Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 17/09/2024 | Actualizada ás 13:45
Os dous incendios que afectan o concello ourensán da Gudiña, concretamente á parroquia de Barxa e Pentes, continúan crecendo e suman xa 90 e 200 hectáreas arrasadas, respectivamente. Mentres, o de Laza quedou xa extinguiudo tras afectar a 68 hectáreas.
Segundo o último parte de incendios da Consellería do Medio Rural, o de Pentes, o máis grande cunha estimación dunhas 200 hectáreas, continúa estabilizado --sen controlar-- desde a pasada medianoite e "evoluciona favorablemente". Nel levan traballado 15 axentes, 26 brigadas, 12 motobombas, catro pas, dous técnicos, dez helicópteros e oito avións.
En canto ao segundo, en Barxa, continúa activo tras iniciarse sobre as 00.17 deste martes. Afecta, polo momento, a 90 hectáreas. Na súa extinción mobilizáronse nove axentes, 11 brigadas, oito motobombas, dúas pas, catro técnicos, oito helicópteros e oito avións, así como medios terrestres procedentes de Portugal.
En canto ao de Laza, na parroquia de Trez, a Consellería deuno por extinguido ás 20.43 horas da tarde deste martes, dous días despois de que se detectase. No seu caso, afectou a unha superficie de 68 hectáreas --50 de monte raso e 18 de arboledo-- e traballaron 17 axentes, 33 brigadas, 22 motobombas, dúas pas, dous técnicos, oito helicópteros e catro avións.
A maiores, a Xunta informa de que está activo outro lume no concello de Cerdedo-Cotobade, desde as 17.19 horas deste martes. Leva calcinadas unhas 20 hectáreas da parroquia de Agusantas e mobilizáronse oito axentes, 15 brigadas, dez motobombas, dúas pas, catro técnicos, cinco helicópteros e seis avións.
Cabe lembrar que nas últimas horas tamén se deu por controlado un incendio de 15 hectáreas en Porto do Son, parroquia de Caamaño, que chegou a estar próximo a vivendas durante a madrugada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.