“Desde os micromundos provinciais tamén se pode transformar”

Eladio Medel, foi un activo militante de Podemos en Ourense, e agora é o cabeza de lista de X A ESQUERDA, unha candidatura que pretende, tamén, mobilizar ao electorado de esquerda ante a “desregulación dos mercados”. Critica á formación morada, e tamén a parte de Anova, por, segundo di, “ter como obxectivo aniquilar ao BNG”.

Por Xurxo Salgado | Ourense | 16/12/2015 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

X A ESQUERDA é unha candidatura que vaille disputar o voto do descontento social a Nós e a En Marea en Ourense. Eladio Medel, avogado e escritor, é o seu cabeza de lista e foi membro da Comisión de Garantías de Podemos, do que saíu criticando as formas da formación morada.

Eladio Medel, candidato de X A ESQUERDA
Eladio Medel, candidato de X A ESQUERDA

Por iso, Medel amásase moi crítico con Podemos, que integra a candidatura de En Marea, ao igual que con outras formacións desa lista. “Ao respecto de Podemos, como parte de Anova, o seu único obxectivo é aniquilar ao BNG e esta non é a nosa idea da política, nós somos máis partidarios da mediación e de achegar posicións”.

O obxectivo da súa candidatura é que a xente “actúe”, se mova, “ante a desregulación dos mercados. Por iso, o seu slogan é “Ourense: Primeiro a xente para gobernar distinto”. Esta lista só ten representación nesta provincia “porque dende os micromundos provinciais algunha acción debe ser tentada para transformar a forza incontible da corrupción no seu contrario”.

Por que decidichedes impulsar unha candidatura de esquerdas en Ourense. Non vos convencen as que hai? 

“Economía e Xustiza Cidadá” é unha plataforma cidadá que se  incorpora á X A ESQUERDA, que o 26 de outubro de 2015 decide dar un paso definitivo á acción política, porque non lograremos cambiar a sociedade dende a  pasividade e o desencanto, senón dende o compromiso social e a loita.

Integrantes da candidatura de X A ESQUERDA
Integrantes da candidatura de X A ESQUERDA

Somos a mellor candidatura posible para Ourense dende os nosos ámbitos profesionais da xustiza e a mediación, do turismo e o medio, do benestar e a inclusión social, da empresa e o emprego, da cultura e o deporte. A nosa candidatura é a mellor posible para recuperar a dignidade individual e colectiva de Ourense. Dende Ourense ímoslle dar á cidadanía o protagonismo que demanda e merece. 

Moitos de vós procededes do sector crítico de Podemos. Ti mesmo encabezaches unha lista crítica en Podemos. Tivo algo que ver na presentación desta lista?

Non é certo. A única persoa da candidatura de Ourense que estivo en Podemos fun eu, e para iso non no aparato político, senón na comisión de garantías democráticas. Ao respecto de Podemos, como parte de Anova, o seu único obxectivo é aniquilar ao BNG e esta non é a nosa idea da política, nós somos máis partidarios da mediación e de achegar posicións.

E que reclamades vós que non reclamen outras listas das que xa se presentan?

X A ESQUERDA, pretende xustamente recuperar esa a noción: a de persoas conscientes do seu contorno e que reclaman á política que actúe, ante a desregulación dos mercados. De ahí o noso slogan “Ourense: Primeiro a xente para gobernar distinto”.

Cres entón que non hai ningunha lista onde o poder veña de abaixo para arriba?

A lexitimidade parlamantar de"X A ESQUERDA, vén avalada polos Verdes. Ademais de Economía e Xustiza Cidadá entre as plataformas cidadás de X A ESQUERDA está Convocatoria Cívica de Baltasar Garzón.

Ourense pola esquerda é a única destas candidaturas que se presenta. Por que non houbo listas no resto das provincias? 

Nós nos presentamos en clave provincial, sendo conscientes que se están a elixir os nosos representantes provinciais non outra cousa, porque dende os nosos micromundos provinciais algunha acción debe ser tentada para transformar a forza incontible da corrupción no seu contrario.

Como estades levando a campaña?. Que actos facedes? 

A impunidade na clase política e demais operadores económicos e financeiros cuxas malas prácticas contribuíron á actual situación, teñen sumida á poboación na indignación, na desesperanza e na agonía por ser exasperados por aquela ambición descontrolada. Nós mesmos estamos moi preto das vítimas desta impunidade así que estamos moi próximos a realidade que nos tocou vivir, esa é a nosa campaña, a pé de rúa.

Dentro da vosa lista hai grupos e xente que noutras provincias apoia públicamente a lista de Nós, como é o caso de Nova Esquerda Socialista. Cres que é congruente esa postura? 

Por salvagardar un réxime democrático cada vez máis deteriorado veñen xurdindo novos movementos políticos e sociais, como “Economía e Xustiza Cidadá”, en defensa dos dereitos humanos e das liberdades públicas, así como da economía social e dos servizos públicos protectores dos cidadáns, que garantan a paz e a convivencia democrática. Todos aqueles que compartan estes principios iranse sumando a X A ESQUERDA estou seguro, como partidos políticos ou como colectivos sociais coma é o noso caso.

Que agardas dos comicios do 20D? 

Ourense pola Esquerda reúne aos mellores candidatos para a transformación social desta provincia, tanto para o Congreso coma para o Senado, para saír do estrangulamento económico e caciquil na que nos atopamos. Agora depende da xente do seu voto non nacido pola vontade senón sostido por ela. Dun voto consciente e real.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Pois nada... a seguir dividindo o pouco que teñen "na esquerda" en Ourense !!! http://www.quepoliticoeres.org/comp... Isto xa parece IKEA

1 vexo a tele...logo existo

Ao BNG e a Izquierda Unido todo hai que decilo.. O seguinte paso é o independentismo vasco e catalán. Podemos foi creadora nas cloacas do réxime e a axuda de mercenarios quintacolumnistas e os medios de propaganda e alineación social do réxime e a mafia banqueira oligárquica. Tanto Plamemos coma Errejón ou Billetero traballaban pra IU, na dirección de campaña. Eran os infiltrados de IU na primaveira de cores da "disidencia" pre fabricada que foi o 15M, Na realidade se trataba de levar o descontento ó rego do sistema e sacar as protestas da rua e centros de traballo, pero cando IU empezou achegarse acs 40 escaños según as enquisas...naceu Podemos. O mesmo pasou co BNG e Beiras, Martiño erc....ou ainda quedan parvos que pensan que o de Amio foi casualidade?