Temas: LOBO XUNTA

Aumentan as axudas polos ataques dos lobos, pero sen especificar os prazos para cobralas

Medio Ambiente destina 360.000 euros para compensar os danos ocasionados pola perda de gando. Actualmente téñense detectado preto de 90 mandas de lobos en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/12/2015 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará un total de 360.000 euros á orde de axudas destinada a compensar os danos ocasionados por ataques de lobos ás reses de explotacións gandeiras de Galicia.  Un diñeiro que case triplica o destinado pola Xunta este ano, pero que chega sen prazos de entrega concretas.

Poldro devorado polos lobos en xuño nos Ancares
Poldro devorado polos lobos en xuño nos Ancares | Fonte: GC

E é que numerosos gandeiros téñense queixado nos últimos meses da tardanza en cobrar estas axudas que, din, chegan con dous anos e, mesmo, con máis tempo, de atraso o que dificulta que poidan repoñer as reses atacadas.

O Consello da Xunta aprobou este mércores esta nova convocatoria, que abranguerá o período que vai desde o 1 de outubro deste mesmo ano ata o 30 de setembro do próximo
exercicio. Poderán optar a estas subvencións os propietarios de gando vacún, ovino,
cabrún, equino e porcino de Galicia
, sempre que os danos procedan de ataques que
non podían evitarse.

Preguntado por GC sobre se a orde ten prazos concretos para o pago destas axudas aos gandeiros, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non puido precisar se haberá máis celeridade. "Se se triplica a axuda por algo será, porque antes non había tanto orzamento", limitouse a responder.

O lobo mantén en Galicia unha poboación abundante, que se estende por unha ampla
zona do territorio de Galicia. Actualmente hai 90 mandas de lobos, 14 delas son compartidas con Portugal. Atópanse, principalmente concentrados en sete concellos galegos da dorsal galega e das serras orientais de Lugo e Ourense.

Unha femia de lobo cos seus cachorros
Unha femia de lobo cos seus cachorros

Nos últimos anos aumentaron os ataques a reses que se atopan en zonas apartadas provocadas polas  necesidades alimenticias desta especie que aumentou o seu número. Unha presenza do lobo que é criticada polo sector gandeiro. Por iso, esta orde de axudas de carácter compensatorio ten como obxectivo, segundo a Xunta, “conciliar o interese pola pervivencia da especie coa viabilidade das actividades gandeiras”.

Temas: LOBO XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta