"Probamos de todo, ata agasallala", o tormento das explotacións de ovino, a la almacenada sin saída

Falamos co gandeiro Javier Rodríguez Picado, sobre o momento que atravesan como criadores de ovellas.

Por Amanda Fernández | Lugo | 16/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Situámonos na parroquia de San Salvador de Outeiro, en Lugo, para visitar unha granxa de ovino que foi de xeración en xeración. Javier Rodríguez Picado está ao fronte da explotación San Salvador SC, xunto aos seus dous irmáns, e conta con máis de 400 ovellas. "Foi algo que herdamos dos nosos avós, que logo colleu a nosa nai, e continuamos nos", comenta. Os tempos xa non son os que eran e a forma de vivir do campo tamén mudou, pero seguiron con esta actividade porque lles gusta. Así, naceron aí, vivíronnno desde nenos e dáballes rabia que todo o que iniciaron os seus avós quedase abandonado". 

As ovellas da explotación en San Salvador de Outeiro
As ovellas da explotación en San Salvador de Outeiro

Máis aló do lado romántico, lamentan que a nivel económico non sexa tan rendible como debería. No seu caso, foron cruzando razas na procura dun tamaño de ovella que se adaptara ben para producir aquí. Confesan que "os cordeiros teñen bo prezo", pero que tamén os custos de producción son moi elevados, polo que "a cousa segue estando igual que estaba". A razón pola que seguen é "moi vocacional", xa que se dedican, como sociedade, a outras actividades relacionadas co ámbito forestal e servizos. "Son moitas cousas e isto aguantámolo porque nos gusta, non polo que nos está aportando economicamente", manifesta, sendo unha explotación dedicada á producción de carne.

Nesta explotación non teñen ovella galega porque, segundo explica, en termos de producción, a un cordeiro desta raza autóctona lévalle máis tempo desenvolverse. A ovella con cruce en menos tempos consegue os mesmos quilos de carne. "Require máis paciencia á hora de conseguir unha producción", comenta.  

O DÍA A DÍA E O FUTURO 

"Botamos moitas horas con elas", recoñece Javier e sinala que mesmo esta semana estiveron facendo co veterinario control de desaparasitación e vacinación. O mantemento implica moitas horas, sacalas, volver metelas, arranxar as cortes... E empeora cos partos: "Atreveríame a dicir que cando hai partos estamos unhas 15 ou 16 horas na corte". Máis aló desa excepcionalidade, considera que unha persoa, en condicións normais, debería estar de seis a outo horas. 

La almacenada na explotación
La almacenada na explotación

Agora na explotación teñen unhas 430 cabezas, pero chegaron a ter case 800 en tempos pasados. Foron a menos, por motivos familiares, pero tamén por falta de obra suficiente para o volume de traballo que hai. "Ao non conseguir persoal tes que recortar dun lado e doutro porque non hai maneira", lamenta. Así, do sector ovino, destaca que tanto ovella como cabra, é un animal que, pese a ser selectivo, se adapta ben a calquera tipo de pasto. Conta como anécota: "Antes aquí plantouse un monte e o rabaño saía moito para aló, tanto que o desbroce era case inexistente porque controlaban o mato perfectamente". 

Pensa que haberá futuro na cría de ovella? "Agardamos que si, que isto cambie algún día e se comece a apreciar un pouco o traballo da xente, que se dedica a dar de comer aos outros". Fai fincapé que ao final fano por unha prestación e rendemento, pero que tamén agarda que se chegue a valorar o traballo do sector primario: "Somos os que mantemos a poboación das grandes cidades, xa que son os que realmente precisan de nós".  

O CALVARIO DA LA ALMACENADA

Queda claro que dedicarse ao gando non é doado e que se enfrontan a moitas trabas, pero no caso das ovellas, hai un inconvinte engadido. Ás ovellas hai que quitarlles a la "polo seu benestar" e as altas temperaturas nun mes de agosto. "Hai la da campaña anterior, igual 2800 ou 3000 quilos e debe haber de dúas campañas máis, toda almacenada que non se recolleu", resopra Javier ao tocar este tema. 

Expresa que "non houbo maneira de desfacerse dela", que probaron de todo, ata agasallala á xente que fai pequenas cousas de la. "Poden levar un sacou ou dous pequenos, pero o resto queda todo aí", manifesta. O problema principal é que é un producto que non é fácil "destruír ou desfacerse del" e cando veñen de inspección avisan de que hai que ter un sitio habilitado para almacenala: "Non se pode ter a intemperie e ao final acabas andando con todo iso pola granxa adiante dun sitio para o outro. Os sacos que agora están na palleira, en tempo de recoller a forraxe, hai que movelos para outro sitio". 

Revindica que supón un residuo que hai que estar movendo constantemente porque "se o tes fóra, malo, e se o tes dentro, malo", polo que é un auténtico "enredo". Conseguirán sacar eses sacos cheos de la nalgún momento? 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta