A cúpula de Caixanova, novamente nos xulgados

Antigos dirixentes da extinta caixa galega declaran por unha operación inmobiliaria de 67 millóns de euros en Rivas Vaciamadrid.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 15/12/2015 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

A cúpula de Caixanova volve novamente ao xulgado. Seis dos membros da cúpula da antiga Caixanova, entre os que se atopa o seu expresidente Julio Fernández Gayoso, declararon este martes na Audiencia Nacional na investigación por unha operación inmobiliaria por valor de 67 millóns de euros na localidade madrileña de Rivas Vaciamadrid.

Membros da cúpula de Caixanova xulgados nos tribunais
Membros da cúpula de Caixanova xulgados nos tribunais | Fonte: elconfidencial.com

A xuíza Carmen Lamela investiga, en concreto, o posible prexuízo patrimonial á extinta Caixanova e á financeira inmobiliaria da caixa, Proinova. Unha investigación que se fai logo de ser admitida a trámite unha denuncia da Fiscalía Anticorrupción en relación a esa operación inmobiliaria, que tivo lugar entre 2007 e 2010. Entón realizouse un préstamo para a compra  “dunhas leiras" por valor de 67 millóns que terminou cunha dación en pago ao entrar en crise os prestatarios.

O seis membros da antiga cúpula da entidade financeira, que declararon en calidade de investigados, argumentaron ante o xuíz que a operación foi "controlada e axustada á lei" e realizouse "en beneficio da caixa".

Fernández Gayoso era por entón o presidente da comisión delegada de Caixanova. Tamén compareceron José Luís Pego, Gregorio Gorriarán (conselleiro delegado de Proinova), e Domingo González Mera, así como Miguel Aragonés Rodríguez e Delfín Ferreiro Rodríguez, vogais da comisión delegada de Caixanova nesa data. Nos vindeiros días están previstas outras comparecencias de altos cargos da ex caixa e de empresarios.

Precisamente, algúns dos investigados por esta causa tamén foron condenados a 2 anos de cárcere pola súa xestión en Novacaixagalicia, a entidade que xurdiu da fusión Caixanova e Caixa Galicia. Entre eles, están Gayoso, José Luís Pego e  Gregorio Gorriarán, por delitos de administración desleal e apropiación indebida polo cobro de prexubilacións millonarias, que ascenderon a 14 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta