súa militancia que traballan e poñen cartos do seu peto para defender os intereses de Galicia.

1 Belinda

Se algunha militancia do BNG non dedicase o seu tempo a poñer podre a única candidatura irmá ou curmá, En Marea, seguro que recibía menos paos da xente farta de tanta soberbia e tanto sectarismo.

2 balbino

Creo que moitos queríamos unha candidatura conxunta, e agardo que tódolos votos que non sexan pa un sexan pa o outro e viceversa, o de soberbia e sectarismo de verdade que non sei de onde ben, eu só miro a xente que sen ningunha remuneración pega carteis, ensobra votos e participa na campaña por defender uns intereses conxuntos e que non volvan gañar en Galicia uns deputados premebotóns en contra nosa.